Saltar ao contido

Folga mineira de Asturias de 1962

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Folga mineira de Asturias de 1962
Antifranquismo Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Parte de
Datas
 Data de comezo
6 de abril de 1962 Editar o valor en Wikidata
 Data de remate
7 de xuño de 1962 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Localización
 País
Wikidata
Pozo Lláscares de La Felguera, unha das minas cuxos traballadores participaron na folga

A folga mineira de Asturias de 1962 (coñecida tamén como a huelgona ou a folga do silencio) foi unha folga obreira que tivo lugar na primavera de 1962, durante a ditadura franquista.[1] A folga terminou dous meses despois de comezar, con numerosos mineiros deportados, unha dura represión e tras conseguir algunhas reivindicacións.[1]

Contexto económico e social

[editar | editar a fonte]

En 1959 iniciouse en España o chamado Plan de Estabilización. Este liberalizou a economía española e prexudicou gravemente a minaría, que non recibira novos investimentos por parte dos empresarios desde finais do século XIX. De aquí chegouse a un malestar salarial e á carestía a nivel social, polo que pouco tempo despois as empresas mineiras foron nacionalizadas. Isto provocou que os beneficios económicos da minaría fosen privatizados, mentres que as súas perdas foron asumidas pola maioría da poboación.[1][2] A isto súmaselle o inconformismo xeral co franquismo que se ía presentando cada vez máis como algo «arcaico». Ademais, o nacemento de mozos que non viviran a Guerra civil nin a represión serviu para reforzar o movemento obreiro.[2]

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Xa en 1957 e 1958 tiveron lugar folgas no Pozo María Luisa e nas minas de Carbones La Nueva. Porén, en 1962 oito mineiros foron despedidos do Pozo Nicolasa (Mieres) ao protestaren polas duras condicións de traballo. Este foi, xunto coas duras condicións de vida na Conca mineira e a maioría de mozos dispostos a enfrontarse ao réxime, o detonante da folga.[1]

Desenvolvemento da folga

[editar | editar a fonte]

Así pois, a mañá do 6 de abril de 1962 comunicóuselle o despido aos mineiros. Como medida de solidariedade, os seus compañeiros do pozo Nicolasa negáronse á súa vez a traballar, polo que días despois outros 25 mineiros foron despedidos.[1] Así comezou a folga, que chegou a mobilizar en Asturias preto de 65 000 obreiros de diversas industrias.[2] Foi coñecida como folga do silencio porque se desenvolveu de xeito pacífico e silencioso. Isto estrañou ás autoridades, máis afeitas á actitude agresiva dos mineiros asturianos.[3] Ademais, durante a folga destacou a solidariedade entre os folguistas, que acabou resultando clave para que puidese sosterse. Foron postos en marcha comedores infantís gratuítos.[3]

Porén, pasado o primeiro mes de folga, a situación complicouse e as familias comezaron a ter problemas serios para subsistir, co que algúns intentaron volver á mina. Entón, as mulleres integradas no Partido Comunista decidiron continuar a folga e organizar piquetes, así como levar a cabo labores de información ao resto de mulleres para que o paro puidese seguir.[4] O papel de mulleres como Anita Sirgo, Tina Pérez ou Celestina Marrón foi fundamental para crear redes solidarias, pedindo comida e logrando a subsistencia cando parecía que a folga ía fracasar.[4][5]

Conclusión

[editar | editar a fonte]

Entre o 4 e o 7 de xuño de 1962 a folga cesou e os traballadores volveron aos seus postos. O entón ministro xeral do Movimiento Nacional, José Solís Ruiz, negociou directamente cos folguistas.[3] Parte das reivindicacións foron concedidas: houbo melloras salariais, revalorización das pensións, anulación dalgunhas sancións e liberdade para os detidos.[6] Foi a única ocasión durante o franquismo na que, estando prohibido o dereito a folga, un ministro cedeu e acudiu directamente a negociar cos folguistas e non co Sindicato Vertical.[7] Naquelas xornadas Solís colocou un ramo de flores fronte ao monumento ao traballador mineiro en Sama (Langreu) como xesto de boa vontade.

Foron atendidas varias das reivindicacións obreiras que, ademais, ficaron recollidas no BOE.[8] Con todo, tras as folgas, un gran número de mineiros foron despedidos ou deportados fóra de Asturias.[1] Tras o peche de mulleres na catedral de Oviedo, o movemento tamén provocou friccións entre a Igrexa e o réxime.

Consecuencias e repercusión

[editar | editar a fonte]

Represión

[editar | editar a fonte]

O réxime, cuxa máxima autoridade en Asturias era Marcos Peña Royo, respondeu reprimindo as familias mineiras que participaron na devandita folga, ademais da represión silenciosa e cruenta das forzas da orde da época, como a Garda Civil. Durante o tempo que durou a folga foron detidos aproximadamente 400 traballadores e moitos deles torturados. Ademais, moitos traballadores foron forzados a saír dos seus domicilios para acudir forzosamente ao traballo. Outros traballadores foron procesados e deportados.[6]

A nivel nacional

[editar | editar a fonte]

A nivel nacional a folga mineira serviu como detonante para outras folgas xerais en toda España. Chegaron a mobilizar máis de 300 000 obreiros en todo o territorio. En gran parte destas mobilizacións, a razón explícita era mostrar solidariedade cos mineiros asturianos.[8] A huelgona puxo outra vez Asturias no foco internacional, cousa que non pasaba dende a Revolución de 1934.

Ademais, as folgas estendéronse por todo o territorio español con folgas de solidariedade.[2] Por outra banda, as folgas serviron como detonante para que a oposición ao franquismo se reunise en xuño de 1962 no coñecido como Contubernio de Múnic.[2] Ademais, un grupo de intelectuais encabezados por Ramón Menéndez Pidal asinaron un manifesto no que reclamaban liberdade informativa e o recoñecemento do dereito á folga. Así mesmo, en solidariedade coas mulleres dos mineiros que foran detidas, torturadas e rapadas,[9] un grupo de mulleres, entre as que se atopaban intelectuais notábeis como Dolores Medio ou Gabriela Sánchez Ferlosio,[10] saíron a manifestarse xunto con estudantes en Madrid e Barcelona, entoando varias veces o «Asturias, patria querida».[8] Ao acto, celebrado o 15 de maio, festividade de San Isidro na capital, acudiron unhas 400 persoas.[11] Para o escritor Jorge Martínez Reverte, durante a folga comezou a Transición española.[1][12]

Impacto internacional

[editar | editar a fonte]

Sindicatos franceses e galeses enviaron representantes a Asturias para coñecer sobre o terreo a realidade das condicións da folga.[2] Por outra banda, as noticias do peche das mulleres na catedral de Oviedo chegaron a outros países como Francia ou Bélxica, onde se organizaron folgas de solidariedade como medida de apoio á folga.[4]

Ademais, a folga contribuíu a mostrar o rostro totalitario do réxime franquista, o que dificultou a súa integración na Comunidade Económica Europea.[2]

Filmografía

[editar | editar a fonte]
[editar | editar a fonte]
  • Chicho Sánchez Ferlosio dedicou a súa canción Coplas del tiempo á folga de 1962, xa dende os primeiros versos: Hay una lumbre en Asturias / que calienta España entera / y es que allí se ha levantado / toda la cuenca minera.[13]
  • O pintor Pablo Picasso representou nun debuxo un puño que suxeita unha lámpada de mina en apoio ás folgas mineiras.[8][14]
  1. 1 2 3 4 5 6 7 "La 'huelgona' que hizo historia". El Comercio (en castelán). 8 de abril de 2012. Consultado o 9 de outubro de 2026.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 "El sacrificio que lanzó la transición". Público (en castelán). 1 de abril de 2012. Arquivado dende o orixinal o 5 de maio de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  3. 1 2 3 "Aquella primavera del 62". La Nueva España (en castelán). 9 de abril de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  4. 1 2 3 "Entrevista a Anita Sirgo". El Cuaderno Digital (en castelán). decembro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  5. ↑ "Huelgas de 1962". Fundació Juan Muñiz Zapico (en castelán).
  6. 1 2 "Asturies: la "Huelgona" de 1962". Viento Sur (en castelán). 20 de abril de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  7. ↑ "La movilización que hizo vacilar a Franco". La Nueva España (en castelán). 12 de abril de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  8. 1 2 3 4 "Una huelga de dimensiones históricas". Público (en castelán). 1 de abril de 2012. Arquivado dende o orixinal o 5 de maio de 2012. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  9. ↑ Comabella, Merche (2024). "El feminismo, dela clandestinidad a la libertad: breve relato del Movimiento Democrático de Mujeres". En Gómez Cuesta, Cristina; Esteban Recio, Asunción; Arriero Ranz, Francisco. Comprometidas. Historia y memoria de la movilización de las mujeres durante el tardofranquismo y la transición. (en castelán). Comares. p. 134. ISBN 9788413698250.
  10. ↑ Romeu Alfaro, Fernanda (2002). "Anexo I. Cronología de la resistencia antifranquista (1939-1975)". El silencio roto. Mujeres contra el franquismo. El viejo topo. p. 232. ISBN 978-84-95776-40-2.
  11. ↑ "Memoria Histórica y Feminismo". Amiga date cuenta (en castelán).
  12. ↑ "La huelga minera del 62". La Nueva España (en castelán). 5 de xaneiro de 2009. Consultado o 10 de outubro de 2026.
  13. ↑ "Coplas del tiempo. Primera parte: «Los mineros en huelga» (1963)". FERLOSIO 64 (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2019.
  14. ↑ "Picasso y Asturias". Maducho Spain (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 1 de xuño de 2019.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]