Folga laboral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Policía reprimindo unha manifestación en favor da folga en Minneapolis, Estados Unidos, en 1934.

Nas relacións entre traballadores e empresarios poden xurdir conflitos de dous tipos; por un lado encóntranse os conflitos individuais, e, por outro lado os conflitos colectivos, competencia deste traballo.

Nos conflitos colectivos, un grupo de traballadores enfróntase a un empresario ou grupo de empresarios, polo interese que incumbe a todos nas súas relacións laborais. Os suxeitos lexitimados para iniciar o conflito colectivos son os representantes dos traballadores.

Existen dúas formas de exteriorizar os conflitos colectivos: a folga e o peche patronal.

A folga laboral consiste no cesamento temporal da prestación de servizos, acordada por unha colectividade de traballadores dunha ou varias empresas, con motivo de conflito laboral e con abandono do centro de traballo, co fin de impoñer a aceptación das súas demandas polas empresas ou de resistir as esixencias dos empresarios, unha vez fracasados as negociacións colectivas ou outros esforzos de persuasión.

A folga non se debe confundir co peche patronal, peche da fábrica polo empresario co obxecto de impoñer aos traballadores novas condicións laborais ou defender os seus intereses.

Aínda que a folga se exerce de forma colectiva, o exercicio do dereito á folga recoñécese de forma individual. Así, o recoñecemento á folga implica que ningún traballador pode renunciar a este dereito por acordo contractual. Por outro lado, o exercicio colectivo deste dereito supón que un traballador non pode declararse en folga de forma individual. Entre os efectos da folga, cabe destacar os seguintes puntos:

O contrato de traballo queda en suspenso (os traballadores non cobran o seu salario).

Durante a folga suspéndese a obriga de cotizar á Seguridade Social (traballador e empresario).

O empresario non pode substituír os traballadores folguistas.

Os días de folga non deben ser descontados das vacacións.

Evolución e regulación[editar | editar a fonte]

Coa organización industrial do traballo, na que grupos de obreiros sometidos a condicións similares e situados fisicamente nun taller ou mina organizaron por primeira vez a súa actuación como grupo homoxéneo, a folga cobrou importancia. O dereito á folga estivo severamente penado nos primeiros anos da Revolución Industrial. Co paso dos anos, aumentará a tolerancia, é dicir, os Estados admiten a folga pero castígana dende o punto de vista civil como incumprimento das obrigas laborais.

Esta situación continúa ata a difusión da socialdemocracia a principios do século XX, recoñecéndose o dereito á folga a nivel internacional como un dereito dos traballadores constitutivo da liberdade sindical. Na actualidade recoñécese na maioría dos ordenamentos internos e en tratados internacionais de alcance universal como o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais.

Segundo a sentenza do Tribunal Constitucional de España n.º 11/1981, trátase de "unha perturbación que se produce no normal desenvolvemento da vida social e, en particular, no proceso de produción de bens e servizos, que se leva a cabo de forma pacífica e non violenta, mediante un concerto dos traballadores e dos demais intervenientes no devandito proceso, que pode ter como obxecto reivindicar melloras nas condicións económicas ou, en xeral, nas condicións de traballo, e pode supoñer tamén unha protesta con repercusión noutras esferas ou ámbitos".[1]

En España, recoñécese o dereito á folga como un dereito fundamental, reflectido no artigo 28.2 da Constitución de 1978[2] e regulado polo Real Decreto-Lei 17/1977, que a cualifica como medida de conflito colectivo de traballo adoptada por acordo dos traballadores, coa finalidade de defender e promover os seus intereses. Deste modo, responde á idea do Estado Social e Democrático de Dereito (artigo 1.1 da Constitución) e ao principio de igualdade substancial (artigo 9.2 da Carta Magna). Así pois, é un dereito de titularidade individual e exercicio colectivo. Os estranxeiros gozan tamén deste dereito aínda que non dispoñan da preceptiva autorización de traballo.[3]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Reunión do sindicato británico UNISON en Oxford durante unha folga en 2006.

Criterios de clasificación:

1. Segundo os suxeitos que exercitan a folga; a folga pode ser exercitada por:

2. Segundo as causas que motivan a folga:

  • Folga laboral.
  • Folga extralaboral.
  • Folga de solidariedade ou simpatía.

3. Segundo o comportamento que se leve a cabo na folga:

  • Folga turnante ou rotatoria: é realizada de modo sucesivo nas distintas unidades produtivas dunha empresa ou centro de traballo, alterándose sucesivamente na cesación no traballo, coa finalidade de afectar á coordinación da produción.
  • Folga estratéxica, tapón ou trombose: é aquela que afecta só de forma directa á actividade produtiva básica da empresa, ou aos sectores estratéxicos do sistema económico, pero que comunica os seus efectos en cadea aos demais ámbitos, conseguindo a paralización de todo o proceso produtivo.
  • Folga de celo ou regulamento: é unha execución minuciosa e regulamentaria do traballo, co conseguinte atraso no desempeño deste.
  • Folga intermitente: son aquelas nas que se alterna o momento de normalidade laboral e de cesación do traballo.
  • Folga de brazos caídos: nas que os traballadores non abandonan as instalacións da empresa, establecéndose unha quenda de relevo para ocupala permanentemente.
  • Folga graduada: cando as actividades produtivas son paralizadas progresivamente, unhas despois doutras.
  • Folga xeral: a que se formula á vez en todos os oficios dunha ou varias localidades.

4. De acordo á legalidade da folga, pode ser:

  • Legais: convocadas de acordo cos prazos que marcan as leis vixentes.
  • Ilegais: desencadeadas sen previo aviso ou nun prazo menor do que marcan as leis.

Procedemento para o inicio[editar | editar a fonte]

Divídese en tres fases:

Nun primeiro momento realízase a declaración da folga, que esixe a adopción de acordo expreso en cada centro de traballo. Poden acordar a declaración da folga os representantes dos traballadores e os propios traballadores do centro de traballo afectados polo conflito, neste caso, é necesario que o 25% do equipo decida someter a votación o devandito acordo.

O seguinte paso é realizar o comunicado da folga e a súa correspondente notificación. Neste sentido, comunicarase ao empresario/s afectado/s e á Autoridade Laboral polos representantes dos traballadores, polo menos con cinco días naturais antes da súa data de inicio. No caso de que a folga afecte a empresas de servizos públicos, o aviso previo será de dez días naturais. A comunicación da folga farase por escrito, onde constarán os obxectivos desta, as xestións realizadas para resolver as diferenzas, a data de inicio e a composición do comité de folga.

O último paso é crear o comité de folga. Este componse, como máximo, de 12 traballadores afectados polo conflito. Recoñécese como o órgano que representa os folguistas. As súas funcións son tratar de chegar a un acordo e garantir os servizos mínimos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sentenza 11/1981, de 8 de abril de 1981. Boletín Oficial del Estado (25 de abril de 1981).
  2. Sentenza 123/1992, de 28 de setembro de 1992. Boletín Oficial del Estado (29 de outubro de 1992).
  3. Sentenza 236/2007, de 7 de novembro de 2007. Boletín Oficial del Estado (10 de decembro de 2007).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martínez Abascal, Vicente-Antonio; Herrero Martín, José Bernardo (2012). Tecnos, ed. Curso de Derecho del Trabajo. Madrid. p. 850. ISBN 978-84-309-5591-6. 
  • García-Perrote Escartín, Ignacio (2012). Tirant lo Blanch, ed. Manual de Derecho del Trabajo. Valencia. p. 903. ISBN 978-84-9033-332-7. 
  • Mercader Uguina, Jesús R. (2012). Tirant lo Blanch, ed. Lecciones de Derecho del Trabajo. Valencia. p. 770. ISBN 978-84-9033-253-5. 
  • Gárate Castro, Francisco Javier (2013). Bomarzo, ed. Derecho de huelga. Albacete. ISBN 978-84-150-0094-5. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]