Fokienia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Fokienia hodginsii
Falso ciprés de Fujian
Falso ciprés de Hodgins
Fokienia hodginsii
Fokienia hodginsii
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Subfamilia: Cupressoideae
Xénero: Fokienia
A. Henry & H. H. Thomas, 1911 [2]
Especie: F. hodginsii
Nome binomial
Fokienia hodginsii
(Dunn) A. Henry & H. H. Thomas, 1908 [3]
Sinonimia
Véxase o texto

Fokienia é un xénero de coníferas da familia das cupresáceas (Cupressaceae), subfamilia das cupresoideas (Cupressoideae).

É un taxon monotípico, xa que inclúe unha única especie viva, Fokienia hodginsii, coñecida en inglés como Fujian cypress, en chinés como 福建柏, en pinyin fú jiàn bǎi, e en vietnamita como po mu.

Ademais coñécese tamén dúas especies fósiles, Fokienia ravenscragensis McIver & Basinge do paleoceno de Alberta e o suroeste de Saskatchewan, Canadá,[4] e Fokienia shengxianensis Wenlong, Suna & Liu, do mioceno tardío do leste da China.[5][6]

Características[editar | editar a fonte]

As principais caracteríticas desta especies son:[1][7][8]

  • É unha conífera perennifolia que alcanza un tamaño de 25–35 m de altura.
  • O tronco é recto, de até 200 cm de diámetro, e copa piramidal.
  • A casca, aromática, é de cor gris apardazada, despegándose nos espécimes novos e, nos adultos, aparece lonxitudinalmente fisurada.
  • As follas son escamentas, e aparecen colocadas en sistemas de ramiñas tripinnadas aplanadas, dispostas nun plano, como nas especies do xénero Thuja.
  • Ns árbores adultas as follas xorden en verticilos de 4, no mesmo nivel, e son subagudas, comprimidas e duns 2 mm de longo, con depresións de estomas brancos no envés.
  • Os conos masculinos son de forma de oval a cilíndrica, axilares, con de 3 a 5 pares de escamase, e miden ao redor de 2,5 mm de longo.
  • Os conos femininos parécense aos das especies do xénero Chamaecyparis. Son globulares ou subglobulares, duns 25 mm de longo e 22 mm de ancho, e están compostos por de 5 a 8 pares de escamas, cada un cunha columna central.
  • A súa maduración prodúcese no segundo ano.
  • A polinización prodúcese nos meses de marzo e abril.
  • As sementes, dúas en cada escama fértil, miden cerca de 4 mm de longo, e teñen dúas grandes vesículas de resina en ambas as superficies, superior e inferior. Están provistas de ás laterais, moi desiguais.
  • Maduran entre os meses de outubro e novembro.

Distribución[editar | editar a fonte]

Fokienia hodginsii é unha especie endémica do sueste de China, do norte e o centro-oeste de Vietnam e do norte de Laos, encontrándose a altitudes entre os 300 e os 2 300 m.[1]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

É unha especie ben adaptada a climas suaves con abundantes chuvias, que se encuentra no seu hábitat natural en solos húmidos, en zonas de alta montaña. En Vietnam encóntrase a altitudes superiores aos 900 m sobre en solos de orixe granítica ou en montañas de pedra calcaria, formando bosques puros o mesturados con Dacrydium elatum, Pinus dalatensis e outras especies de árbores de follas caducas das familias das fagáceas, lauráceas ou magnoliáceas.[Cómpre referencia]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Xénero[editar | editar a fonte]

O xénero describírono en 1911 o botánico e sinólogo escocés Augustine Henry e o palebotánico galés Hugh Hamshaw Thomas.

Especie[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1908 polo botánico e explorador inglés Stephen Troyte Dunn, co nome de Cupressus hodginsii.[9] nun traballo publicado no J. Linn. Soc., Bot. 38:367.[10]

Posteriormente, en 1911, foi reclasificada por A. Henry e H. H. Thomas dentro do xénero Fokienia creado por estes científicos nese mesmo ano.[11]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[11][12]

  • Chamaecyparis hodginsii (Dunn) Rushforth, 2007
  • Cupressus hodginsii Dunn, 1908
  • Fokienia hodginsii subsp. kawaii (Hayata) Silba, 2000
  • Fokienia hodginsii var. kawaii (Hayata) Silba, 2000
  • Fokienia kawaii Hayata, 1917 (basónimo) [13]
  • Fokienia maclurei Merr., 1922.

Especies emparentadas[editar | editar a fonte]

Fokienia é un xénero intermedio entre Chamaecyparis e Calocedrus. Xeneticamente está moito máis próximo a Chamaecyparis, e non todos os botánicos recoñecen a Fokienia como un xénero separado.[14]

Por iso moitos autores inclúena dentro do xénero Chamaecyparis, como Chamaecyparis hodginsii.

Usos[editar | editar a fonte]

A madeira desta especie é moi parecida á doutras cupresáceas, fina e cun aroma característico. Os laosianos e os membros da etnia Yao chinesa (Dao, en Vietnam) usan a súa madeira constuír as paredes e os teitos das súas casas. Antigamente foi utilizada tamén para facer cadaleitos. En Vietnam considérase unha madeira preciosa debido ao seu aroma característico e á súa densidade excepcional, polo que se utiliza para facer obras de arte, mobles e para fabricar carbón de alto poder calorífico. Porén, considérase unha especie ameazada en dito país.
En Vietmam, a destilación, especialmente da súa raíz, produce un aceite esencial, chamado aceite de po mu, usado en aromaterapia.[15]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Posíbeis nomes galegos[editar | editar a fonte]

Segundo as normas para a nomenclatura en linguas vulgares das especies vexetais, que aconsellan dar nomes diferentes ás especies de xéneros distintos, uns posíbeis nomes en galego poderían ser falso ciprés de Fujian, ou falso ciprés de Hodgins.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Fokienia hodginsi na Lista vermella da UICN. Versión 2017-3. Consultada o 3 de xaneiro de 2018.
  2. Fokienia en The Plant List (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  3. Fokienia hodginsii A.Henry & H.H.Thomas no IPNI (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  4. Fossil Fokienia (Cupressaceae) from the Paleocene of Alberta, Canada, en ResearchGate (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  5. Fokienia shengxianensis sp. nov. (Cupressaceae) from the late Miocene of eastern China and its paleoecological implications en ResearchGate (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  6. Fokienia shengxianensis sp. nov. (Cupressaceae) from the late Miocene of eastern China and its paleoecological implications, en Review of Palaeobotany and Palynology, Volumes 176–177, xuño de 2012, pp. 24-34 (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  7. Chamaecyparis hodginsii en Coníferas
  8. Fokienia hodginsii (Dunn) A. Henry & H. H. Thomas en Flora of China (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  9. Cupressus hodginsii Dunn, no GBIF.
  10. Cupressus hodginsii en The Journal of the Linnean Society. Botany.
  11. 11,0 11,1 Fokienia hodginsii (Dunn) A. Henry & H. H. Thomas na GBIF.
  12. Chamaecyparis hodginsii (Dunn) Rushforth 2007. na The Gymnosperm Database (en inglés). Consultada o 5 de xaneiro de 2018.
  13. Fokienia kawaii Hayata no IPNI. Consultado o 5 de setembro de 2018.
  14. Christopher J. Earle (2011). "Chamaecyparis hodginsii". The Gymnosperm Database. Consultado o 5 de xaneiro de 2018. 
  15. Carol Schiller (11 de maio de 2009). "The Aromatherapy Encyclopedia: A Concise Guide to Over". ReadHowYouWant.com (385 Plant Oils: Easyread Super Large 24pt ed.): 241. ISBN 978-1-4429-7342-8. Consultado o 5 de xaneiro de 2018. 
  16. Mitchel 1979, p. 74.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Farjon, A. (2005): Monograph of Cupressaceae and Sciadopitys. Royal Botanic Gardens, Kew. ISBN 1-8424-6068-4.
  • Farjon, A. (2010): A Handbook of the World's Conifers. 2 Vols. Leiden: Koninklijke Brill. ISBN 978-9-0474-3062-9.
  • Mitchell, Alan (1979): Guía de campo de los árboles de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-549-3.
  • Mao, K.; Hao, G.; Liu, J.-Q.; Adams, R. P. & Milne, R. I. (2010): "Diversification and biogeography of Juniperus (Cupressaceae): variable diversification rates and multiple intercontinental dispersals. New Phytologist 188: 254–272. Ler texto completo. (Fokienia aparece dentro de Chamaecyparis).
  • Rushforth, Keith D. (1987): Conifers. New York City, New York, USA: Facts on File. ISBN 978-0-8160-1735-5.
  • Rushforth, Keith D. (2007): "Notes on the Cupressaceae in Vietnam". Tap Chí Sinh Hoc (Revista Vietnamita de Bioloxía) 29 (3): 32–39.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]