Fogo fatuo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reconstitución dun fogo fatuo.

Un fogo fatuo[1] (ignis fatuus) é unha manifestación luminosa que ten a aprencia dunha pequena lapa emitida polas substancias que emana un corpo en descomposición. Coñecido e descrito dende hai moitos séculos, esta manifestación foi durante moito tempo vista coma espíritos malignos e de ánimas en pena que se aparecían a xeito de pequenas lapas en fragas, brañas, lameiros, illós e cemiterios que deu pé a aparición dun importante folclore, tanto sobre a orixes deses espíritos, como o xeito de acabar con eles. Recentemente, investigacións cetéticas orientadas á química aportan diversas explicacións científicas do fenómeno.

Etimoloxía e terminoloxía[editar | editar a fonte]

A terminoloxía galega "fogo fatuo" vén de ignis fatuus en latín, que significa «lume fachendoso». O fogo fatuo así coma o "seu espírito" coñécese con outros nomes segundo a rexión do mundo, en Inglaterra, chámanlle Will-o'-the-wisp[2], e nos Estados Unidos, levan o nome de spook-lights ou ghost-lights (luces de pantasmas) dado polos folcloristas e os amantes do paranormal[3],[4].

Descrición[editar | editar a fonte]

Un fogo fatuo pode aparecer como un pálido resplandor de cor azulada, ás veces amarelenta ou avermellada, en forma de muxica ou charamela a flotar no ar a baixa altura sobre o chan ou a auga. A luz é máis ou menos difusa, escintilante e breve. Algúns fogos poderían ficar até dez ou trinta segundos ou excepcionalmente varios minutos. Segundo as testemuñas, non producen fume ou ignición de obxectos ou a queima das herbas ou matos cos que están en contacto. Teñen sido ollados decote nos arrós, brañas, lameiros, á beira das presas, e especialmente en cemiterios. De acordo coa explicación científica, coa drenaxe agrícola e a regresión de zonas húmidas (como turbeiras, gándaras, lameiros, brañas e bosques asolagados), o alumeado público, así coma o soterramento dos mortos en cadaleitos, é probábel que os fogos fatuos se teñan volvido fenómenos máis raros de ver.

Explicacións[editar | editar a fonte]

O fenómeno (do que existen multitude de variantes e que tamén pode confundirse con outros fenómenos) ten recibido diferentes explicacións[5] :

  • Contra o século XVIII, os físicos falan dun material viscoso (unha reminiscencia de ovos de ra) que se sublamría no ar coa acción da calor solar e se volvería luminosa por mor do fósforo.
    En 1704, Isaac Newton cita os fogos fatuos no seu tratado Opticks como «vapores que se elevan das augas pútridas e se coñecen normalmente como ignes fatui ».
  • A explicación máis frecuente é que se trata de emanacións de metano (CH4) a partir de plantas en descomposición e de formas químicas do fósforo (difosfina (P2H4) e/ou de fosfina (PH3) ; pirofórico) emitido pola descomposición dun cadáver animal, que de súpeto de inflama no ar libre. Isto explicaría os fogos fatuos ollados nos cemiterios, debidos aos gases de descomposición dos cadáveres cando estes non se soterran en cadaleitos ou sacos mortuorios.
  • A ausencia de combustión ou queima visíbel fai pensar que se trate dunha luz fría de tipo fosforescente, máis ca dunha verdadeira lapa.
  • O fenómeno pódese ás veces confundir cun fenómeno eléctrico do tipo electricidade estática, fogo de santelmo ou raio globular.

Folclore[editar | editar a fonte]

Asóciase un folclore variado aos fogos fatuos, en ttodas as rexións do mundo onde se producen.

Galiza[editar | editar a fonte]

En Galiza, ao mesmo que no resto do arco atlántico asociábanse os fogos fatuos ás bruxas e espíritos que amolaban aos viaxeiros cando estes pasaban por brañas, lameiros e cemiterios.

O descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago en Compostela puido deberse aos fogos fatuos. Segundo esta lenda, no ano 813, oito séculos despois da morte do Apóstolo Santiago, un ermitán chamado Paio, xunto con outros fieis, veu unhas luces estrañas ou estrañas (fogos fatuos) sostidas sobre o chan nas proximidades dun lugar coñecido polo nome de Solovio, nun bosque chamado Libredón, e comunica este feito a Teodomiro, bispo de Iria Flavia. O húmido lugar, onde hoxe se ergue a catedral, fora lugar de soterramentos celtas e posteriormente unha necrópole romana.

Fogos fatuos na literatura galega[editar | editar a fonte]

As referencias na literatura galega aos fogos fatuos remóntase aos primeiros escritos do Rexurdimento no século XIX, e son moi numerosas, polo que debían ter unha fonda pegada no campesiño galego.

Na obra O Galiciano de 1886 dise:

I eiquí temos máis que crara a espricación d'ambos fenómenos. A Pelengrina muda, son os fogos fatuos que se desprenden dalgunha prea, can ou bicho morto qu'está ó rente do camiño e que por lei física siguen ó que pasa, pola corrente d'aire que leva tras si...

Valentín Lamas Carvajal en 1887 en Gallegada. Tradiciós, costumes, tipo e contos d'a terriña escribía:

Esparexía a lúa entr'as brétemas da noite, non os esprandores da luz dos seus raios prateados, senón ansí com'unha fosforescencia polo xeito da dos fogos fatuos que supitamente brilan preto dos cimeterios, ou nos piñeirales, polas noites do vrau.

En 1891 escribía Heraclio Pérez Placer nos seus Contos, leendas e tradiciós:

Entr'as covas dos defuntos, cal bolboretas de fogo, baixaban, rubían viñan , marchaban e daban mil xiros caprichosos os fogos fatos, que os iñorantes labregos crían eran as bruxas.[6].

Francia[editar | editar a fonte]

O fogo fatuo e a becha por Hermann Hendrich (1854-1931)

Descríbense inspirados en lendas católicas coma as ánimas en pena que arelan pregarias para saír do Purgatorio, podería tratarse de cativos mortos sen bautismo ou de espíritos maléficos que amolan os viaxeiros nas brañas ou nas fragas. Manífestanse só á noite, e especialmente no tempo do Advento. Nas Landas, a pantasma da Abadesa Ducasse manifestaríase moitas veces vestida con sobrepeliz e estola contra 1822[7]. Os fogos fatuos considerábanse na rexión de Pont-Audemer como os espectros de mulleres pecadentas condenadas a gardar esta aparencia durante sete anos.

Nas brañas do Yeun Elez, nos Monts d'Arrée, atópase a orixe das lendas das Portas do Inferno (Portes de l'enfer).

Italia[editar | editar a fonte]

Na rexión de Bolonia, un coñecido meteoro chamado Bocca d'Inferno probabelmente, foi visto como unha manifestación de fogos fatuos que pareceu confundir os viaxeiros[8].

Ingleterra e País de Gales[editar | editar a fonte]

En Ingleterra, os fogos fatuos son descritos como espíritos do lume que collen a forma de mozos que levan lanternas, de aí os nomes de Jack-o'-lantern (Xacobe coa lanterna) e Will-o'-the-wisp. Conducen aos viaxeiros ao fondo dos bosques e ao longo de precipicios, antes de soprar as súas lanternas e precipitalos polo barranco abaixo. Os fogos fatuos vense en Gales como espíritos na procura dun pai a punto de morrer, o tamaño da lapa é a idade da persoa en cuestión, se o fogo é pequeno anuncia a morte dun neno.

Países nórdicos[editar | editar a fonte]

Dinamarqueses, finlandeses, suecos, estonianos e letóns, entre outros, cren que os fogos fatuos marcan o emprazamento de tesouros agochados no solo ou no fondo da auga. O mellor momento para atopar estes tesouros sería a Noite de San Xoán.

Asia[editar | editar a fonte]

Noutros moitos países de Asia e na India asócianse os fogos fatuos a diferentes elementos folclóricos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome en galego segundo o Portal das Palabras da RAG.
  2. Brasey, Édouard (14 de setembro de 2007). La Petite Encyclopédie du merveilleux (Éditions le pré aux clercs ed.). París. p. 435. ISBN 978-2842283216. 
  3. (en inglés) Stephen Wagner. "Spooklights: Where to Find Them". About.com. Consultado o 8 de decembro de 2007. 
  4. (en inglés) Randall Floyd (1997). "Historical Mysteries: Ghostly lights as common as dew in Dixie". Augusta Chronicle. Consultado o 8 de decembro de 2007. 
  5. "Feux follets". esprit.critique.free.fr/. Consultado o 3 de setembro de 2009. 
  6. Tesouro informatizado da lingua galega
  7. Foix, V (1904). Sorcières et loup-garous dans les Landes (Auch ed.). 
  8. "Les feux follets". cosmovisions.com/. Consultado o 3 de setembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]