Fito Cabrales

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fito Cabrales
Fito cabrales.jpg
Nome completoAdolfo Cabrales Mato
Nacemento6 de outubro de 1966
Lugar de nacementoBilbao
NacionalidadeEspaña
Ocupacióncantante, guitarrista e compositor
Na rede
http://www.fitoyfitipaldis.com/
IMDB: nm2137220 Musicbrainz: 4ec9bd3b-0c6e-42cd-9d2a-b028379c24cd Songkick: 2464711 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Adolfo "Fito" Cabrales Mato, nado en Bilbao (Biscaia) o 6 de outubro de 1966, é un músico español.[1] Durante a súa carreira musical foi cantante, guitarrista e compositor do grupo Platero y Tú e da súa actual banda, Fito & Fitipaldis. Chegou a vender máis de 2,6 millóns de discos ao longo da súa carreira, 1,6 millóns só con Fito & Fitipaldis.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Adolfo Cabrales, coñecido como «Fito», naceu na rúa bilbaína de Zabala, aínda que pasou parte da súa infancia e adolescencia en Laredo, Cantabria e en Málaga.[3][4] Na súa mocidade traballou de camareiro nun prostíbulo do que o seu pai era xefe, na rúa de Las Cortes (máis coñecida como La Palanca).[5][6] Na versión en directo do tema Un ABC sin letras, do disco A pelo de Platero y Tú, Fito comenta que «curraba en La Palanca y ahora soplo en Barrenkale [unha das Sete Rúas da Zona vella bilbaína]». Estas non son as súas únicas referencias a esta zona da capital biscaíña. No disco Muy deficiente, tamén de Platero y Tú, hai unha canción ambientada na ponte de Cantalojas, próxima a dita zona, na que alude a unha «chica de Las Cortes» (é dicir, unha prostituta).

Nesta época comezaron tamén os seus problemas coas drogas. Durante anos abusou do speed,[5] aínda que na actualidade asegura «estar limpo». Varias cancións súas falan desta droga. En Corazón oxidado, de Fito & Fitipaldis, di «mi pobre corazón, que está enganchado al speed». Con todo, na versión do disco en directo de 2004, Vivo... para contarlo, deixa a frase a medias e afástase do micro.

Fito destaca polo seu peculiar estilo persoal. Leva sempre o pelo totalmente rapado e ás veces patillas longas, e viste gorras con viseira. Outro dos seus trazos de identidade son os cigarros que leva suxeitos nas caravillas da súa guitarra. Nos primeiros anos con Platero y Tú adoitaba regalar a gorra despois de cada concerto, mais abandonou esta práctica.

Na actualidade reside na localidade biscaíña de Gernika-Lumo. Ten tres fillos: Guillermo (nado en 1997), Diego (nado en 2002) e Marisa (nada en 2015).[7][8]

Platero y Tú[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Platero y Tú.

En 1989 Fito uniuse a Iñaki «Uoho» Antón, Juantxu «Mongol» Olano e Jesús «Maguila» García, orixinarios do mesmo barrio, para formar o grupo de rock Platero y Tú.[9] O grupo desmarcábase do rock radical vasco, daquela moi en auxe. Por contra, seguiu as influencias do rock máis clásico de grupos como Status Quo, Leño, AC/DC ou The Rolling Stones, con letras sobre bares, amores, drogas e rock and roll.

Ao longo dos 90, o grupo consolidouse no rock en castelán. Mantivo unha estreita relación con outros grupos e artistas do xénero, como La Polla Records (Evaristo Páramos colabora no tema Juliette), Rosendo Mercado (quen colabora en Sin solución) e sobre todo con Robe Iniesta, voz e guitarra de Extremoduro. Con este último grupo mesmo fai unha xira conxunta en 1996. Na súa traxectoria conseguiron tres discos de ouro e un disco de platino en España, até separárense en 2001.[10]

Fito & Fitipaldis[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Fito & Fitipaldis.

En 1998 creou de forma paralela a Platero y Tú o grupo Fito & Fitipaldis. No seu primeiro traballo, A puerta cerrada, publica unha serie de temas acústicos que non se axustaban ao estilo musical de Platero y Tú. En principio, ambos grupos coexistiron sen problemas. Porén, tras a disolución de Platero y Tú en 2001, Fito dedicouse en exclusiva ao seu novo grupo.

Co segundo álbum, Los sueños locos e as posteriores gravacións, foi desenvolvendo o seu estilo persoal. Ao mesmo tempo, iniciou un achegamento ao son da última época de Platero y Tú. Así, volveu introducir guitarras eléctricas e ritmos máis rápidos e directos. Nesta etapa, Fito conseguiu maiores éxitos de vendas que con Platero y Tú, o cal lle valeu críticas dos sectores máis conservadores do rock de España.

En 2001 participou xunto a Uoho e a Robe no proxecto deste último, Extrechinato y Tú, para publicar Poesía Básica, un álbum en que musicaron obras do poeta Manolo Chinato. Fito gravou as voces xunto a Robe e as guitarras xunto a Robe e Uoho. O disco recollía tamén tres composicións propias, «Si el cielo esta gris», «Rojitas las orejas» e «Abrazado a la tristeza». Estes dous últimos temas foran gravados anteriormente por Fito & Fitipaldis, «Rojitas las orejas» en A puerta cerrada (tres anos antes de Poesía básica e cun título distinto) e posteriormente «Abrazado a la tristeza», en Por la boca vive el pez.

No verán de 2007, Fito & Fitipaldis realizaron unha xira conxunta con Andrés Calamaro por España e Latinoamérica, gravada no DVD Dos son multitud.

En maio de 2008 saíu á venda un libro autobiográfico, «Soy todo lo que me pasa». Xabier Arretxe Irigorien, "Polako", representante do grupo, redactou o prólogo de dito libro.

O 15 de setembro de 2009 publicouse un novo disco, Antes de que cuente diez, cunha xira por todo o territorio español.

A finais de outubro de 2014 publicouse Huyendo conmigo de mí, con «Entre la espada y la pared» como primeiro sinxelo.[11] O 15 de novembro comezou en Santander a xira de presentación,[11] que incluíu concertos en Chile, Uruguai e Arxentina, e rematou o 24 de outubro no Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo.

Discografía[editar | editar a fonte]

Son evidentes as diferenzas de estilo entre o rock de Platero y Tú e a mestura de rock, blues, jazz, rockabilly e outros estilos musicais de Fito & Fitipaldis. Con todo, a temática das cancións de Fito é sempre a mesma. Trata historias persoais ambientadas no mundo da noite con presenza constante de bares, drogas e amores, cun ton característicamente cínico e vitalista á vez.

Con Platero y Tú[editar | editar a fonte]

Con Extrechinato y Tú[editar | editar a fonte]

Con Fito & Fitipaldis[editar | editar a fonte]

Colaboracións[editar | editar a fonte]

Proxectos musicais[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Pelo (VHS). 1996. 
  2. Guillermo Abril (24 de outubro de 2014). "Fito, a toda velocidad". El País. Consultado o 4 de novembro de 2014. 
  3. Suplemento Evasión de El Correo
  4. Cultura de Bar. Conversaciones con Fito Cabrales. Darío Vico. Ed. Zona de Obras. ISBN 84-8048-634-1
  5. 5,0 5,1 "Play SER | Cadena SER en directo y a la carta". Cadena SER (en castelán). Consultado o 2022-01-01. 
  6. Entrevista en 20 minutos
  7. MARCOS, CARLOS (3 de decembro de 2014). "Fito: "A mí me gustaba ser camarero"". elperiodico (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2018. 
  8. "Fito: 'Pensé que no volvería a tocar'". ELMUNDO (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2018. 
  9. Entrevista en el diario Egin
  10. Salaverri, Fernando Iberautor (2005). Sólo éxitos: año a año : 1959-2002. ISBN 84-8048-639-2. 
  11. 11,0 11,1 Rockbase, Fito & Fitipaldis, de nuevo a la carretera

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]