Final da Copa do Rei de fútbol 1922

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Final da Copa do Rei de fútbol 1922
Barca equipo 1922.jpg
Equipo do FC Barcelona en 1922.
Data14 de maio de 1922
CampoCampo de Coia, Vigo
Asistencia12.000
ÁrbitroInglaterra Thomas Balvay
TempoVentoso
Campo de Coia de Vigo, escenario da final.

A Final da Copa do Rei 1922 foi a 22ª final da Copa do Rei de fútbol. Disputouse no Campo de Coia, en Vigo, o 14 de maio de 1922. O Barcelona derrotou ao Real Unión por 5-1, gañando o seu quinto título.[1]

Finalistas[editar | editar a fonte]

A de 1922 foi a sexta final de Copa do Rei que disputou o FC Barcelona, que gañara catro das cinco que disputara anteriormente, a última delas a de 1920 contra o Athletic de Bilbao no Molinón. O Real Unión, pola súa banda, xogara dúas finais antes desta, en 1913 e 1918, proclamándose campión nas dúas ocasións. O club catalán e o vasco enfrontáranse anteriormente nas semifinais da edición de 1920, saíndo vencedor o Barcelona, despois de gañar pola mínima en Amute cun gol de Paulino Alcántara e empatar 4-4 en L'Escopidora.[2]

Camiño á final[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Copa do Rei de fútbol 1922.

O FC Barcelona chegou á final despois de eliminar ao Sevilla nos cuartos de final e ao Sporting de Gijón nas semifinais, nos dous casos despois de obter resultados discretos na ida a domicilio e golear no partido de volta como local (7-1 ao Sevilla e 7-2 ao Sporting).[3]

Pola súa parte, o Real Unión eliminou facilmente ao Fortuna de Vigo nos cuartos de final, cun resultado global de 9-0 e precisou dun partido de desempate nas semifinais contra o Real Madrid, despois de perder 2-1 no estadio de O'Donnell madrileño e gañar 4-1 en Hondarribia. No encontro de desempate, disputado en Atotxa, o Real Unión desfíxose facilmente do equipo madrileño, cunha goleada por 4-0, con tantos de Patricio, René Petit e Azurza, meténdose así na súa terceira final.[3]

Final[editar | editar a fonte]

Resumo do partido[editar | editar a fonte]

A final disputouse nun ateigado campo de Coia, en Vigo.[3] Na primeira parte o Real Unión dominou o xogo e a posesión, pero isto non se traduciu en ocasións claras de gol. O equipo azulgrana estivo moito máis acertado de cara á portería, e marcou o primeiro gol da tarde no minuto 22, tras un disparo de Ramón Torralba que sorprendeu a Domingo Muguruza.[4] Isto serviu de estímulo para o conxunto irundarra que se lanzou insistentemente sobre a portería defendida por Ricardo Zamora. E así, nun córner lanzado polos branquinegros, produciuse un tumulto que acabou co balón dentro da portería.[5] Despois duns minutos nos que parece que os "unionistas" podían darlle a volta ao resultado, un remate de cabeza de Josep Samitier puxo o 2-1.[5] Á beira do descanso, Paulino Alcántara marcou o 3-1 que parecía deixar o partido case sentenciado. Con todo, a segunda parte foi de dominio case total do Real Unión, pero non puido marcar ningún gol, ante a boa actuación dos defensas barcelonistas e do gardameta Zamora.[4] A falta de seis minutos para o final do partido, produciuse unha lea entre xogadores dos dous equipos, despois de que Surroca derrubase a Patricio na área e o árbitro non sinalase nada. O público de Coia invadiu o terreo de xogo e levou sobre os ombreiros a Patricio.[4] O partido quedou suspendido durante un cuarto de hora, ata que os irundarras decidiron volver ao campo. Con todo, saíron desconcertados e o Barcelona aproveitou para marcar dous goles nos minutos finais, por medio de Gràcia e Alcántara, deixando o marcador final en 5-1.[5]

Ficha do partido[editar | editar a fonte]

Barcelona


Real Unión


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Velasco, Santiago. "Copa do Rei de 1922". linguasport.com (en castelán). Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  2. "Copa de 1920". rsssf.com (en inglés). Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Hoy se juega la final del campeonato de "foot-ball"". El Ideal Gallego (en castelán) (1510). 14 de maio de 1922. p. 1. Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "El F.C. Barcelona campeón de España". El Progreso (en castelán) (2920). 16 de maio de 1922. pp. 1–2. Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Partido final del Campeonato de España". El Ideal Gallego (en castelán) (1511). 16 de maio de 1922. pp. 1–2. Consultado o 10 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]