Saltar ao contido

Filosofía chinesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Filosofía chinesa

Instancia derama da filosofía Editar o valor en Wikidata
Subclase defilosofía oriental Editar o valor en Wikidata
Estudado porJian jia xue pai (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Wikidata ] C:Commons ]

A filosofía chinesa é o conxunto de tradicións filosóficas da China. Orixinouse nos períodos das Primaveras e Outonos e dos Reinos Combatentes, unha etapa da historia das ideas coñecida como as Cen Escolas de Pensamento, que se caracterizou por importantes desenvolvementos intelectuais e culturais.[1] Malia que o groso da filosofía chinesa comezou durante os Reinos Combatentes (de -475 a -221), algúns dos seus elementos capitais existiran xa durante milenios. Algúns deles pódense atopar no Yijing (en galego: Clásico dos cambios), un antigo compendio de adiviñación que data de -672 aproximadamente.[2]

A historia da filosofía chinesa pódese dividir en catro etapas. O primeiro deles é o das nocións da dinastía Shang sobre o cíclico, así como as ideas que subxacen ao Yijing. O segundo período é o da filosofía chinesa clásica, coñecido pola variedade das súas escolas. O célebre Shiji de Sima Qian, unha obra historiográfica da dinastía Han, agrupa os pensadores dos Reinos Combatentes en grandes escolas: o confucianismo, o legalismo e o daoísmo. Tamén recolle outras correntes que se esqueceron co tempo, como os agrónomos, os moístas, os naturalistas ou os lóxicos.[3] A terceira época principiou coa dinastía Qin, que adoptou o legalismo como doutrina oficial, perseguindo tanto a confucianos como a moístas. Máis tarde, a dinastía Han asumiu o confucianismo e, parcialmente, o daoísmo como ideas fundamentais, e a súa influencia continuou até o século XX. A última etapa é a da modernidade, que se caracteriza pola importación e incorporación da filosofía occidental.

Durante a dinastía Zhou occidental e os períodos subseguintes, floreceron as Cen Escolas de Pensamento (século -IV a -221).[1][4] Estas tradicións filosóficas desenvolveron teorías metafísicas, políticas e éticas, en base a nocións coma o dao, o yin e o yang, o ren ou o li que, xunto co budismo chinés, influíron directamente nas filosofías coreana, vietnamita e xaponesa (que tamén inclúe a tradición autóctona do xintoísmo). O budismo chegou á China durante a dinastía Han (-206 a 220), transmitíndose gradualmente a través da ruta da seda e integrándose coas tradicións nativas desenvolveu formas propias coma o chan, que á súa vez se estenderon pola esfera cultural de Asia Oriental. Durante as dinastías posteriores, como a Ming (1368-1644), así como a dinastía coreana de Joseon (1392-1897), emerxeu o chamado neoconfucianismo, liderado por pensadores como Zhu Xi (1130-1200) e Wang Yangming (1472-1529), que se converteu na ideoloxía dominante e promovida polo imperio.

Na era moderna, os pensadores chineses incorporaron ideas da filosofía occidental. Gottfried Leibniz (1646-1716) foi un dos primeiros intelectuais europeos en recoñecer o valor e a importancia do pensamento chinés.[5] A filosofía marxista na China desenvolveuse baixo a influencia de Mao Zedong (1893-1976), dando así orixe ao maoísmo; por outra banda, apareceron tamén o pragmatismo de Hu Shih (1891-1962) ou o novo confucianismo de autores coma Xiong Shili (1885-1968).

Primeiras crenzas

[editar | editar a fonte]

As primeiras doutrinas da dinastía Shang baseábanse no concepto do cíclico. Esta noción procede do que podían ver ao seu arredor: o día e a noite, as estacións do ano, as fases da lúa etc. Así, o cíclico reflicte a orde da natureza. Esta idea seguiu a ser relevante a través da historia da filosofía chinesa. Neste sentido, constitúe unha diferenza fundamental coa filosofía occidental, na que o tempo era xeralmente visto como unha sucesión lineal. Os Shang pensaban que o destino podía manipularse polas grandes divindades. Deste xeito, venerábanse os devanceiros e facíanse sacrificios de animais.

Tras a caída dos Shang, a dinastía Zhou introduciu un novo sistema político, relixioso e filosófico coñecido como o Mandato do Ceo (en chinés tradicional e simplificado: 天命; en pinyin: Tiānmìng). Esta ideoloxía serviulles para xustificar o derrocamento dos gobernantes anteriores e impoñer as súas propias normas.

Período clásico

[editar | editar a fonte]

Cara ao -500, o dominio dos Zhou entrou en decadencia e China entrou no coñecido como período das Primaveras e Outonos, principiando a época clásica da filosofía chinesa, que coincide tamén coa aparición dos primeiros filósofos gregos. As Primaveras e Outonos remataron no século -III, cando o primeiro emperador da China, Qin Shihuang, unificou todo o país.

Este período recibe o nome das Cen Escolas de Pensamento, das que sobresaen cinco: confucianismo, daoísmo, moísmo, legalismo e a Escola dos Nomes. A era clásica do pensamento chinés coincidiu coa disputa pola hexemonía de múltiples reinos. Así, case todos os filósofos eran membros da corte e actuaban como asesores ou conselleiros que viaxaban de reino en reino para ofrecer os seus servizos aos distintos monarcas.

Período imperial

[editar | editar a fonte]

Durante a breve dinastía Qin, que tiña como filosofía oficial o legalismo, perseguíronse as escolas moísta e confuciana. O legalismo continuou influíndo na política até que os emperadores da dinastía Han adoptaron o confucianismo e o daoísmo como doutrina de estado. Estas dúas foron as corrente dominantes até o século XX. Cabe destacar tamén a pegada do budismo, que penetrou na China durante a dinastía Tang.

O neoconfucianismo apareceu durante a dinastía Song como unha maneira de restablecer os vellos principios confucianos, aínda que integrando características do budismo, o daoísmo e mais o legalismo. Foi popularizado máis adiante, durante a dinastía Ming.

Período moderno

[editar | editar a fonte]

Na era moderna, a filosofía chinesa comezou a integrar conceptos da occidental, como un paso cara a modernización do país. Durante a revolución xinhai, producíronse numerosos levantamentos, coma o do catro de maio, que levaron á supresión das vellas institucións e prácticas da China imperial. Nesta época intentouse incluír nocións como democracia, republicanismo ou industrialización no pensamento chinés, por figuras coma Sun Yat-sen. Pola súa banda, Chen Duxiu introduciu o marxismo e o trotskismo, así como outras doutrinas comunistas. Posteriormente, Mao Zedong aceptou o stalinismo como guía para o Partido Comunista da China, avanzando a súa propia visión, o maoísmo.

  1. 1,0 1,1 Ebrey 2010, p. 42.
  2. McGreal 1995, p. 60.
  3. McLeod 2022.
  4. Li 2011, pp. 9-12.
  5. Perkins 2004.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]