Festa da Reconquista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Festa da Reconquista da Vila de Vigo»)
Recreación. Os protagonistas da Reconquista de Vigo: o tenente Almeida (de uniforme verde, seguido por unha Bandeira de Portugal)[1]; o abade de Valadares Rosendo Arias Enríquez; Vázquez Varela; Cachamuíña cunha bandeira galega; unha muller viguesa e o mariñeiro Carolo cun machado na man.

A festa da Reconquista é unha festa que se celebra na cidade vella da vila de Vigo o 28 de marzo. Nela represéntase a toma da cidade polos franceses a comezos de século XIX e a reconquista polos habitantes galegos. Ademais das representacións, hai outras actividades na rúa, música popular, obradoiros e postos de comida e artesanía a xeito de feira. É hoxe en día a celebración máis emblemática da vila.

Antecedente histórico[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Reconquista de Vigo.

A festa conmemora o alzamento popular que ocorreu o 28 de marzo de 1809, cando as tropas do exército do Primeiro Imperio Francés de Napoleón Bonaparte saíron da vila. No contexto da Guerra da Independencia española, os vigueses, encabezadas polos militares Pablo Morillo e Bernardo González “Cachamuíña” conseguiron expulsar os galos da vila, converténdose na primeira localidade de Europa en facelo. Fernando VII outorgou en 1810 a Vigo o título de cidade “fiel, leal e valorosa”.

A festa[editar | editar a fonte]

Vázquez Varela presencia a toma francesa da casa do concello.

Toda a zona vella da cidade (Porta do Sol, Praza da Constitución, Praza da Princesa…) énchese de postos de comida (marisco, empanada, churrasco, filloas), bebida (viños e licores) e artesanía a xeito de feira da época. Os vigueses vístense de campesiños, mariñeiros, soldados etc. A Asociación Cultural e Veciña Casco Vello de Vigo encárgase de marcar as pautas da festa, así como a lista de feirantes, as actividades e incluso a vestimenta oficial da época.[2] Represéntanse ademais batallas entre galegos e galos en cada recuncho. O momento máis importante ocorre no episodio na rúa Gamboa, no que se simula o derrubamento da porta da vila[3]. Ademais existen demostracións da artesanía da época e representacións musicais con máis de trinta bandas e danzas. O cartel que anuncia a festa escóllese por conscurso popular.

No ano 2009 celebrouse o bicentenario da reconquista da cidade. Ademais dos actos habituais celebrouse o I Congreso sobre a Reconquista de Vigo.[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]