Fernando Barcia Beiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Fernando Barcia Beiras
Nacemento24 de agosto de 1885
 Santiago de Compostela
Falecemento29 de xaneiro de 1938
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e político
editar datos en Wikidata ]

Fernando Barcia Beiras, nado en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1885 e finado na mesma cidade o 29 de xaneiro de 1938, foi un mestre e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Entrou no Seminario, pero abandonouno en 1908 para facer Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela.[1] Exerceu como mestre en Toro (1913), Ponteareas (1917) Corme (1921), Baio (1923), Ardagán e Ameneiro (1936).[2] Presidente da Agrupación Socialista de Santiago de Compostela de 1933 a 1936. Foi detido e procesado pola folga xeral revolucionaria de 1934, pero a súa causa foi sobresida a finais de outubro.[3] Foi fundador da FETE de Galicia e colaborou no semanario Ser. Presentou con Eligio Núñez e Apolinar Torres o relatorio "Misión de los trabajadores de la enseñanza en el actual momento histórico de la cultura gallega" ao Congreso de Trabajadores de la Enseñanza de Galicia de maio de 1936.[4] Participou nos mitins de propaganda para pedir o SI no referendo do Estatuto de autonomía como de Ferrol,[5] ou o de Santiago de Compostela.[6] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado Presidente do Comité de Defensa da República de Santiago de Compostela. Foi detido o 21 de xullo e posto en liberdade ao día seguinte a causa dun erro administrativo. Agochouse na casa da súa curmá Dolores Barcia Pérez, foi declarado en rebeldía e cesado de emprego e soldo en agosto. O 15 de xuño de 1937 foi atopado nun rexistro na casa da curmá na Rúa de San Pedro. Posuía unha gran biblioteca, da que durante o rexistro requisan 43 exemplares. Xulgado en Compostela por traizón o 24 de agosto de 1937, foi condenado a pena de morte e executado no cemiterio o 29 de xaneiro de 1938. A súa curmá Dolores, viúva e nai de Juan Ameneiro Barcia, foi detida e pasou varios meses na cadea de Compostela e cando quedou en liberdade o seu fillo Juan foi obrigado a alistarse. Cando Juan desertou do exercito franquista, Dolores volveu pasar varios meses na prisión. Fernando Barcia sufriu expediente de responsabilidades políticas e en 1941 o tribunal requeríu aos seus herdeiros para que fixesen efectiva a sanción económica.[7]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Ramona Blanco Fernández, e tivo catro fillos: Esther, Fernanda, Clementina e Luis Ángel Barcia Blanco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Eco de Santiago, 13-3-1913, p. 2.
  2. Concedéronlle a permuta con José González Varela, mestre de Ameneiro, a finais de xuño de 1936. El Compostelano, 30-6-1936, p. 3.
  3. El Pueblo Gallego, 28-10-1934, p. 12.
  4. El Pueblo Gallego, 22-5-1936, p. 7.
  5. El Pueblo Gallego, 16-6-1936, p. 2.
  6. El Compostelano, 26-6-1936, p. 2-3.
  7. BOE, 9-12-1941, p. 4552.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lamela García, Luis (2005). Do Castro, ed. 1936, la Cruzada en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares. Sada. pp. 254–264. ISBN 84-8485-186-9. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]