Fender Bronco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fender Bronco

A Fender Bronco é unha guitarra eléctrica fabricada por Fender dende mediados do ano 1967 ata 1981. Usa o corpo e o mastro da Fender Mustang, pero ten só unha pastilla e un mecanismo de trémolo distinto. A diferenza das outras variantes da Mustang, que teñen unha escala de 22,5 polgadas, a Bronco ofreceuse só nunha escala de 24 polgadas cun diapasón redondeado de palisandro con 22 trastes.

A Fender Bronco apareceu no mercado como unha guitarra de estudo. Fender levaba traballando nela dende 1964, e a súa produción comezou a mediados de 1967. Nun principio debería ser a substituta da Musicmaster e inicialmente vendeuse nun mesmo pack co Fender Bronco Amp, un pequeno amplificador creado tamén para estudantes.

A súa pastilla sinxela estaba montada na posición da ponte, a diferenza da Musicmaster, que só tiña unha na posición do mastro, e das Mustang e Duo-Sonic, que tiñan dúas pastillas. O brazo do trémolo foi o cuarto deseño de Leo Fender e o menos popular de todos, e foi montado só na Bronco.

A Bronco foi normalmente fabricada cun diapasón de palisandro e un acabado estándar "fiesta red", pero na últimas series Fender introduciu o acabado en negro. A Bronco, ao igual que a Musicmaster e a Mustang, deixouse de fabricar en 1981 e substituñida pola serie Fender Lead. As últimas cores dispoñibles foron "vermello dakota", negro, "branco olímpico" e "midnight wine". A diferenza da Mustang, no ano 2008 non foi relanzada, e o nome de Bronco na actualidade só se usa no baixo de Squier Bronco Bass.