Feira Mundial do Diñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Feira Mundial do Diñeiro (en inglés: World Money Fair) é un encontro anual de carácter feiral onde comerciantes, coleccionistas numismáticos e público en xeral procedentes de todo o mundo comercian con moedas antigas e modernas, billetes e outro tipo de obxectos relacionados coa numismática.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1970, Albert M. Beck, naquela época editor da revista Münzen-Revue, fundou en Múnic, Alemaña, a "Organización de Bolsas de Moedas Europeas" (Organisation Europäischer Münzen-Börsen -OEMB-), xunto cos promotores doutros sete eventos similares que se celebraban no continente, coa idea de constituíren un grande mercado internacional para o coleccionismo de moedas.[1]

Dous anos despois, o 22 de xaneiro de 1972, tivo lugar en Basilea, Suíza, a primeira Bolsa Internacional de Moedas (Internationale Münzenbörse), evento que se repetiu nos anos seguintes en Berna, en Zúrich e noutras localidades, e que empezou a contar coa participación das casas de moeda europeas e internacionais, que aproveitan a ocasión para presentaren as súas novas emisións (a primeira en participar foi a canadense Royal Canadian Mint, en 1981).[1]

Esta Bolsa foi o antecedente da posterior Feira Mundial de Moedas (World Money Fair), evento no que participan anualmente arredor de 50 países, con máis de 300 expositores e arredor de 13.000 visitantes e que, en 2006, a partir da súa celebración en Berlín, fixou o seu lugar de celebración nesa cidade alemá.[1]

Ademais dos encontros comerciais, en cada edición da Feira Mundial do Diñeiro teñen lugar concursos, presentacións de moedas, exposicións temáticas e conferencias, así como a concesión do premio Vreneli ao mérito numismático, outorgado desde 1986 pola revista Münzen-Revue.[1][2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "The History Of The World Money Fair Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da WMF.
  2. "Program. 2019 Arquivado 08 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da WMF.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]