Saltar ao contido

Fauna de Estonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O corzo é o ungulado máis común de Estonia.

Estonia é un pequeno país con amplas masas forestais que se atopa no mar Báltico. Forma parte da rexión siberiana terrestre do eido paleártico, no atlántico norte temperado.[1] Fitoxeograficamente, Estonia divídese entre as rexións de Europa Central e Europa do Leste da Rexión Circumboreal dentro do Reino Holártico. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Estonia pertence á ecorrexión do bosque mixto sarmático.

A escasa poboación de Estonia e as grandes áreas de bosque permitiron a supervivencia de poboacións de lince común, xabaril, oso pardo e alce, entre outros animais.[2] Pénsase que Estonia ten unha poboación de lobos duns 200 exemplares,[3] que se considera lixeiramente por riba do intervalo óptimo de 100 a 200.[4] A avifauna de Estonia caracterízase por aves mariñas raras como o eider de Steller (Polysticta stelleri), o ganso pequeno (Anser erythropus) e o fuselo de rabo negro (Limosa limosa), paxaros de terra como a arceúcha real (Gallinago media), aves de campo seco como o rei dos paspallás (Crex crex) e o rolieiro europeo (Coracias garrulus) e grandes aves de rapina como a aguia manchada (Aquila clanga). Estonia ten cinco parques nacionais, incluíndo o Parque Nacional de Lahemaa na costa norte, que é o meirande. O Parque Nacional de Soomaa, entre Pärnu e Viljandi, é coñecido polas súas zonas húmidas. Reservas como a reserva de aves de Käina e o Parque Nacional de Matsalu (unha zona húmida de importancia internacional baixo a Convención de Ramsar) tamén son populares entre veciños e turistas e admiten unha gran variedade de aves.[5]

Vertebrados

[editar | editar a fonte]

As maiores poboacións de osos atópanse no nordeste de Estonia nos condados de Ida-Viru e Lääne-Viru.[6] O número de osos, linces e lobos sufriu durante a ocupación soviética xa que eses animais foron moi perseguidos. Despois de recibir protección, o número de carnívoros máis grandes alcanzou o seu máximo a comezos da década de 1990, mais dende entón caeu lixeiramente por mor do aumento da presión da caza. En 2008, Estonia era o fogar de aproximadamente 620 osos pardos, 760 linces e 135 lobos.[7] A comezos de 2010, os grandes ungulados incluían 48.040 corzos (con respecto aos 63.000 de 2009), 11.741 alces europeos, 2.831 cervos e 22.642 xabarís.[8]

A súa avifauna inclúe aguias reais e cegoñas brancas.

Invertebrados

[editar | editar a fonte]

A seguinte táboa amosa unha visión xeral do número de especies dos grupos de invertebrados seleccionados.[9]

Grupo Especies coñecidas Número estimado de especies
Ameboides 68 140
Flaxelados 89 200
Apicomplexos 13 50
Cilióforos 176 300
Poríferos 3 6
Hidrozoos 5 8
Escifozoos 3 3
Turbelarios 55 200
Monoxeneos 73 40
Dixeneos 110 130
Nemertinos 106 130
Gastrótricos 6 40
Rotíferos 230 500
Nematodos 200 500
Nematomorfos 1 5
Quinorrincos 1 3
Acantocéfalos 14 40
Nemertinos 4 10
Priapúlidos 1 ?
Poliquetos 6 ?
Oligoquetos 103 200
Briozoos 7 15
Gasterópodos 74 80
Bivalvos 62 70
Crustáceos 326 356
Arácnidos 786 2055
Miriápodos 38 50
Tardígrados 1 50
Insectos ~10000 20000-21000
  1. Spalding, M.D., et al. "Marine Ecoregions of the World: A Bioregionalization of Coastal and Shelf Areas". Bioscience Vol. 57 No. 7, xullo/agosto de 2007
  2. "Systematic list of Estonian mammals". Arquivado dende o orixinal o 2007-11-07. Consultado o 2007-12-19. 
  3. "Laupäeval algab hundijaht" (en estoniano). 2008-01-25. Consultado o 2008-11-24. 
  4. (en estoniano)Keskkonnainfo: hunt Arquivado 2019-10-28 en Wayback Machine.
  5. Birds Of Estonia
  6. "status2". Arquivado dende o orixinal o 2007-10-10. Consultado o 2007-12-19. 
  7. [1]
  8. [2]
  9. Eesti Loodus (Ed. A. Raukas), Tallinn, Valgus & Eesti Entsüklopeediakirjastus 1995

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]