Fatema Mernissi
Fatema Mernissi | |
---|---|
![]() | |
Alcume | Fatma Aït Sabah |
Nacemento | 27 de setembro de 1940 |
Lugar de nacemento | Fez |
Falecemento | 30 de novembro de 2015 |
Lugar de falecemento | Rabat |
Nacionalidade | Marrocos |
Relixión | Islam |
Alma máter | Sorbona e Universidade Brandeis |
Ocupación | escritora, ensaísta, socióloga, profesora universitaria, escritora de non ficción, activista polos dereitos das mulleres e feminista |
Premios | Premio Erasmus e Premio Príncipe de Asturias das Letras |
Na rede | |
![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Fatema Mernissi (en árabe, فاطمة مرنيسي Fātima Marnīsī), nada en Fez o 27 de setembro de 1940 e finada en Rabat o 30 de novembro de 2015, foi unha escritora e socióloga feminista marroquí, unha das voces máis relevantes da intelectualidade do mundo árabe. A súa obra dedícase á condición feminina nas sociedades musulmás.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Fatema Mernissi naceu en Fez, un dos centros do movemento nacionalista marroquí contra a ocupación francesa. Pertencía a unha familia acomodada, dona de grandes extensións de terra e fiel ás tradicións.[1] Na gran casa familiar existían cuartos para as mulleres entre as que naceu e creceu. O triunfo do nacionalismo político permitiulle acceder a unha educación da que non gozaron a súa nai e a súa avoa, que foron analfabetas.
Durante os primeiros anos de escolarización, formouse nas escolas coránicas para incorporarse despois ao modelo de ensino proposto polo estado acabado de crear. Ata os vinte anos só falaba árabe, mais para superar a barreira da lingua aprendeu varios idiomas e escribiu as súas obras en árabe, francés e inglés. Mernissi obtivo o seu certificado de Ciencias políticas na Facultade de Dereito da Universidade Mohamed V de Rabat e proseguiu os seus estudos cunha bolsa na universidade da Sorbona, en París.[2] Despois, conseguiu o doutoramento en socioloxía na Universidade de Brandeis dos Estados Unidos en 1973, coa obra Beyond the Veil: Male-Female Dynamics in Modern Muslim Society.[1] Á súa volta a Marrocos deuse a coñecer polas súas intervencións no 24.º Congreso de Socioloxía de abril de 1974 en Alxer.
Os seus ensaios e traballos literarios convertérona nunha das escritoras máis célebres do Magreb e nun referente de primeira orde dentro do pensamento árabe do século XX. Dende 1973 ata 1980, foi profesora de socioloxía na Universidade de Rabat.[3] Máis adiante deu clases no Institut Universitarie de Recherche Scientifique da Universidade Mohamed V. Ademais, Mernissi foi consultora de diversos organismos internacionais (Oficina Internacional de Traballo, UNESCO) e directora de diversas coleccións como Femme Magreb Horizons 2000, Marocaines, Citoyennes de Demain e moitas máis.[2]
En 2003, Mernissi recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras xunto con Susan Sontag.[4] En 2004 foi outorgado o premio Erasmus, xunto con Sadik Al-Asm e Abdolkarim Soroush.[5]
Obras[editar | editar a fonte]
A primeira monografía de Mernissi, Beyond the Veil, foi publicada en 1975.[6] Unha edición revisada foi publicada no Reino Unido en 1985 e nos Estados Unidos en 1987. Beyond the Veil converteuse nun clásico, especialmente nos campos da antropoloxía e a socioloxía das mulleres do mundo árabe, a área mediterránea e as sociedades musulmás en xeral.
O seu libro máis famoso como feminista islámica, The Veil and the Male Elite: A Feminist Interpretation of Islam, é un estudo case histórico do papel das esposas de Mahoma. Foi publicado inicialmente en francés en 1987 e traducido ao inglés en 1991. O libro foi prohibido en Marrocos, Irán e os estados árabes do golfo Pérsico.[7]
Para Doing Daily Battle: Interviews with Moroccan Women (1991), entrevistou mulleres campesiñas, traballadoras, videntes e criadas. En 1994, Mernissi publicou un libro de memorias, Dreams of Trespass: Tales of a Harem Girlhood,[8][9] traducido ao galego en 2022.[10]
Contribuíu coa peza "The merchant's daughter and the son of the sultan" á antoloxía Sisterhood Is Global: The International Women's Movement Anthology (1984), editada por Robin Morgan.[11][12]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- 1975: Beyond the Veil: Male-Female Dynamics in a Muslim Society
- 1983: Le Maroc raconté par ses femmes
- 1984: L’amour dans les pays musulmans
- 1985: Femmes du Gharb
- 1987: Le harem politique – Le Prophète et les femmes
- 1988: Shahrazad n’est pas marocaine
- 1989: Doing Daily Battle: Interviews with Moroccan Women (editora)
- 1990: Sultanes oubliées – Femmes chefs d’Etat en Islam
- 1992: La Peur-Modernité
- 1993: Women’s Rebellion and Islamic Memory
- 1994: The Harem Within
- 1997: Les Aït-Débrouille
- 1998: Etes-vous vacciné contre le Harem?
- 2001: Scheherazade Goes West
- 2002: Islam and Democracy: Fear of the Modern World
- 2009: Les Femmes Du Maroc
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "Fatima Mernissi - Biografía, libros y novelas". www.compartelibros.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2017. Consultado o 6 de xaneiro de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 "Biografia de Fátima Mernissi". www.biografiasyvidas.com. Consultado o 6 de xaneiro de 2017.
- ↑ Fatima Mernissi, 1940. Poder, Arroyo, Medina. Del Orto. 1 de xaneiro de 2002. ISBN 9788479232863. OCLC 53707046.
- ↑ "Notable Feminist Fatema Mernissi, Susan Sontag - Literature 2003". Consultado o 3 de marzo de 2014.
- ↑ "Former Laureates". Praemium Erasmianum. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2016. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Khaleeli, Homa. "Fatema Mernissi". The Guardian. Consultado o 3 de marzo de 2014.
- ↑ Evita Saraswati, Raquel (16 de outubro de 2014). "Fatima Mernissi: going beyond the veil to fight misogynist interpretations of Islam". Aquila Style (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2016. Consultado o 21 de xuño de 2016.
- ↑ Mernissi, Fatima (1994). The harem within (Bantam reprint ed.). Toronto: Bantam Books. ISBN 978-0553408140.
- ↑ Mernissi, Fatima (1995). Dreams of trespass : tales of a harem girlhood. Fotografías de Ruth V. Ward (26. printing. ed.). Cambridge, Massachusetts: Perseus Books. ISBN 978-0201489378.
- ↑ Viéitez, Nora. "Soños no limiar". bibliotraducion.uvigo.es. Laiovento. Consultado o 2023-11-05.
- ↑ "Table of Contents: Sisterhood is global :". Catalog.vsc.edu. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2015. Consultado o 15 de outubro de 2015.
- ↑ Valentine M. Moghadam (2003). Modernizing Women: Gender and Social Change in the Middle East. Lynne Rienner Publishers. pp. 76–. ISBN 978-1-58826-171-7.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Páxina web de Fatema Mernissi
- Obituario en Morocco World News
- Chronological Overview of books by Fatema Mernissi
- Announcement of the Asturias Prize, 2003
- Entrevista en El País, 6 de xuño de 2008 (en castelán)
- Entrevista en El País, 31 de outubro de 1989 (en castelán)
- Entrevista en Encuentros Digitales El Mundo.es Arquivado 11 de outubro de 2020 en Wayback Machine. (en castelán)
- Artigo en El País sobre Fatima Mernissi (en castelán)
- Rebel for the sake of women
- The Prophet and Freedom of the Individual
- Politics and the Prophet, estudo de Islam and Democracy de Mernissi, por Martin Kramer