Faro das Illas Sisargas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°21′40″N 08°50′40″O / 43.36111, -8.84444

Faro das Illas Sisargas
O faro das Sisargas en 1982
O faro das Sisargas en 1982
Datos xerais
LocalizaciónIllas Sisargas
ConcelloMalpica de Bergantiños
Construción1853
Datos técnicos
Cód. internacionalD-1728
DescriciónTorre octogonal de perpiaño sobre casa branca
A.S.N.M.110 metros
Sobre o terreo11 metros
CaracterísticasGpD (3) B 15 seg.
Período(0,2+2,8)+(0,2+2,8)+0,2+8,8 s
Alcance23 millas náuticas

O faro das Illas Sisargas atópase na Illa Grande, nas Illas Sisargas, en Malpica de Bergantiños, na Costa da Morte. Depende da Autoridade Portuaria da Coruña.

Historia[editar | editar a fonte]

Composto de torre e un edificio accesorio, levantouse na parte máis alta da Illa Grande. É o segundo faro máis antigo da Costa da Morte, pois se acendeu por primeira vez o 29 de xuño de 1853 (o faro de Fisterra acendeuse apenas un mes antes). Os trámites de construción comezaran en 1847, cando por unha proposta da Comisión de Faros, un real decreto aprobou un Plan General de Alumbramiento Marítimo que sentou as bases da sinalización costeira.[1] As obras iniciáronse arredor de 1851 tal e como recolle a prensa local e nacional.[2]

O plano do faro[3] mostra unha única planta rectangular de 15 × 20 m, cun patio central. No centro dun dos lados arrinca a torre, de perpiaño, cun pedestal cadrado de 4 m de lado que chega á mesma altura que o edificio, e un corpo troncopiramidal de sección octogonal, onde hai un balcón e desde onde arrinca o torreón de 1,70 m. A altura do chan á lanterna é de 7,75 m. Tendo en conta que se levanta nunha plataforma situada a uns 103 metros sobre o nivel do mar, emite o seu foco de luz a unha altitude de 111 metros, que supera a do faro de cabo Vilán pero que, aínda así, queda lonxe dos 143 metros do faro de Fisterra.

O autor do proxecto de 1853 foi o enxeñeiro Celedonio de Uribe. O seu custo, 117 953 reais (a lanterna e o aparello custaron 46 332 reais). Era un faro de 4ª orde atendido por dous torreiros.

En 1903 a Sociedade de Salvamento de Náufragos solicita o cambio a faro de primeira orde, e a instalación dunha sirena de néboa. O presuposto de 86 277 pesetas para a adquisición da sirena aprobouse por real decreto de 1905.[4]. Unha noticia desas datas afirma que a casa encargada da construción era a inglesa The Marine Explosive Fog Signal cun custo de 1942 libras esterlinas.[5]

Con todo, a aprobación final da execución das obras tería que agardar ata 1908 cando saíu a poxa a contrata por valor de 55 727 reais.[6]

O edificio da sirena atópase a 200 m de distancia do faro principal e a 100 m de altitude; nela estaban os motores, construídos pola factoría inglesa The Campbell Gas Engine Ltd., e compresores de aire. Unha construción anexa servía de vivenda para o torreiro de garda. Entrou en funcionamento en abril de 1915, cun son de 2 segundos de duración cada 15. Abandonaríase anos máis tarde ao ser substituída por outra eléctrica de vibradores electromagnéticos que se instalaron no faro e que tamén proporcionarían enerxía ás vivendas. Esta é a instalación que existe actualmente e dá como característica a letra "S" en código Morse.

En 1913 durante a reforma do novo faro instalouse un farol provisional que proxectaba unha secuencia de tres escintileos[7]. Á fronte desta reforma púxose o enxeñeiro Salvador López Miño, home de ampla experiencia neste campo e finalmente o 1 de outubro de 1915 novo faro opera coa aparencia de tres escintileos cada 15 segundos e 23 millas de alcance nominal.

A edición de 1906 de "The lights and tides of the world including a description of all the fog-signals" menciona que o faro estaba situado nunha torre cadrada de 7 metros de altura.

A dura climatoloxía fixo que a illa fose inhabitable e a conservación do faro un problema constante. De feito o faro estaba clasificado como "especial e illado" pola administración. O relevo de persoal en días de temporal era complicado e incluso perigoso. En 1922, sete mariñeiros de Malpica de Bergantiños a punto estiveron de perecer cando tentaban transportar víveres á illa e levar a terra os torreiros que remataban a súa quenda.[8] En 1936, o goberno gastou 1100 pesetas na conservación e mantemento do faro.[9]

En 1978, co edificio en moi mal estado, construíuse xunto a el un barracón para as habitacións dos técnicos. Os torreiros víanse obrigados a estar encerrados nestas habitacións moitos dos días que lles tocaba estar de garda. Tamén había un heliporto para os helicópteros, que máis dunha vez acudían en auxilio dos torreiros cando estes non podían entrar ou saír da illa por mar.

Este faro, que depende da Autoridade Portuaria da Coruña, foi dos últimos en ser automatizado, pois ata o ano 2002 era atendido directamente por catro torreiros que permanecían na illa por quendas de dous.[Cómpre referencia]

Lista de torreiros[editar | editar a fonte]

A prensa local en Galicia e as gacetas oficiais deron conta regularmente dos nomeamentos que se producían no servizo de sinalización marítima. Velaquí algúns nomes:

  • 1869 José García Iglesias[10]
  • 1880 Manuel Abal[11]
  • 1882 José Castro (torreiro terceiro)
  • 1889 Jesús López[12]
  • 1901 José Allende García
  • 1902 Manuel Quiñones Pérez (torreiro segundo)
  • 1906 Manuel Quiñones e Julian Gómez Pérez
  • 1911 Isaac López Calero (torreiro maquinista)[13]
  • 1913 Abelardo Fernández Ramírez[14]
  • 1915 Manuel Fuentes[15]
  • 1918 Fernando Valles
  • 1919 Manuel Fuentes Cuadros[16]
  • 1922 Isaac López Calero, Emílio López Gutiérrez, Manuel López Cedaio, Jacinto Utrilla, Ricardo Rodríguez
  • 1923 Manuel López Beleño[17]
  • 1925 Alsonso Acarreta Calcerrada[18]
  • 1926 Juan Segundo Lojo[19]
  • 1928 Jose López Catero, Alfonso Acorrete e Francisco Bonachera
  • 1930 Francisco Bonachera[20]
  • 1933 Angel Peña Cordero[21] e Antonio Martínez Vilar[22]
  • 1946 Manuel Rivera Pérez[23]
  • 1964 Jesús López Castaño
  • 2003 José Ramón Álvarez, Javier Castro e Jesús Martínez

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plan General de Alumbrado Maritimo de las costas y puertos de Espana, 1847 (en castelán)
  2. La Época (Madrid). 6/12/1851, no. 856, páxina 3.
  3. Plano do faro
  4. Gazeta de Madrid, número 77, 18 de marzo de 1905.
  5. El Eco de Galicia: Num. 489 (20/5/1905).
  6. Gazeta de Madrid, número 135 de 14 de maio de 1908.
  7. The lights and tides of the world, including a description of all the fog-signals. Londres, 1913, p. 63.
  8. El Ideal Gallego, 29 de decembro de 1922.
  9. El Progreso : diario liberal Año XXIX Número 12459 - 1936 mayo 17
  10. El far de Sant Sebatia. David More Aguirre. Ed. Palafrugell, 2007
  11. La Iberia (Madrid). 15/7/1880, páxina 3.
  12. Faro de Mesa Roldan. Mario Sanz Cruz. Diputacion de Almeria. 2003
  13. La Correspondencia de España: diario universal de noticias Año LXII Número 19573 - 1911 septiembre 14
  14. El Noroeste Año XVIII Número 6636 - 1913 octubre 31
  15. El Progreso: diario liberal Año VIII Número 3348 - 1915 octubre 22
  16. El Eco de Santiago: diario independiente Año XXIV Número 10199 - 1919 Septiembre 20
  17. El Orzán: diario independiente Año VI Número 1558 - 1923 abril 27
  18. El Auxiliar de la ingeniería y arquitectura. 10/5/1925, no. 98, páxina 16.
  19. El Auxiliar de la ingeniería y arquitectura. 25/11/1926, no. 135, páxina 14.
  20. El Orzán : diario independiente Año XIII Número 3716 - 1930 septiembre 14
  21. El Auxiliar de la ingeniería y arquitectura. 10/7/1933, no. 294, páxina 16.
  22. El Auxiliar de la ingeniería y arquitectura. 25/12/1933, no. 305, páxina 16.
  23. Entrevista en La voz de Ferrol, 27 de xaneiro de 2013

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]