Fanni Kaplán
Nome orixinal | (ru) Фанни Ефимовна Каплан |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (ru) Фейга Хаимовна Ройтблат 10 de febreiro de 1890 Novichi, Ucraína (en) |
Morte | 3 de setembro de 1918 (28 anos) Moscova, Rusia |
Causa da morte | pena de morte, execución por arma de fogo |
Ideoloxía política | Anarquismo |
Actividade | |
Ocupación | terrorista, política |
Partido político | Partido Social-Revolucionario |
Influencias | |
Descrito pola fonte | Faces of Moscow (en) |
Fanni Efímovna Kaplán (ruso: Фанни Ефимовна Каплан), nada na rexión de Volinia contra 1887 e finada en Moscova o 3 de setembro de 1918 (coñecida tamén como Fania ou Fanni Kaplán, foi unha anarquista e revolucionaria, autora do intento de asasinato de Lenin o 30 de agosto de 1918.[1][2]
Comezos
[editar | editar a fonte]Hai moi pouca información clara sobre as orixes de Fanni Kaplán. Naceu contra 1887 en Volinia, rexión na fronteira occidental do Imperio Ruso (actualmente parte no noroeste de Ucraína).[1]
O seu nome orixinal era Feiga Khaimova Roitblat-Kaplán (Фейга Хаимовна Ройтблат-Каплан) ou Feiga Khaimova Roitman, afectuosamente tamén chamada Dora. Naceu no seo dunha familia xudía na que eran oito irmáns.[1] O pai era mestre na escola xudía local.[1] Foi educada na casa, mais axiña deixou o fogar para traballar nunha fábrica en Odesa.[1]
Anarquismo
[editar | editar a fonte]Militou en grupos anarquistas antes de unirse ao Partido Social-Revolucionario.[1] En decembro de 1906, Kaplán participou no atentado frustrado do gobernador de Kíiv con dous compañeiros anarquistas máis.[1] Para entón cambiara o seu apelido a Kaplán.[1] Foi arrestada e condenada a traballos forzados perpetuos nunha kátorga en Akatúi, Siberia, pola morte dunha serventa na explosión no seu hotel que frustrou o atentado.[1]
Entre 1908 e 1912 estivo na prisión de Máltsev, en Siberia.[3] Alí estaba libre de traballos forzados xunto con outras 60 mulleres socialistas e anarquistas, quen dedicaban o tempo da pena á formación política.[3]
Malia o réxime relativamente liberal da prisión, o peche adoitaba afectar física e mentalmente.[3] Fania comezou a sufrir hemicranias recorrentes e en 1909 quedou temporalmente cega.[4] Desesperada, tentou suicidarse, mais as súas compañeiras de prisión impedíronllo. Aprendeu a valerse por si mesma e a ler en braille.[4] En 1912, cega, foi trasladada á prisión de Akatúi.[4] Grazas á mediación dun médico da prisión recibiu tratamento e recuperou parte da visión entre 1912 e 1913.[4] Tras o tratamento regresou á prisión de Akatúi até 1917.[4]
A revolución
[editar | editar a fonte]Foi liberada cando a Revolución de Febreiro acabou co tsarismo.[4] Kaplán era unha das dúas anarquistas de entre as dez presas liberadas pola amnistía do Goberno Provisional Ruso.[5] O seu grupo de reclusas, que desenvolvera unha íntima amizade, regresou á Rusia europea.[4] En abril de 1917 instalouse cunha excompañera de presidio en Moscova. Un mes despois marchou a Crimea para seguir o tratamento da vista,[4] e dous meses máis tarde trasladouse a Khárkiv co mesmo obxectivo.[4]
A Revolución de Outubro fora mal vista por Kaplán, polo que acabaría desilusionada con Lenin a causa do conflito entre os social-revolucionarios e a fracción bolxevique. Trasladouse a Simferópol, onde outras faccións socialistas formaron un goberno rival ao bolxevique. Alí atopou un traballo ben remunerado na administración municipal.[6]
En xaneiro de 1918 os bolxeviques tomaron a cidade e o mes seguinte disolveron as súas institucións, co que Kaplán perdeu o seu traballo.[6] Decidida a retornar ao terrorismo político, regresou a Moscova, mais sen procurar un novo emprego.[6] A súa actividade entre marzo e setembro de 1918 é descoñecida.[6]
O Partido Socialrevolucionario tiña forte apoio entre os soviets, os que Lenin describira no seu libro O Estado e a Revolución (1917) como «o único camiño cara ao goberno postrevolucionario». Con todo, nas eleccións á Asemblea Constituínte Rusa de novembro de 1917, os bolxeviques non só non obtiveron maioría absoluta, senón que un social-revolucionario foi nomeado presidente en xaneiro de 1918. Os bolxeviques, para favoreceren os soviets, ordenaron a disolución da Asemblea. Nos seguintes meses, os enfrontamentos entre socialistas e bolxeviques levaron á ilegalización de todos os partidos, agás o gobernamental. Kaplán decidiu entón asasinar a Lenin.
O atentado contra Lenin
[editar | editar a fonte]A tarde do 30 de agosto de 1918, Lenin pronunciara un discurso nunha fábrica de armamento de Moscova.[2] Cando saíu do edificio, antes de que puidese entrar no coche, Kaplán berroulle. Ao virarse, ela disparoulle tres tiros: un atravesoulle o abrigo e feriu unha muller, os outros dous alcanzáronlle o ombreiro e o pulmón esquerdos.[2] Non houbo testemuñas de que fose Kaplán quen disparou.[7] A escuridade no patio da fábrica, a multitude e o inesperado do ataque imposibilitaron unha identificación fidedigna, malia as declaracións pouco fiábeis dalgúns presentes durante a posterior investigación.[7]
Lenin foi trasladado de inmediato aos seus cuartos do Kremlin.[8] Temía que houbese máis persoas tramando o seu asasinato. Negouse a saír para recibir atención médica, polo que foi atendido na mesma estancia. Con todo, non se lle puideron extraer as balas fóra das instalacións sanitarias. Malia a gravidade das feridas, Lenin sobreviviu, e permitíuselle seguir a convalecencia nos arredores de Moscova o 25 de setembro de 1918.[8] Salvouse de morrer polo disparo no pescozo ao virarse cando lle disparaban.[9] No entanto, a súa saúde nunca se recuperaría do ataque. De feito, crese que o atentado influíu a longo prazo nos posteriores infartos que o foron incapacitando até acabaren coa súa vida.
Kaplán foi encarcerada e interrogada pola Cheka.[2] No primeiro interrogatorio, unicamente berrou nerviosa que disparara a Lenin, mais negouse a asinar a súa declaración, e foi trasladada a continuación ao cárcere de Lubianka.[10] Interrogada por altos funcionarios do goberno, negouse a achegar datos sobre a súa persoa nin sobre o ataque.[10]
Os investigadores da Cheka non lograron atopar a arma usada. Tras o peche da investigación, o 2 de setembro de 1918, declarouse a entrega dunha pistola, mais non se puido asegurar se foi a do atentado.[9] Non se usou como proba contra Kaplán, que foi executada oficialmente o 3 de setembro de 1918 (quizais o 31 de agosto).[9] En 1958, o comandante do Kremlin en 1918, Pável Malkov, confesou executar a Kaplán o 3 de setembro daquel ano no patio do edificio, por orde de Yákov Sverdlov.[11] A súa confesión foi concisa:
«O meu nome é Fanya Kaplán. Hoxe dispareille a Lenin. Fíxeno cos meus propios medios. Non direi quen me proporcionou a pistola. Non darei ningún detalle. Tomei a decisión de matar a Lenin hai xa moito tempo. Considéroo un traidor á Revolución. Estiven exiliada en Akatúi por participar no intento de asasinato dun funcionario tsarista en Kíiv. Permanecín once anos en réxime de traballos forzados. Tras a Revolución fun liberada. Aprobei a Asemblea Constituínte e sigo apoiándoa».[Cómpre referencia]
Consecuencias do atentado
[editar | editar a fonte]O mesmo día do atentado, Moiséi Uritski, comisario do pobo do Interior na rexión Norte e xefe da Cheka de Petrogrado, foi asasinado.[2] Tratábase dun intento de insurrección dos Social-Revolucionarios para derrocar o goberno dos soviets, en pleno apoxeo da Guerra civil rusa. Poucas horas despois do intento de Kaplán, emitiuse un decreto oficial que chamaba a un «terror masivo e desapiadado contra os inimigos da revolución». Non existía, con todo, proba da conexión de Kaplán cos socialrevolucionarios, alén da denuncia por parte do goberno.[12]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Notas e referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Lyandres (1989), p. 434
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Lyandres (1989), p. 432.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Lyandres (1989), p. 435.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Lyandres (1989), p. 436.
- ↑ Boniece 1995, p. 204.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Lyandres (1989), p. 437.
- ↑ 7,0 7,1 Lyandres (1989), p. 438.
- ↑ 8,0 8,1 Figes (1998), p. 627.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Lyandres (1989), p. 441
- ↑ 10,0 10,1 Lyandres (1989), p. 440.
- ↑ Lyandres (1989), p. 442.
- ↑ Lyandres (1989), p. 443.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Maria Spiridonova, 1884-1918: Feminine Martyrdom and Revolutionary Mythmaking (Tese). Universidade de Indiana. 1995.
- Figes, Orlando (1998). A people's tragedy: the Russian Revolution, 1891-1924 (en inglés). Penguin Books. pp. 923. ISBN 9780140243642.
- Semion Lyandres (1989). "The 1918 Attempt on the Life of Lenin: A New Look at the Evidence". Slavic Review 48 (3): 432–448.