Familia Mondragón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un dos escudos dos Mondragón. É tamén o escudo do concello de Mondragón.

Mondragón é unha liñaxe de orixe vasca, con casa señorial en Eremuzketa (Gipúscoa), que pasou a Galicia entroncando con ilustres familias do país, e fundando en diversos sitios casas moi importantes.[1] Entre elas destaca a dos Armada, á que pertencen os marqueses de Santa Cruz de Ribadulla.

Historia[editar | editar a fonte]

Os Modragón de Galicia[editar | editar a fonte]

A mediados do século XV vivía no lugar de Ortigueira da parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, un nobre apelidado Abraldes, que tomou partido pola infanta Xoana de Castela, na guerra que esta mantivo contra a súa parente Isabel pola coroa de Castela. Os Reis Católicos mandaron desmouchar a vella torre, o que era sinal de afronta para o que nela vivía. Abraldes abandonou a súa casa e nunca volveu. O seu fillo mandou construír, na parroquia de San Mamede de Ribadulla, a casa de Guimaráns, pazo que estaba máis cerca de Santiago, e sen torre, pois nunca quixeron naquela familia volver a sufrir humillación.[2]

Por aqueles anos apareceu por Santiago un influente clérigo, Juan Ibáñez de Mondragón. Nomeado cóengo de Santiago, pronto aumentou a súa fortuna e adquiriu fama. Parece ser que un dos seus irmáns era prelado en Roma, e outro servía no exército. A orixe da familia era o soar de Eremuzketa, en Guipúscoa. O cóengo decidiu establecerse en Compostela, para o que vendeu os bens de Mondragón e buscou unha casa no campo: a torre de Ortigueira estaba baleira e comprouna. Mandou construír a capela da Piedade (coñecida como capela de Mondragón), na catedral de Santiago, na que pediu que o enterraran. Ao cóengo sucedeuno un sobriño, Xoán de Mondragón. O cóengo e posteriormenteo o seu sobriño o cardeal —dignidade da catedral de Santiago— estenderon a propiedade. Edificouse a capela e arranxárone os edificios.[2]

Xa no século XVII, Xoán de Mondragón Eremuzqueta foi o primeiro da súa liñaxe que sentou na Xunta do Reino de Galicia representando á cidade de Santiago. O seu fillo e sucesor no vínculo, o cabaleiro da Orde de Santiago Andrés de Mondragón e Ozores de Sotomayor, tamén actuou como deputado por Santiago (1677 e 1689), sendo designado despois polo consistorio santiagués Deputado Xeral do Reino de Galicia na Corte de Madrid [3]

Andrés de Mondragón era home de boa reputación e prestixio en Santiago, e foi designado rexedor da cidade: puxo orde na mesma, mellorou as fontes e amañou os parques. Parece que tivo a concesión do arbitrio do sal. Rescatou ao pobo de Santa Cruz de Ribadulla do tributo e vasalaxe a que estaban sometidos. O rei Carlos II, o 8 de marzo de 1683, fíxolle mercede do título de marqués de Santa Cruz de Ribadulla, premiando así os seus servizos. Como título previo tiña o de vizconde de San Xulián de Piñeiro.[2][4]

O último descendente dos Mondragón que asistiu a unha Xunta do Reino de Galicia foi o procurador xeral de Santiago Xoán Armada, en 1833, o único deputado en máis de douscentos anos que non foi rexedor de Santiago.[3]

Os Armada[editar | editar a fonte]

  • Juan de Armada, capitán, natural e dono da casa Armada do Casar, na freguesía de San Salvador de Vide (Ourense), foi pai de:
  • Sebastián de Armada, natural e dono da casa do Casar, capitán, familiar do Santo Oficio da Inquisición, casou con Francisca Fernández de Araujo, natural da parroquia de san Mamede de Oleiros (Lugo). Deste matrimonio naceu:
  • Juan de Armada y Fernández de Araujo, natural e dono da casa do Casar e dos pazos de Vilameá y Carrichouso, capitán, que da súa esposa Isabel Taboada, natural da vila de Monterrei (Ourense) e Señora da casa de Gargalo e do couto de Lamalonga, tivo a:
  • Pedro Manuel de Armada y Taboada, nacido en San Salvador de Vide o 20 de xaneiro de 1646, dono da casa do Casar e Cabaleiro da Orde de Santiago.[2]

Os Armada / Mondragón[editar | editar a fonte]

Pedro Manuel de Armada y Taboada casou con Isabel Salgado Mondragón, e deste matrimonio naceu:

  • Ignacio Antonio de Armada y Salgado, capitán de cabalería, I marqués de Santa Cruz de Rivadulla. Casou con Ana Ignacia García de Castro e foron seus fillos:
  • Juan Antonio Armada Mondragón y Guerra, nacido en Maracaibo o 13 de xaneiro de 1796, V marqués de Santa Cruz de Ribadulla, vizconde de San Julián, e señor das xurisdicións de Usande, Piñeiro, Carricoba, Vide, Jora, Ribadulla, Outeiro, Escornaboi, Argalo, Santa María da Mercede, Carrichouso e a casa señorial de Ortigueira. Brigadier dos Reais Exércitos e Coronel honorario de Artillaría, Prócer do Reino, Senador Vitalicio, Rexedor perpetuo de Oviedo e de Ourense. Casou en Oviedo o 16 de xullo de 1816 con María del Rosario Benita Fernanda Valdés y Ramírez de Jove, nada en Xixón o 5 de outubro de 1794, X condesa de Canalejas. Deste matrimonio foi fillo:
  • Álvaro José María Benito Armada Valdés, nacido en Oviedo o 11 de maio de 1817, VI marqués de Santa Cruz de Rivadulla, V marqués de San Esteban del Mar de Natahoyo, XI conde de Canalejas, vizconde de San Julián, vizconde de la Peña de Francia, XVI Adelantado Mayor de la Florida, cabaleiro das Ordes de Montesa e de Carlos III, coronel de Infantaría, varias veces Deputado e Senador do Reino. Casou en Madrid o 16 de xullo de 1838 con María Manuela de la Paciencia Fernández de Córdoba y Güemes, nada en Madrid o 9 de marzo de 1822, condesa de Revilla Gigedo, Grande de España, marquesa de Canillejas e condesa de Güemes, Dama Nobre da raíña María Luísa (filla de José María Fernández de Córdoba, marqués de Canillejas, embaixador en Francia e Inglaterra, Xentilhome de Cámara de S. M., e de Carlota Luís Güemes, condesa de Revilla Gigedo, Dama Nobre da Banda de Dona María Luísa, ambos naturais de Madrid). Faleceu en Xixón o 23 de xuño de 1889. Foron pais de:
    • l. María Carlota Agustina Rosa de Armada y Fernández de Córdoba, nada en Xixón o 28 de agosto de 1841 e finada en Madrid o 17 de abril de 1848.
    • 2. Álvaro Gonzalo, que segue a liña.
    • 3. Iván de Armada y Fernández de Córdoba, nacido en Madrid o 18 de febreiro de 1845. Foi o VII marqués de Santa Cruz de Ribadulla, doutor en Filosofía y Letras, licenciado en Dereito e Cabaleiro Mestrante de Sevilla en 1868. Morreu en Santiago de Compostela o 4 de outubro de 1899.
    • 4. Isabel Francisca de Armada y Fernández de Córdoba, nada en Madrid o 5 de xullo de 1848. Foi desde 1906, por cesión do irmán primoxénito, VI marquesa de Canillejas, Grande de España. Casou dúas veces: a primeira o 29 de xullo de 1869 con José María de Vereterra y Lombán, Cabaleiro da Real Mestranza de Granada, e a segunda, en Deva, o 11 de agosto de 1879 co seu cuñado Manuel de Vereterra y Lombán, natural de Oviedo, Cabaleiro da Real Mestranza de Granada, ex-deputado a Cortes, Senador Vitalicio do Reino, Gran Cruz de Carlos III e Xentilhome de Cámara da S. M., con sucesión.
    • 5. Fernando Cristóbal de Armada y Fernández de Córdoba, nacido en Xixón o 22-I-1850. Morreu sendoi un neno.
  • Álvaro Gonzalo Juan Fernando Tristán de Armada y Fernández de Córdoba, nacido en Xixón o 8 de febreiro de 1843, VI conde de Revilla Gigedo, Grande de España, IV conde de Güemes, VII marqués de San Esteban del Mar de Natahoyo, XVII Adelantado da Florida, Vogal da Deputación permanente da Grandeza de España, Deputado a Cortes por Xixón en 1885, Cabaleiro da Orde de Carlos III, Xentilhome con exercicio e servidume da S. M., Cabaleiro da Orde de Montesa, Cabaleiro Mestrante de Valencia, Señor titular e Parente Maior das casas e soares de Xixón, Deva, Campomanes, Figaredo, Villanueva, Solís e Grado, en Asturias, e de Santa Cruz de Cerveña, en Galicia, así como herdeiro titular dos Señoríos e Baronías de Benillova e Ribarroja en Navarra, e dos portos de Sancenes e da Fuencoyada en León. Casou en Trubia (Asturias) o 20 de maio de 1872 con María del Carmen Rafaela de los Ríos Enríquez y Miranda de Grado, Dama Nobre da Orde de María Luísa, nada en Madrid o 31 de xullo de 1854. Faleceu en Deva o 23 de setembro de 1907. Deste enlace foi o sétimo fillo:
  • Luís Gonzaga de Armada y de los Ríos Enríquez, nado en Deva (Xixón) o 13 de xuño de 1889 e finado en Madrid o 15 de setembro de 1973. De Xixón pasou a Galicia ao faleceren os seus pais e herdar os seus bens alí. Foi o VIII maqués de Santa Cruz de Rivadulla, xeneral de Artillaría, Gran Cruz ao mérito militar e de San Hermenexildo, Cabaleiro da Orde de Santiago. Casou en Madrid o 26 de abril de 1915 con María del Rosario Comyn y Allendesalazar, nada en Madrid o 31 de outubro de 1892 (filla dos condes de Albiz). Foron pais de Jesusa, Rafaela, Alfonso, co que segue a liña, Luís, Dolores, María del Rosario, María del Perpetuo Socorro, Paz, Ignacio e Javier.
  • Alfonso Armada Comyn, nacido o 12 de febreiro de 1920 en Madrid, IX marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Casou con Francisca Díez de Rivera y Guilladas, a menor das dúas fillas de Pedro Díez de Rivera y Figueroa, marqués de Someruelos, fillo dos condes de Almodóvar. Faleceu en Madrid o 1 de decembro de 2013.[2] Foron pais de:
    • Juan, co que segue a liña;
    • Rosario, nada o 28 de setembro de 1946, avogada;
    • Pedro, nacido o 25 de xuño de 1948, xesuíta;
    • Victoria, nada o 21 de xuño de 1950. Casou con José Gil Delgado Moxó, fillo de Carlos Gil Delgado y Armada, marqués de Berna, e de María Luisa de Moxó y Güell;
    • María de la Asunción, nada o 27 de xaneiro de 1952. Casou o 14 de xullo de 1973 con Hugo O'Donnell y Duque de Estrada, duque de Lucena, fillo de Leopoldo O'Donnell y Lara, duque de Tetuán, e de Consuelo Duque de Estrada y Moreno;
    • Alfonso, nacido o 10 de xullo de 1954;
    • Ignacio, nacido o 1 de agosto de 1957. Casou con María Eugenia Cornet y Soler;
    • Isabel, nada o 22 de xaneiro de 1961. Casou con Antonio Donoso;
    • Paz, nada o 5 de xullo de 1962. Casou con Javier Rivera Latos;
    • Luis, nacido o 11 de xaneiro de 1964.
  • Juan Armada y Díez de Rivera, nacido o 18 de abril de 1945, X marqués de Santa Cruz de Rivadulla.[5] Casou con María de España y Pascual de Quinto, filla de Fernando de España y Morelli, conde de España, e de Pilar Pascual de Quinto y Montalvo. Tiveron a:
    • Juan Armnada y España, nacido o 22 de xullo de 1973;
    • Santiago Armada y España, nacido o 20 de setembro de 1975;
    • Javier Armada y España, nacido o 2 de maio de 1978.[6]

Escudos de armas[editar | editar a fonte]

A familia dos Mondragón traen como armas, en campo de goles un chevrón de ouro, acompañado de tres dragóns do mesmo metal. Outros traen, en campo de goles, dous dragóins de ouro, enfrotados, cun B entre as súas fauces, e bordura de azur con oito vieiras de ouro. Outros, en campo de sinople, tres castelos de ouro, ben ordenados.[7] Finalmente, outros, escudo cortado,[8] 1º, en campo de ouro, un castelo de goles, e 2º, en campo de sínople, un dragón de ouro, e bordura de goles.[1]

Crespo Pozo recolle tamén o seguinte: escudo cortado: no alto, en campo de goles, un M de ouro, coroado do mesmo metal e, no baixo, un xaquelado[9] de ouro e goles, con dous dragóns de sinople, enfrontados e coas colas entrelazadas, de xeito que forman como unha especie de bordura de todo o escudo.[1]

Pola súa parte, Vicente de Cadenas y Vicent, en Repertorio de blasones de la comunidad hispánica,[10] apunta: en campo de goles, sobre ondas de auga de azur e prata, que están cargadas[11] dun dragón de ouro, un castelo, tamén de ouro, adestrado e sinestrado[12] dunha árbore de sinople, cunha grosa cadea de ouro que amarra as tres figuras.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Eduardo Seijas Vázquez (1974).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Armada Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine. en Euskalnet.
  3. 3,0 3,1 Artaza, Manuel María (1988): Rey, reino y representación: la Junta General del Reino de Galicia (1599-1834). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. EGAP / CSIC. ISBN 84-453-2249-4 (EGAP) / INBN 84-00-0779-2 (CSIC). Ver en liña.
  4. Ampelio Alonso de Cadenas y López & Vicente de Cadeans y Vicent (1990): Elenco de Grandezas y Títulos Nobiliarios Españoles. Instituto "Salazar y Castro", CSIC.
  5. La familia del golpista vuelve al Pazo Diario El Mundo (España), 22/02/2014.
  6. Alfonso Armada Xenealoxía.org. Apelidos de Galicia.
  7. É dicir, dous arriba e un abaixo, no centro.
  8. Dividido en dúas partes, superior e inferior.
  9. Peza composta pola combinación alternada de escaques de metal e cor.
  10. Vicente de Cadenas y Vicent (1987): Repertorio de blasones de la comunidad hispánica, Volume 1. Madrid: Ediciones Hidalguia. ISBN 978-84-00-06642-0. Lectura parecial.
  11. Cargado: que está situado por riba.
  12. Adestrado: situado á dereita; sinestrado: situado á esquerda.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]