Saltar ao contido

Falcón do Amur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Falcón do Amur

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Orde: Falconiformes
Familia: Falconidae
Xénero: Falco
Especie: Falco amurensis
Radde, 1863
     Área de reprodución      Área non-reprodutora

     Área de reprodución      Área non-reprodutora


     Área de reprodución      Área non-reprodutora
Sinonimia
  • Erythropus amurensis
  • Falco vespertinus var. amurensis
Chamada do falcón do Amur.

O falcón do Amur[2] (Falco amurensis) é unha pequena ave de presa da familia dos falcóns. Reprodúcese no sueste de Siberia e norte da China antes de migrar en grandes bandadas a través da India e do mar de Arabia para invernar nas costas do sur e leste de África.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Os machos son caracteristicamente grises escuros na parte dorsal con coxas e zona da cloaca marróns avermelladas. En voo, a parte inferior das ás é branca, o que contrasta co resto das plumas das ás escuras. Os machos adultos da especie estreitamente emparentada falcón vespertino teñen as partes inferiores das ás grises escuras. En África, os machos poden confundirse cos Micronisus gabar melánicos, mais as cores castañas na zona da cloaca son distintivas. Ademais, pode haber algunha semellanza superficial co Falco concolor e o Falco ardosiaceus, pero estas dúas especies teñen pés e ceras do bico amarelas. As ás son longas como na maioría dos falcóns (cunha envergadura alar de 63–71 cm) e en repouso a punta da á atinxe ou esténdese algo alén da punta da cola.[3]

As femias poden ser máis difíciles de identificar, xa que teñen un debuxo común ao de moitos falcóns, pero distínguense por teren un anel ocular alaranxado, unha cera vermella na base do bico e pés laranxas avermellados. Os xuvenís só poden confundirse cos do falcón vespertino, pero carecen das coberteiras beixes da parte inferior da á.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

O falcón do Amur foi durante moito tempo considerado unha subespecie ou morfo do falcón vespertino, mais hoxe en día considérase unha especie distinta. Non obstante, é o parente máis próximo do falcón vespertino, mentres que as súas relacións con outros falcóns son máis enigmáticas. Os datos das secuencias de ADN non serviron para resolver esta cuestión, principalmente debido á falta de mostras completas.[4][5][6]

O nome do xénero Falco deriva do latín falx, falcis, 'fouce', referíndose ás gadoupas da ave.[7] O nome da especie amurensis deriva de Amurlandia no sueste de Siberia.[8]

Distribución e migración

[editar | editar a fonte]

O falcón do Amur reprodúcese no leste de Asia desde Transbaikalia, Amurlandia e norte da rexión mongol ata partes de Corea do Norte. Migran nunha ampla fronte á India e Sri Lanka, ás veces máis lonxe ao leste ata Tailandia e Camboxa e despois cruzan o mar de Arabia, ás veces pasando polas Maldivas e outras illas para chegaren ao sur de África. As aves que van á India pénsase que o fan axudadas polos fortes ventos que sopran cara ao oeste. Estes ventos son fortes a alturas de 3.000 m e as aves crese que voan a altitudes de 1.000 m durante a migración.[9] A ruta que seguen para tornaren aos seus terreos de reprodución discorre algo máis ao norte. Debido a esta tendencia a vagar desprazándose a grandes distancias sobre o océano na migración, este falcón foi atopado en localidades lonxe da súas rutas habituais, como Italia, Suecia, Tristán da Cunha, Santa Helena e o Reino Unido e tamén está incluído na lista das aves ibéricas.[10][3]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O falcón do Amur aliméntase principalmente ao final do serán ou cedo de mañanciña, capturando unha ampla variedade de insectos no aire ou no chan. Captura a maioría das súas presas en voo, ás veces pairando, mais tamén as captura baixando ao chan.[10] A dieta de inverno parece constar case enteiramente de insectos,[11] pero capturan pequenas aves, mamíferos [12] e anfibios para alimentaren as crías nos seus terreos de reprodución. Na época das chuvias en África prodúcense grandes cantidades de térmites, lagostas, formigas e escaravelos que lles proporcionan moito alimento.[13] A súa migración polo mar de Arabia coincide co momento da migración das libélulas Pantala flavescens e pénsase que estas lles proporcionan alimento durante a parte máis ardua da súa ruta migratoria.[14][15]

Nidificación

[editar | editar a fonte]

Durante a migración permanecen en bosques abertos ou pradeiras, pousándose formando colonias en pousadoiros expostos ou arames.[10] O seu hábitat reprodutor é un campo con árbores aberto con marismas. A estación reprodutora é de maio a xuño e varias parellas poden nidificar moi xuntas. Reutilizan para a nidificación as plataformas de niños abandonados que pertencen a aves de presa ou a córvidos e mesmo buracos nas árbores. Poñen de 3 a 4 ovos en intervalos de dous días. Ambos os proxenitores fan quendas para chocaren os ovos e alimentaren as crías, as cales fan eclosión pasado un mes. As aves novas abandonan o niño pasado outro mes.[10]

Parasitos

[editar | editar a fonte]

O falcón do Amur alberga tres especies de piollos: Degeeriella rufa, Colpocephalum subzerafae e Laembothrion tinnunculi.[16]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A ampla área de distribución e gran tamaño de pobaoción desta ave fixeron que fose avaliada como en situación de Preocupación menor (pouco preocupante). Porén, o comportamento de formación de bandadas durante a migración e a densidade coa que se produce, exponos á caza e outras ameazas. Durante a súa migración desde a súa área de reprodución aos cuarteis de inverno, están gordiños e son cazados como alimento en partes do noroeste da India, así como no leste de África.[1][17] En 2012, as trampas e capturas en masa de falcóns do Amur en migración na vila de Pangti en Nagaland (India) saíu nos medios de comunicación e seguidamente empezou unha campaña que tivo éxito para previr esta matanza.[18] Como parte desa campaña, puxéronlles a tres destas aves transmisores satélite 5 gm que serviron para rastrealos durante a súa migración.[19]

Un estudo sobre os factores que axudaron a que os cazadores de falcóns de Pangti se convertesen nos seus protectores suxire que foron claves o forte liderado e a responsabilidade compartida entre as institucións da vila. Viuse que os líderes locais conseguiron xestionar ben os limitados fondos das ONGs e do goberno, que levaron a un esforzo de conservación unificado. As loanzas feitas polos medios de comunicación, os premios e o crecemento do turismo fomentaron un sentido de orgullo dentro da comunidade que contribuíu a mudar de actitude cara á conservación.[20]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2021). "Falco amurensis". p. e.T22696437A205646027. doi:10.2305/IUCN.UK.2021-3.RLTS.T22696437A205646027.en. Consultado o 11 de novembro de 2021. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. 3,0 3,1 Rasmussen, PC; JC Anderton (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide. Volume 2. Washington, DC & Barcelona: Smithsonian Institution & Lynx Edicions. p. 113. 
  4. Wink, Michael; Seibold, I.; Lotfikhah, F. & Bednarek, W. (1998): Molecular systematics of holarctic raptors (Order Falconiformes). In: Chancellor, R.D., Meyburg, B.-U. & Ferrero, J.J. (eds.): Holarctic Birds of Prey: 29–48. Adenex & WWGBP.
  5. Griffiths, Carole S. (1999). "Phylogeny of the Falconidae inferred from molecular and morphological data" (PDF). Auk 116 (1): 116–130. JSTOR 4089459. doi:10.2307/4089459. 
  6. Griffiths, Carole S.; Barrowclough, George F.; Groth, Jeff G.; Mertz, Lisa (2004). "Phylogeny of the Falconidae (Aves): a comparison of the efficacy of morphological, mitochondrial, and nuclear data". Molecular Phylogenetics and Evolution 32 (1): 101–109. Bibcode:2004MolPE..32..101G. PMID 15186800. doi:10.1016/j.ympev.2003.11.019. 
  7. Shorter Oxford English dictionary. Oxford: Oxford University Press. 2007. p. 3804. ISBN 978-0199206872. 
  8. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 46, 266. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. Clement, Peter; Holman, David (2001). "Passage records of Amur Falcon Falco amurensis from SE Asia and southern Africa including first records from Ethiopia.". Bulletin of the British Ornithologists' Club 121 (1): 222–230. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Orta, J. (1994). "Amur Falcon". En del Hoyo, J.; A. Elliott; J. Sargatal. Handbook of birds of the world. Vol. 2. New World vultures to guineafowl. Barcelona: Lynx Edicions. pp. 265–266. 
  11. Kopij, Grzegorz (2009). "Seasonal variation in the diet of the Amur kestrel (Falco amurensis) in its winter quarter in Lesotho". African Journal of Ecology 48 (2): 559–562. doi:10.1111/j.1365-2028.2009.01130.x. 
  12. Alexander, Jarryd; Symes, Craig T (2016). "Temporal and spatial dietary variation of Amur falcons (Falco amurensis) in their South African nonbreeding range". Journal of Raptor Research 50 (3): 276–288. doi:10.3356/JRR-15-16.1. 
  13. Pietersen, Darren W; Symes, Craig T (2010). "Assessing the diet of Amur Falcon Falco amurensis and Lesser Kestrel Falco naumanni using stomach content analysis". Ostrich: Journal of African Ornithology 81 (1): 39–44. Bibcode:2010Ostri..81...39P. doi:10.2989/00306525.2010.455817. 
  14. Anderson, R. Charles (2009). "Do dragonflies migrate across the western Indian Ocean?" (PDF). Journal of Tropical Ecology 25 (4): 347–358. doi:10.1017/S0266467409006087. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2013-12-02. 
  15. Dixon, A.; Purev-Ochir, G.; Batbayar, N. (2011). "Autumn migration of an Amur Falcon Falco amurensis from Mongolia to the Indian Ocean tracked by satellite". Forktail 27: 81–84. 
  16. Piross, I. Sandor; et al. (2015). "Louse (Insecta: Phthiraptera) infestations of the Amur Falcon (Falco amurensis) and the Red-footed Falcon". Ornis Hungarica 23 (1): 58–65. doi:10.1515/orhu-2015-0005. 
  17. Ali, S; S. Dillon Ripley. Handbook of the Birds of India and Pakistan. 1 (2ª ed.). Nova Delhi: Oxford University Press. pp. 361–363. 
  18. Harris, Gardiner (5 de xaneiro de 2015). "Falcon Hunters Become Fervent Preservationists (Publicado en 2015)". The New York Times. 
  19. Boyes, Steve. "Safe Passage For Amur Falcons Through India". National Geographic. Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2013. Consultado o 11 de decembro de 2013. 
  20. Kudalkar, Sahila; Veríssimo, Diogo (2024-07-25). "From media campaign to local governance transition: Lessons for community-based conservation from an Amur falcon hunting ban in Nagaland, India". Conservation Science and Practice 6 (8). Bibcode:2024ConSP...6E3191K. ISSN 2578-4854. doi:10.1111/csp2.13191. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]