Factor V de Leiden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Factor V de Leiden
Estruturas dispoñibles
PDBBuscar ortólogos: PDBe, RCSB
Identificadores
SímbolosArg506Gln (HGNC: 3542) R506Q, G1691A
Identificadores
externos
LocusCr. 1 q23
Ortólogos
Especies
Humano Rato
Entrez
2153
UniProt
P12259 n/a
RefSeq
(ARNm)
NM_007976 n/a

O factor V de Leiden (rs6025) ou factor V Leiden[1] é unha variante (forma mutada) do factor V humano (un dos varios factores de coagulación sanguínea), que causa un incremento na formación de coágulos (hipercoagulabilidade). Nas persoas que teñen esta mutación, a proteína C, unha proteína anticoagulante que normalmente inhibe a actividade procoagulante do factor V, xa non pode unirse normalmente ao factor V nin inhibilo, o que orixina o estado de hipercoagulabilidade, é dicir, unha maior tendencia no paciente a formar coágulos de sangue anormais e potencialmente daniños.[2] O factor V de Leiden é o trastorno de hipercoagulabilidade máis común hereditario entre as etnias de orixe europea.[3][4][5] O nome da mutación e do trastorno procede do da cidade holandesa de Leiden, onde foi primeiramente identificada en 1994 polo profesor R. Bertina et al.[6] Outras mutacións do factor V tamén se denominan con nomes de localidades onde se descubriron (factor V de Cambridge[7], factor V de Hong Kong[8]).

Signos e síntomas[editar | editar a fonte]

Tromboses venosas recorrentes anormais.

Fisiopatoloxía[editar | editar a fonte]

Nunha persoa normal o factor V funciona como cofactor que permite que o factor Xa active a protrombina, orixinando o encima trombina. A trombina á súa vez cliva o fibrinóxeno para formar fibrina, a cal polimerízase para formar as densas redes fibrosas que constitúen a maior parte dun coágulo. A proteína C activada (aPC) é un anticoagulante natural que actúa limitando a extensión da coagulación ao clivar e degradar o factor V.

O factor V de Leiden é unha condición xenética autosómica dominante que mostra unha penetrancia incompleta, é dicir, non todas as persoas que teñen a mutación desenvolven a enfermidade. A condición orixínase por ter unha variante do factor V que non pode ser doadamente degradada pola proteína C activada (aPC). O xene que codifica a proteína denomínase F5 e está situado no cromosoma 1. A mutación deste xene é un polimorfismo dun só nucleotido (SNP) localizado no exón 10 do xene.[9] Trátase dunha substitución con cambio de sentido da base G a A, que causa o cambio na proteína do aminoácido arxinina por glutamina. Dependendo do punto de partida elixido a posición do nucleótido variante no xene pode ser a 1691 ou a 1746.[10] A posición afectada do aminoácido na proteína para a variante pode ser a 506 ou a 534. (Xunto coa falta dunha normenclatura xeral, esta variación significa que o SNP pode denominarse de diversas maneiras: G1691A, c.1691G>A, 1691G>A, c.1746G>A, p.Arg534Gln, Arg506Gln, R506Q ou rs6025.) Como este aminoácido é normalmente o sitio de clivaxe para a aPC, a mutación impide unha eficiente inactivación do factor V. Como o factor V permanece activo, isto facilita a sobreprodución de trombina, causando a xeración dun exceso de fibrina e dunha excesiva coagulación.

A excesiva formación de coágulos que ten lugar neste trastorno está case sempre restrinxida a certas veas, onde os coágulos poden causar unha trombose venosa profunda. Se estes coágulos venosos se desprenden, o coágulo pode viaxar ata o metade dereita do corazón e de alí aos pulmón, onde bloquea os vasos sanguíneos pulmonares e causa unha embolia pulmonar. É extremadamente raro que este trastorno cause a formación de coágulos en arterias que poden orixinar un accidente cerebrovascular ou un infarto de miocardio, aínda que os "mini-ictus", chamados accidentes isquémicos transitorios, son máis comúns. Dado que esta doenza mostra unha dominancia incompleta, as persoas homocigotas para o alelo mutado teñen maior risco de sufrir algúns dos problemas mencionados fronte ás que son heterocigotas.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

A sospeita de que o factor V de Leiden é a causa subxacente dun episodio trombótico debe considerarse en pacientes caucasianos de menos de 45 anos ou en calquera persoa con antecedentes familiares de trombose venosa.

Hai varios métodos para diagnosticar esta condición. A maioría dos laboratorios fan cribados en pacientes 'en risco' cunha proba baseada no veleno de serpe (por exemplo, medindo o tempo de veleno de víbora de Russell diluído) ou ben unha proba de tempo de tromboplastina parcial activada. En ambos os métodos, o tempo que tarda en coagular o sangue diminúe en presenza da mutación do factor V de Leiden. Isto faise realizando simultaneamente dúas probas; unha proba faise en presenza de proteína C activada e a outra na súa ausencia. Determínase unha proporción baseada nestas dúas probas e o resultado indica se a APC está funcionando ou non.

Existe tamén unha proba xenética que pode aplicarse. A mutación (unha substitución 1691G→A) elimina un sitio de clivaxe da endonuclease de restrición MnlI, polo que facendo unha PCR, un tratamento con MnlI e despois unha electroforese de ADN pode obterse un diagnóstico. Outros ensaios baseados en PCR como iPLEX poden identificar igualmente a cigosidade e a frecuencia da variante.[11]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Como esta doenza non ten cura, o tratamento está enfocado á prevención de complicacións trombóticas. O tratamento estándar inclúe a administración durante toda a vida de anticoagulantes como a warfarina e a avaliación constante con análises sanguíneas da efectividade do coagulante. Ademais, pode ser necesario o tratamento temporal cun anticoagulante como a heparina durante períodos de risco especialmente alto de trombose, como cando o paciente vai ser sometido a unha cirurxía maior.[12]

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

Segundo algúns estudos feitos nos Estados Unidos, un 5% da poboación caucasiana dese país ten o factor V de Leiden. Os datos tamén indicaron que a prevalencia do factor V de Leiden é maior entre os caucasianos que entre as minorías estadounidenses.[13][14]

Ata o 30% dos pacientes que presentan trombose venosa profunda ou embolismo pulmonar teñen esta condición. O risco de desenvolver un coágulo nun vaso sanguíneo depende de se unha persoa herda unha ou dúas copias da mutación do factor V de Leiden. Herdar unha copia da mutación dun proxenitor (heterocigoto) multiplica por de catro a oito a posibilidade de desenvolver un coágulo. As persoas que herdan dúas copias da mutación (homocigotos), unha de cada proxenitor, pode multiplicar ata 80 veces o risco usual de desenvolvemento deste tipo de coágulo sanguíneo.[15] Considerando que o risco de desenvolver un coágulo sanguíneo anormal é como media de 1 por cada 1000 persoas por ano na poboación xeral, a presenza dunha copia da mutación do factor V de Leiden incrementa que o risco a entre 4 por cada 1000 e 8 por cada 1000. Ter dúas copias da mutación pode elevar o risco ata 80 por cada 1000. Non está claro se estes individuos incrementan o seu risco de trombose venosa recorrente. Mentres que só o 1% da xente con factor V de Leiden teñen dúas copias do xene defectivo, estes individuos homocigotos teñen unha condición clínica máis grave. A presenza de factores de risco adquiridos para a trombose venosa, como fumar, usar contracepción hormonal que conteñen estróxenos (combinadas) e a cirurxía recente, incrementa máis a probabildade de que un individuo coa mutación do factor V de Leiden desenvolva trombose venosa profunda.

As mulleres co factor V de Leiden teñen un risco significativamente maior de formación de coágulos no embarazo (e durante a toma de pílulas anticonceptivas que conteñen estróxenos ou substitución hormonal) en forma de trombose venosa profunda e embolia pulmonar. Poden ter tamén un aumento do risco de preeclampsia, e un pequeno aumento de risco de baixo peso dos meniños ao naceren, así como un pequeno incremento de aborto espontáneo e morte fetal debido a coágulos na placenta, cordón umbilical, ou no feto (a coagulación fetal pode depender de se o meniño herdou o xene ou non) ou as influenzas que o sistema de coagulación pode ter no desenvolvemento placentario.[16] Nótese que moitas destas mulleres pasan por varios embarazos sen dificultades, mentres que outras poden ter repetidamente complicacións no embarazo, e outras poden desenvolver coágulos ás poucas semanas de quedaren embarazadas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No CIE-9 (289.81) a doenza denomínase "mutación del factor V de Leiden". [1] Arquivado 03 de outubro de 2018 en Wayback Machine.
  2. De Stefano V, Leone G (1995). "Resistance to activated protein C due to mutated factor V as a novel cause of inherited thrombophilia". Haematologica 80 (4): 344–56. PMID 7590506. 
  3. Ridker PM, Miletich JP, Hennekens CH, Buring JE (1997). "Ethnic distribution of factor V Leiden in 4047 men and women. Implications for venous thromboembolism screening". JAMA 277 (16): 1305–7. PMID 9109469. doi:10.1001/jama.277.16.1305. 
  4. Gregg JP, Yamane AJ, Grody WW (decembro de 1997). "Prevalence of the factor V-Leiden mutation in four distinct American ethnic populations". American Journal of Medical Genetics 73 (3): 334–6. PMID 9415695. doi:10.1002/(SICI)1096-8628(19971219)73:3<334::AID-AJMG20>3.0.CO;2-J. 
  5. De Stefano V, Chiusolo P, Paciaroni K, Leone G (1998). "Epidemiology of factor V Leiden: clinical implications". Seminars in Thrombosis and Hemostasis 24 (4): 367–79. PMID 9763354. doi:10.1055/s-2007-996025. 
  6. Bertina RM, Koeleman BP, Koster T, et al. (maio de 1994). "Mutation in blood coagulation factor V associated with resistance to activated protein C". Nature 369 (6475): 64–7. PMID 8164741. doi:10.1038/369064a0. 
  7. Williamson D, Brown K, Luddington R, Baglin C, Baglin T. Factor V Cambridge: a new mutation (Arg306-->Thr) associated with resistance to activated protein C. Blood. 1998 Feb 15;91(4):1140-4. PMID 9454742.
  8. Chan WP, Lee CK, Kwong YL, Lam CK, Liang R. A novel mutation of Arg306 of factor V gene in Hong Kong Chinese. Blood. 1998 Feb 15;91(4):1135-9.
  9. "SNP linked to Gene F5". NCBI. 
  10. Bushwitz, Jennifer; Pacanowski, Michael A. & Johnson,Julie A. (2006-10-11). "Very Important Pharmacogene: F5". PharmGKB. 
  11. Mari Tinholt, Marte Kathrine Viken, Anders Erik Dahm, Hans Kristian Moen Vollan, Kristine Kleivi Sahlberg, Øystein Garred, Anne-Lise Børresen-Dale, Anne Flem Jacobsen, Vessela Kristensen, Ida Bukholm, Rolf Kåresen, Ellen Schlichting, Grethe Skretting, Benedicte Alexandra Lie, Per Morten Sandset, e Nina Iversen. Increased coagulation activity and genetic polymorphisms in the F5, F10 and EPCR genes are associated with breast cancer: a case-control study. BMC Cancer. 2014; 14: 845. Publicado en liña o19 de novembro de 2014. doi: 10.1186/1471-2407-14-845. PMCID: PMC4251949. PMID 25407022.
  12. Factor V Leiden. Circulation. http://circ.ahajournals.org/content/107/15/e94
  13. Ridker, et al. "Ethnic distribution of factor V Leiden in 4047 men and women". Supra.
  14. Gregg, et al. "Prevalence of the factor V-Leiden mutation in four distinct American ethnic populations". Supra.
  15. What do we know about heredity and factor V Leiden thrombophilia? http://www.genome.gov/15015167#Q5
  16. Rodger MA, Paidas M, McLintock C, et al. (agosto de 2008). "Inherited thrombophilia and pregnancy complications revisited". Obstetrics and Gynecology 112 (2 Pt 1): 320–24. PMID 18669729. doi:10.1097/AOG.0b013e31817e8acc. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]