Fabijan Abrantovič

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Фабіян Янавіч Абрантовіч
(Fabijan Janavič Abrantovič)
Sacerdote da Igrexa católica bizantina rusa
Biografía
Nacemento14 de setembro de 1884 en Vieraskava, uezd de Novogrudok, gobernación de Minsk, Imperio Ruso
Pasamento2 de xaneiro de 1946 en Moscova, RSFS de Rusia, URSS
Ordes
Orde relixiosaCongregación dos Padres Marianos
Exarca apostólico de Harbin
1928 - 1939
SucesorAndrej Cikota
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Fabijan Janavič Abrantovič (en belaruso: Фабіян Янавіч Абрантовіч), nado o 14 de setembro de 1884 en Vieraskava (uezd de Novogrudok, gobernación de Minsk, Imperio Ruso) e finado o 2 de xaneiro de 1946 en Moscova (RSFS de Rusia), foi un eclesiástico greco-católico belaruso, relixioso mariano, exarca apostólico de Harbin.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fabijan Abrantovič naceu nunha familia de granxeiros o 14 de setembro de 1884 na aldea de Vieraskava, no uezd de Novogrudok, entón parte da gobernación de Minsk do Imperio Ruso, e hoxe no distrito de Navahrudak de Belarús.[1][2]

Estudou no seminario de San Petersburgo até 1906, e continuounos até 1910 na Academia Teolóxica da mesma cidade;[2] no mesmo período, o 9 de novembro de 1908 foi ordenado sacerdote.[1] Posteriormente proseguiu os seus estudos de Filosofía na Universidade Católica de Lovaina até 1914.[2]

O 31 de maio de 1928 foi nomeado exarca apostólico de Harbin polo papa Pío XI,[1][3] cargo que exerceu até 1939. Arrestado en 1939, foi condenado o 23 de setembro de 1942 a dez anos de traballos forzados.[2] Finou na prisión de Butyrka o 2 de xaneiro de 1946.[1][2]

Proceso de canonización[editar | editar a fonte]

A Conferencia Episcopal Católica da Federación Rusa aprobou o 30 de xaneiro de 2002 o programa dos "Novos Mártires Católicos de Rusia", co propósito de comezar o proceso de glorificación (canonización) dos mártires católicos rusos do século XX; logo de recompilar información, o proceso comezou oficialmente o 31 de maio de 2003, incluíndo a Fabijan Abrantovič, quen pasou a recibir o título de "Servo de Deus". O 16 de febreiro de 2021 o proceso foi reorganizado, e os marianos da Inmaculada (entre eles Abrantovič) foron separados da causa que levaba a Conferencia Episcopal e transferidos á súa congregación para continuar co proceso de beatificación.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Great Figures: Servant of God Archmandrite Fabian Abrantowicz (1884-1946)". Congregación dos Padres Marianos (padrimariani.org) (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16/10/2015. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Osipova, Irina (1998). Si el mundo os odia...: Mártires por la fe en el régimen soviético [Se o mundo vos odia...: Mártires pola fe no réxime soviético]. Encuentro. p. 199. ISBN 9788474905007. 
  3. "Acta Officiorum Pontificia Commissio Pro Russia" (PDF). Acta Apostolicae Sedis (en latín) (Libreria Editrice Vaticana) XX: 366–367. 1928. Consultado o 20/04/2022. Decreto Pont. Commissionis pro Russia, dato die 31 Man 1928, Ssmus D. N. Pius divina Providentia Pp. XI nominare dignatus est R. D. Pabianum (sic) Abrantowicz in Ordinarium Harbinensem Russorum ritus byzantino slavici.