F. H. von Engelken
F. H. von Engelken nunha medalla da US Mint obra por G. T. Morgan | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de abril de 1881 Schleswig-Holstein Alemaña |
Morte | 12 de febreiro de 1963 (81 anos) East Palatka. Florida |
País de nacionalidade | Alemá. Estadounidense |
Actividade | |
Ocupación | Alto funcionario. |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1916-1917) |
Friedrich Johannes Hugo von Engelken, nado en Schleswig-Holstein o 26 de abril de 1881 e finado en East Palatka, Florida, o 12 de febreiro de 1963, foi un home de negocios e banqueiro estadounidense, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1916 e 1917.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Von Engelken naceu no Estado alemán de Schleswig-Holstein o 28 de abril de 1881,[1] fillo de Amelia Deorderlin e do médico Ludwig Herman von Engelken.[2]
A súa familia emigrou aos Estados Unidos e Friedrich cursou o seu ensino primario en escolas de St. Louis, Missouri, e Grand Island, Nebrasca, e o ensino secundario en Winona, Minnesota.[2]
Negocios e servizo público
[editar | editar a fonte]Nos Estados Unidos desenvolveu inicialmente labores de enxeñaría na liña de ferrocarril do noroeste de Chicago.[1][2]
En 1900 trasladouse a Hong Kong como axente xeral da compañía Portland & Asiatic Steamship Co., e de alí marchou en 1902 a Kobe, Xapón, onde exerceu de supervisor portuario.[2]
En 1904 regresou aos Estados Unidos, onde se dedicou ao negocios de agricultura e gandaría en East Palatka, Florida,[1] ata 1908, cando se asociou coa compañía Gulf, Colorado & Santa Fe Railroad, en Galveston, Texas, e posteriormente con outras compañías do ferrocarril.[2]
En 1913 formou parte dunha comisión creada polo Senado dos Estados Unidos para estudar os métodos europeos para os créditos agrarios, motivo polo que pasou varios meses viaxando por Europa, e Von Engelken redactou un informe que se converteu na base para a creación do Sistema Federal de Bancos Agrarios.[2][3]
Ao seu regreso de Europa, o presidente Woodrow Wilson recoñeceu os seus méritos nomeándoo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que ocupou desde o 20 de setembro de 2016 ata o 20 de febreiro de 1917, data na que presentou a súa dimisión para se facer cargo da presidencia do Federal Land Bank en Columbia, Carolina do Sur.[4]
En 1919 viaxou a Francia como representante dos banqueiros estadounidenses.[3]
Vida familiar
[editar | editar a fonte]O 2 de febreiro de 1906 casou con Lonisiana Breekenridge Hart Gibson e, logo de divorciarse, en 1952 casou en segundas nupcias coa fiscal Kate Lee Walton.[1][3]
A partir de 1947, Von Engelken viviu retirado na súa residencia de East Oalatka, en Florida, onde, xunto coa súa segunda muller, mantivo unha vida social moi activa, ata o seu pasamento o día 12 de febreiro de 1963.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Smith, P. (2012). Páxina 373.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 154.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 155.
- ↑ Smith, P. (2012). Páxina 374.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). "F. J. H. von Engelken". En Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxinas 154-155.
- Smith, P. (2012). "Von Engelken, Friedrich Johannes Hugo". En American Numismatic Biographies. Páxinas 373-374.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: Robert W. Woolley |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1916-1917 |
Sucesor: Raymond T. Baker |