Fábrica de Tabacos da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 13 de maio de 2018 ás 11:00 por Jglamela (conversa | contribucións) (→‎Historia: Imaxe)

A Fábrica de Tabacos da Coruña, coñecida co nome de A Palloza[1], foi creada seguindo o modelo das Reales Fábricas como Real Fábrica de La Coruña.

Historia

Antiga porta principal da fábrica de tabacos da Coruña

A Fábrica de Tabacos da Coruña foi constituída como unha manufactura real. Abriuse no ano 1804 e tiña preto de 5000 persoas traballando, das cales, a maioría eran mulleres.[1][2]

Os primeiros conflitos que se rexistran tiveron lugar en 1831 e o 7 de decembro de 1857 tivo nela a primeira folga de mulleres na Galiza polas malas condicións de traballo e pola mecanización da fábrica[3] dentro da corrente ludita que iniciaran os artesáns ingleses.

Durante o século XIX creáronse dez fábricas de tabacos no Estado Español. A da Coruña foi a segunda en crearse e acabou sendo a máis grande[4].

En 1999 Tabacalera fusionouse coa compañía francesa Seita dando lugar á empresa Altadis, que acordou o peche da fábrica en decembro de 2002.[5]

Edificio

A sede da fábrica ten a súa orixe nos almacéns dos Correos Marítimos instalados en 1764, adaptados como fábrica polo arquitecto Fernando Rodríguez Romay.[5] En 1828 tivo lugar a primeira grande ampliación, coa que se creou a fábrica nova, pechada e unida coa vella en 1860. Tras varias ampliacións posteriores, entre 1910 e 1925 elimináronse algunhas estruturas interiores e reformouse a fachada da Palloza, que se converteu na principal,[6] quedando a antiga como fachada lateral, mais conservando o cartel.[5]

En 2014 comezaron as obras de remodelación para converter o edificio en sede xudicial.[5] As novas instalacións foron inauguradas o 31 de marzo de 2017[7] e acollen a Audiencia Provincial, a Fiscalía e o xulgado de menores, entre outras seccións.[8]

Cultura

A Fábrica de Tabacos da Coruña foi o escenario de La Tribuna de Emilia Pardo Bazán[9].

En 2010 rodouse na fábrica, daquela sen uso, o telefilme A condesa rebelde, sobre a vida de Emilia Pardo Bazán.[10][11]

Notas

  1. 1,0 1,1 G. Piñeiro, Isabel. "O ludismo: a fábrica de tabacos de A Coruña". Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  2. Teixidor de Otto, María Jesús; Hernández Soriano, Teresa (1998). El trabajo de la mujer en las labores del tabaco. La fábrica de València (1887-1914). 
  3. Almanaque das Irmandades (ed.). "« Todos os Eventos Folga na Fábrica de tabacos da Coruña". Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  4. Pareja Alonso, Arantza. "Liadoras de cigarrillos en Bilbao: esposas, madres y huelguistas" (PDF). Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 La Fábrica de Tabacos, hoy sede de justicia
  6. Rehabilitación del edificio de la Real Fábrica de Tabacos para infraestructuras judiciales en A Coruña
  7. La Fábrica de Tabacos, lista para su uso judicial
  8. Tabacos abre sus puertas a la Justicia
  9. Obelleiro, Paula. El País, ed. "La memoria perdida de Marineda". Consultado o 18 de decembro de 2017. 
  10. De edificio emblemático a ruinoso
  11. Homenaje audiovisual a la escritora gallega más transgresora

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas