Exército do Tíbet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exército do Tíbet
དམག་དཔུང་བོད་
Soldados do exército tibetano en Shigatse, 1938.
Activa1912–1959
País Tíbet
FidelidadeDalai Lama
Tipoexército de terra
Papelforzas armadas do Tíbet
Tamañoc. 40 000 (incluíndo milicias, 1934)[1]
c. 10 000 (1936)[2]
Gornición/Cuartel xeralLhasa, Tíbet
EnfrontamentosRebelión de Bai Lang
Guerra sino-tibetana
Batalla de Chamdo
Levantamento tibetano de 1959

O Exército do Tíbet (en tibetano: དམག་དཔུང་བོད་; dmag dpung bod) foi a forza militar do Tíbet despois da súa independencia de facto dende 1912 até a década de 1950. Como un exército terrestre modernizado coa axuda de adestramento e equipamento británico, serviu como forzas armadas de facto do goberno tibetano.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

Internos[editar | editar a fonte]

Antes das reformas do 13º Dalai Lama, o exército tibetano estaba moi anticuado. Este xinete acoirazado, fotografado en 1903/04, empuña unha lanza, unha espada e un mosquete de mecha.

O Exército do Tíbet foi estabelecido en 1913 polo 13º Dalai Lama, que fuxira do Tíbet durante a expedición británica ao Tíbet de 1904 e regresou só despois da caída do poder Qing no Tíbet en 1911. Durante o tumulto revolucionario, o Dalai Lama tentou reunir un exército de voluntarios para expulsar a todos os chineses étnicos de Lhasa, mais fracasou, en gran parte pola oposición dos monxes prochineses, especialmente do mosteiro de Drepung.[3] O Dalai Lama procedeu a formar un exército profesional, liderado polo seu asesor de confianza Tsarong, para contrarrestar "as ameazas internas ao seu goberno así como as externas".[3][4]

As ameazas internas eran principalmente os membros da seita Gelug do budismo tibetano, que temían a influencia cristiá e secular británica no exército, e que loitaron contra o desfinanciamento e a gravación dos mosteiros para alimentar os gastos militares.[4] Os mosteiros tiñan poboacións que rivalizaban coas cidades máis grandes do Tíbet, e tiñan os seus propios exércitos de dob-dobs ("monxes guerreiros").Como resultado, aqueles monxes que temían a modernización (asociados a Gran Bretaña) recorreron a China, que sendo a residencia do 9º Panchen Lama, presentouse como un aliado dos conservadores tibetanos.[5] Os residentes evacuaron a cidade durante o Festival da Oración de Monlam e o Chotrul Duchen de 1921, temendo un enfrontamento violento entre os monxes e o Exército Tibetano, que finalmente foi excluído de Lhasa para manter a paz.[6]

O Exército tamén recibiu a oposición do 9º Panchen Lama, quen rexeitou as peticións do Dalai Lama de financiar o exército tibetano dende os mosteiros do dominio dos Panchen. En 1923, o Dalai Lama despregou tropas para capturalo, polo que fuxiu en segredo a Mongolia. O Dalai e os Panchen Lamas intercambiaron moitas cartas hostís durante o exilio deste último sobre a autoridade do goberno central tibetano. Moitos monxes percibiron o exilio dos Panchen como consecuencia da militarización e secularización do Tíbet por parte do Dalai Lama. O propio Dalai Lama fíxose cada vez máis desconfiado dos militares ao escoitar en 1924 rumores dunha conspiración de golpe de estado, que supostamente estaba deseñada para desposuílo do seu poder temporal.[3] En 1933, o 13º Dalai Lama morreu e dous rexentes asumiron a xefatura do goberno. O exército tibetano foi reforzado en 1937 pola ameaza percibida do regreso do Panchen Lama, que trouxera armas do leste da China.[4]

Externos[editar | editar a fonte]

Foto do rexemento Drapchi do Exército do Tíbet, tirada na década de 1930 (antes de 1935) por Frederick Williamson

Na época da Revolución Chinesa de 1949, ops comunistas chineses tiñan consolidado o control sobre a maior parte do leste da China, e buscaron traer áreas periféricas como o Tíbet de novo ao redil. A China era consciente da ameaza dunha loita de guerrillas nas altas montañas do Tíbet, e procurou resolver o estado político do Tíbet mediante negociacións.[7] O goberno tibetano paralizou e atrasou as negociacións mentres reforzaba o seu exército.[7][8]

En 1950, o Kashag embarcouse nunha serie de reformas internas, dirixidas por funcionarios con educación india. Unha destas reformas permitiu aos xefes militares do Kashag, Surkhang Wangchen Gelek e Ngapoi Ngawang Jigme, actuar con independencia do goberno. Aínda que o Kashag nomeou un "Gobernador de Kham", o Exército Tibetano non tiña un control efectivo sobre Kham, cuxos señores da guerra locais resistiron durante moito tempo ao control central de Lhasa. Como resultado, os oficiais tibetanos temían á poboación local, ademais do Exército Popular de Liberación (PLA) ao longo do alto río Yangtze.[8]

Historia militar[editar | editar a fonte]

O Exército do Tíbet mantívose como a forza militar dominante dentro do Tíbet político dende 1912, debido á debilidade chinesa pola ocupación xaponesa de parte do leste da China.[9][10][10] Coa axuda do adestramento británico, pretendía conquistar territorios habitados polos tibetanos étnicos mais controlados por señores da guerra chineses,[11][12] e capturou con éxito o oeste de Kham aos chineses en 1917.[4] Porén, a súa pretensión de territorios adxacentes controlados pola India británica, tensou as súas relacións vitais con Gran Bretaña e despois coa India independente, e despois a relación da China con esta última.[8][9] A convención de Simla de 1914 con Gran Bretaña foi deseñado para resolver os problemas de fronteiras internas e externas do Tíbet, pero por varias razóns, incluída a negativa dos chineses a aceptalo, a guerra polo territorio continuou en Kham.[3]

Desfile militar de aninovo de 1938 de soldados e oficiais tibetanos preto do Potala, Lhasa.

A autoridade militar do Tíbet estaba situada en Chamdo (Qamdo) dende 1918,[11] despois de que caese en mans das forzas tibetanas; durante este tempo, os señores da guerra de Sichuan ocupáronse de loitar contra os señores da guerra de Yunnan, permitindo que o exército tibetano derrotase ás forzas de Sichuan e conquistase a rexión.[13] O exército tibetano estivo involucrado en numerosas batallas fronteirizas contra as forzas do Kuomintang e Ma Clique da República da China. En 1932, a derrota do exército tibetano polas forzas do KMT limitou todo o control político significativo do goberno tibetano sobre a rexión de Kham máis aló do río Yangtze superior.[14] O Exército Tibetano continuou ampliando as súas forzas modernas nos anos seguintes, e tivo uns 5.000 soldados regulares armados con rifles Lee–Enfield en 1936. Estas tropas foron apoiadas por un número igual de milicianos armados con rifles Lee–Metford máis antigos. Ademais destas tropas, que estaban na súa maioría situadas ao longo da fronteira oriental do Tíbet, tamén había a gornición de Lhasa. A gornición incluía o rexemento de gardacostas do Dalai Lhama, composto por 600 soldados,[2] que foron adestrados por conselleiros británicos,[12] 400 xendarmerías e 600 regulares de Kham que se supoñía que actuarían como artilleiros, aínda que só tiñan dous canóns de montaña en funcionamento.[2] Ademais, o exército tibetano tivo acceso a un gran número de milicias de aldeas creadas localmente. Estas milicias adoitaban estar só armadas con armas medievais ou armas de mecha, e dun valor militar moi reducido. Porén, puideron manter a súa posición contra as milicias chinesas empregadas polos señores da guerra.[15]

Desfile militar de aninovo de 1938 con oficiais do exército disfrutando dun descanso para tomar un té tibetano con manteiga salgada

O primeiro encontro do exército tibetano co Exército Popular de Liberación (EPL) foi en maio de 1950 en Dengo, a noventa millas de Chamdo. 50 soldados do EPL capturaron Dengo, o que deu acceso estratéxico a Jiegu. Despois de dez días, Lhalu Tsewang Dorje ordenou a un continxente de 500 monxes armados e 200 milicianos Khampa recuperar Dengo. Segundo o historiador Tsering Shakya, o ataque do Exército Popular de Liberación podería ser para exercer presión aos Kashag ou para probar as forzas de defensa tibetanas.[8] Tras as reiteradas negativas tibetanas a negociar,[7] o EPL avanzou cara a Chamdo, onde a maior parte do exército tibetano estaba gornecido. A capacidade do exército para resistir o EPL estaba seriamente limitada polo seu equipo inadecuado, a hostilidade dos Khampas locais e o comportamento do goberno tibetano. Ao principio, os funcionarios gobernamentais non reaccionaron en absoluto ao ser informados do avance chinés, e despois ordenaron ao comandante de Chamdo, Ngapoi Ngawang Jigme, que fuxise.[16] Neste punto, o exército tibetano desintegrouse e rendeuse.[7][17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jowett (2017), p. 241.
  2. 2,0 2,1 2,2 Jowett (2017), p. 246.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Goldstein, Melvyn (1991). A History of Modern Tibet, 1913-1951: The Demise of the Lamaist State. University of California Press. pp. 104, 113, 120, 131–135, 138. ISBN 9780520075900. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 McCarthy, Roger (1997). Tears of the Lotus: Accounts of Tibetan Resistance to the Chinese Invasion, 1950-1962. McFarland. pp. 31–34, 38–39. ISBN 0-7864-0331-4. 
  5. Peissel, Michel (2003). Tibet: The Secret Continent. Macmillan. pp. 183–184. ISBN 978-1844034062. 
  6. Bell, Charles (1992). Tibet Past and Present. Motilal Banarsidass. pp. 185–188, 190–191. ISBN 978-8120810488. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Goldstein, Melvyn (1999). The Snow Lion and the Dragon: China, Tibet, and the Dalai Lama. University of California Press. pp. 41, 44–45. ISBN 978-0520219519. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Shakya, Tsering (1999). The Dragon in the Land of Snows: A History of Modern Tibet Since 1949. Columbia University Press. pp. 5–6, 8–9, 11–15, 26, 31, 38–40. ISBN 978-0140196153. 
  9. 9,0 9,1 Grunfeld, A. Tom (1996). The Making of Modern Tibet. M. E. Sharpe. pp. 79–81. ISBN 978-1563247149. 
  10. Jowett (2017), p. 235.
  11. 11,0 11,1 McKay, Alex (2003). The History of Tibet: The modern period: 1895-1959, the encounter with modernity. Routledge. pp. 275–276. ISBN 0415308445. 
  12. 12,0 12,1 Jowett (2017), p. 236.
  13. Wang, Jiawei (1997). The Historical Status of China's Tibet. Wuzhou Chuanbo Publishing. p. 136. ISBN 7801133048. 
  14. Barnett, Robert; Akiner, Shirin (1994). Resistance and Reform in Tibet. C. Hurst & Co. Publishers. pp. 83–90. ISBN 1850651612. 
  15. Jowett (2017), pp. 243, 246.
  16. van Schaik (2013), pp. 209–212.
  17. van Schaik (2013), pp. 211, 212.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]