Evgenii Evtushenko

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Evgenii Evtushenko
Evgeny Evtushenko.jpg
Nome completoЕвгений Александрович Гангнус
Nacemento18 de xullo de 1932 e 18 de xullo de 1933
 Zima
Falecemento1 de abril de 2017
 Tulsa
CausaInsuficiencia cardíaca
SoterradoPeredelkino Cemetery
NacionalidadeUnión Soviética e Rusia
Alma máterInstituto de Literatura Maxim Gorki
Ocupaciónpoeta, novelista, guionista, realizador, actor e mestre
FillosSasha Yevtushenko
Coñecido/a porBabi Yar in poetry
PremiosPremio Estatal da URSS, Orde da Insignia de Honra, Order "For Merit to the Fatherland" III class, Bandeira Vermella do Traballo, Order of Friendship of Peoples, Medal “Defender of a Free Russia”, Order "Polar Star" (Yakutia) e Order of Bernardo O'Higgins
Евтушенко Е. Автограф Харьков 20.04.1989 на книге где он соавтор. Выборы нардепов.jpg
editar datos en Wikidata ]
Evtushenko en 2010

Evgenii Aleksandrovich Evtushenko (Ruso: ruso: Евгений Александрович Евтушенко, nado en Zima o 18 de xullo de 1933 e finado en Tulsa o 1 de abril de 2017 foi un poeta soviético e ruso[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu como Evgenii Aleksandrovich Gangnus (máis tarde tomou o último nome da súa nai, Evtushenko) nunha pequena vila na rexión de Irkutsk en Siberia nunha familia campesiña de orixe nobre.[2] O seu tataravó materno Joseph Baikovsky pertencía á szlachta e a súa dona era de orixe ucraína. Exiliados en Siberia tras unha rebelión campesiña encabezada por Joseph; unha das súas fillas – Maria Baikovskaya – casou con Ermolai Naumovich Evtushenko de orixe bielorrusa; Joseph serviu como soldado no exército Imperial durante Primeira Guerra Mundial e como oficial no Exército Vermello durante a Guerra Civil. Os seus antepasados por parte de pai eran alemáns que chegaran ao Imperio Ruso en 1767. O seu avó Rudolph Gangnus, era profesor de matemáticas de orixe báltico alemán, e casou con Anna Plotnikova, da nobreza rusa.[3] En 1937, durante as purgas de Stalin, as autoridades arrestaron a ambos os dous avós de Evtushenko como "inimigos do pobo". O pai de Evtushenko, Aleksander Rudolfovich Gangnus era xeólogo, como a súa nai, Zinaida Ermolaevna Evtushenko, quen máis tarde se converteu en cantante. A finais da década de 1930 viviu coa nai e unha irmá en Moscova. En 1941 por mor da Segunda Guerra Mundial volveu evacuados a Zima, vivindo coa súa avoa; os pais divorciáronse e o pai marchou a Casaquistán. En 1944 volveu a Moscova e alí viviu ata que en 1948 expulsárono [4] da escola e foi co seu pai, a quen acompañou en expedicións xeolóxicas.

Os seus primeiros versos e chastushki humorísticos escribiunos en Zima. Cando tiña dezaseis anos publicou os seus poemas por primeira volta nunha revista deportiva, Советский спорт. Entre 1951 a 1954 estudou no Instituto de Literatura Gorki en Moscova. Publicou o seu primeiro libro en 1952, con dezanove anos, Razvedchiki Griadushchego en 1952. Puido entón entrar na Unión de Escritores Soviéticos, converténdose no membro máis novo [5]. Un dos seus primeiros poemas So mnoyumnoyu vot chto proiskhodit converteuse nunha canción moi popular, interpretada polo actor-compositor Alexander Dolsky. En 1955 Evtushenko escribiu un poema sobre as fronteiras soviéticas como un obstáculo na súa vida. A súa primeira publicación importante foi o poema de 1956 Stantsiya Zima. En 1957 expulsárono do Instituto Literario polo seu "individualismo". Prohibíronlle viaxar, pero aínda así fíxose popular para o público soviético. As súas primeiras obras recibiron eloxios de Boris Pasternak, Carl Sandburg e Robert Frost.[6]

Durante a desxeo de Khrushchev[editar | editar a fonte]

Evtushenko foi un dos autores politicamente activos durante o desxeo de Khrushchev, período no que os autores adquiriron máis liberdade para expresarse. En 1961 escribiu un dos seus máis famosos poemas, Babi Yar, no que denunciou a distorsión soviética dos feitos históricos con relación á masacre nazi da poboación xudía de Kiev en setembro 1941, así como o antisemitismo aínda común na Unión Soviética. A política habitual das autoridades en relación ao Holocausto en Rusia era describilo como atrocidades xerais dirixidas contra cidadáns soviéticos, e evitábase mencionar que fora un xenocidio contra dos xudeus. Con todo, Evtushenko en Babiyy Yar "falou non só das atrocidades nazis, mais da propia persecución do goberno soviético contra do pobo xudeu." O poema publicouse en 1961 nun dos diarios máis importantes, Literaturnaya Gazeta, co que logrou unha ampla circulación, e máis tarde musicouno, con outros catros poemas de Evtushenko, Dmitrii Shostakovich na súa décimo terceira sinfonía, subtitulada Babi Yar.

En 1961 Evtushenko tamén publicou Nasledniki Stalina un canto contra do stalinismo e o seu legado que malia morrer Stalin aínda dominaba o país; no poema tamén se dirixía directamente ao goberno soviético, implorándolle que fixese o suficiente para asegurar que Stalin non "ascendería outra vez".[7] Publicado orixinalmente en Pravda, o poema non se volveu publicar ata un cuarto de século máis tarde, na época de Mikhail Gorbachev.

Evtushenko foi un dos poetas máis coñécidos da década de 1950 e 1960 na Unión soviética. Formaba parte da xeración de 1960, que incluía a autores como Vasilii Aksyonov, Andrei Voznesensky, Bella Akhmadulina, Robert Rozhdestvensky ou Anatolii Gladilin.

Evtushenko (dereita) co Presidente dos Estados Unidos. Richard Nixon, 1972

En 1965, Evtushenko asinou conxuntamente con Anna Akhmatova, Kornei Chukovsky, Jean-Paul Sartre e outros unha carta de protesta contra do xuízo contra Joseph Brodsky. Posteriormente tamén asinou unha carta contra da invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia en 1968.[8]

Non obstante, cando, en 1987, Yevtushenko entrou como membro de honra na Academia Americana de Artes e Letras, Brodsky liderou unha corrente de protesta, acusándoo de dobre xogo e afirmando que Evtushenko criticaba á Unión Soviética só na dirección aprobada polo Partido Comunista e que esas críticas eran aceptables para o Kremlin, á vez que, mentres, acaparaba adulación e honras como unha voz valente de disidente.

Filmes[editar | editar a fonte]

Evtushenko contribuíu coas letras de cancións de varios filmes soviéticos e escribiu o guión de Soy Cuba (1964), un filme de propaganda soviético. Como actor protagonizou o filme Vzlyot (1979) do director Savva Kulish, realizando o papel do cientítico Tsiolkovsky[9]. Evtushenko tamén dirixiu dous filmes Detsky Sad (1983) e Pokhorony Stalina (1990) sobre a vida na Unión Soviética.[10]

Período posoviético[editar | editar a fonte]

En 1989 Evtushenko resultou elixido representante por Kharkov no Congreso dos Deputados do Pobo Soviético, onde foi membro do grupo prodemocrático que apoiaba a Mikhail Gorbachev. En 1991, apoiou a Boris Eltsin na súa defensa do Parlamento da Federación Rusa durante o golpe da liña dura que quería reverter a "perestroika". Así e todo, cando Eltsin enviou tanques a Chechenia denunciouno e rexeitou aceptarlle un premio."

Evtushenko sostivo medidas favorables ao medio ambiente, enfrontouse con escritores nacionalistas rusos dende a alternativa Unión de Escritores de Rusia e fixo campaña pola preservación da memoria das vítimas do gulag stalinista. En 1995 publicou unha antoloxía da poesía rusa contemporánea, Строфы века. Антология русской поэзии.

Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Dende outubro de 2007 Evtushenko dividiu o seu tempo entre Rusia e os Estados Unidos, ensinando poesía rusa e europea e a historia de cine mundial na Universidade de Tulsa en Oklahoma e no Queens College da Universidade da Cidade de Nova York. En occidente era máis coñecido pola súa crítica da burocracia soviética e as súas apelacións para librarse do legado de Stalin.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Raymond H. Anderson (1 de abril de 2017). "Yevgeny Yevtushenko, Poet Who Stirred a Generation of Soviets, Dies at 83". NYTimes.com. Consultado o 6 de abril de 2017. 
  2. "Yevgeny Yevtushenko | Russian poet". Britannica.com. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 
  3. Evgeny Evtushenko, Волчий паспорт, Moscova, 2015, p. 32.
  4. A Study Guide for Yevgeny Yevtushenko's "Babii Yar" Poetry for Students Gale, Cengage Learning. Gale, 2016, páx. 3
  5. V.D. Oskotskii "Евгений ЕВТУШЕНКО 1933 - 2017" Русские писатели, Рандеву-АМ, 2000 г.
  6. Queens College Office of Communications "Queens College Presents an Evening of Poetry and Music with Yevgeny Yevtushenko on 11 December," Arquivado 08 de setembro de 2006 en Wayback Machine. 18 de novembro de 2003
  7. Anderson, Raymond (1 de abril de 2017). "Yevgeny Yevtushenko, Poet Who Stirred a Generation of Soviets, Dies at 83". New York Times. 
  8. Weiss, Michael (11 de febreiro de 2008). "A Citizen of Human Grief". The New York Sun. 
  9. "Yevgeny Yevtushenko". wordswithoutborders.org. 
  10. ""Detsky Sad (1984)". allmovie.com.