Evasión do San José Nº 2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A evasión do San José Nº 2 foi a fuxida de dezanove republicanos galegos desde Boiro ao porto de Leixões o 27 de xullo de 1936.

Historia[editar | editar a fonte]

José Martínez Virel, alcalde de Boiro en funcións e responsable do Comité de Defensa da República, ordenou o urxente traslado dende Cabo da Cruz ata A Pobra do pesqueiro requisado San José Nº2. Ían con el o concelleiro Antonio Lago Outeiral, o sindicalista José Viturro, Moncho Somoza e outros que finalmente optaron por quedar en terra. Recolleron no peirao da Pobra ao motorista Manuel Ojea Torrecilla e dirixíronse ao porto palmeirán de Insuela, onde agardaban Elpidio Villaverde, José Rodríguez Alarcón e Pedro Díaz, vidos de Vilagarcía. Tamén embarcaron o alcalde socialista da Pobra Antonio Pérez Gómez e os seus correlixionarios Manuel Porteiro, Antonio Domínguez Fontán, Pastor Núñez e Carlos Iglesias. Aprovisionaron a motora de combustible e alimentos e á noite emprender a singradura.

Ante a chegada da columna do tenente Bernardo Espinar, que entrou en Boiro na tarde do día 27, saíu de Cabo da Cruz unha lancha na procura do San José Nº2. A bordo viaxaban Victorino Somoza, o seu sobriño Antonio, Emilio Blanco e Antonio Ferreirós, das Xuventudes Socialistas de Boiro; José Muñiz, cenetista de Escarabote, e o escribente do Concello Marcial de Diego. Localizado o pesqueiro incorporáronse á súa pasaxe. O barco, ás ordes de Virel e Villaverde e patroneado por Viturro e con Torrecilla de motorista, logo de rexeitar outros destinos e coa mira posta en zona republicana, colleu rumbo a Portugal e atracou ao día seguinte no peirao de Leixões.

Os tripulantes foron identificados e desarmados polas autoridades portuguesas. Foron detidos e recluídos no forte de Caxías, cerca de Lisboa, onde permaneceron ata que Salazar, ante as presións internacionais, dispuxo a súa evacuación xunto á doutros refuxiados españois. Elpidio Villaverde, José Martínez Virel e Antonio Pérez, o concelleiro Antonio Lago, Porteiro, Alarcón e Díaz, embarcaron para Francia a finais de agosto. O resto embarcou en outubro rumbo a Tarragona. Todos acabaron incorporándose á fronte de guerra. O San José Nº 2 retornou a Galicia pouco despois.

Os 19 fuxidos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]