Evanxeos de Lindisfarne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Páxina do Evanxeo de Lucas

Os Evanxeos de Lindisfarne son un manuscrito en latín, miniado, que contén os evanxeos de Mateu, Marcos, Lucas e Xoán.

O manuscrito creouse en Lindisfarne, no condado de Northumberland en Inglaterra, a finais do século VII e comezos do século VIII. É considerado un dos mellores exemplos de arte relixiosa en Inglaterra, cun estilo que combina temas anglo-saxóns e celtas.

Pénsase que os Evanxeos de Lindisfarne son obra dun monxe de nome Eadfrith, que se converteu en bispo de Lindisfarne no ano 698 e que morreu no 721. Os estudos actuais sinalan que se escribiron arredor de 710- 720[1] na honra de San Cuthbert.[2]

Os Evanxeos están ilustrados no estilo insular, e estaban orixinariamente encadernados con pel fina cuberta con xoias e metais. A cuberta realizouse no século VIII. Durante os ataques viquingos, o manuscrito perdeu a cuberta orixinal, que foi substituída no 1852. O texto está caligrafado na escritura insular.

No século XVII, sir Robert Cotton mercou os Evanxeos ao seu anterior dono, Robert Bowyer. A biblioteca de Cotton trasladouse ao Museo Británico no século XVIII e de aí pasou á Biblioteca Británica de Londres. Existe unha campaña no noroeste de Inglaterra que reclama que os Evanxeos de Lindisfarne volten á súa orixe.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]