Eugenio Rueda Perosanz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eugenio Rueda Perosanz
Nacemento 25 de novembro de 1915
  Oviedo
Falecemento 16 de agosto de 1948
  Ombre, Pontedeume
Nacionalidade España
editar datos en Wikidata ]

Eugenio Rueda Perosanz, nado o 25 de novembro de 1915 en Oviedo, e finado en Ombre (Pontedeume) o 16 de agosto de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do ferroviario Juan Rueda e de María Perosanz. Mecánico industrial de profesión, exerceu a súa actividade na Fábrica de Fundición La Amistad de Oviedo. Co estalido da Guerra Civil, xunto con outros camaradas, formou un grupo de resistencia armada actuando no monte do Naranco. Despois, xunto con outros grupos, confluíron no Batallón Sangre de Octubre, no barrio do Cristo preto de Oviedo. En setembro de 1936, participou en varios ataques á capital asturiana en mans do exercito sublevado. Un mes despois foi nomeado Tenente do Batallón Ferroviario na posición de Tenaullán. En abril de 1937 foi destinado ao Batallón 265 do Exército Republicano co emprego de Tenente, participando no fronte de Biscaia e no fronte en retirada de Santander. Na parte oriental de Asturias permaneceu na posición de Viedos ata que foi apresado o 6 de outono no Vapor Cusca, en augas do Cantábrico, no intento de fuxir a Francia.

Foi trasladado a Camposancos para ser xulgado polo delito de Rebelión Militar. Sentenciado a Pena de Morte, xunto con dez compañeiros asturianos, o 23 de xuño de 1938 recibiuse notificación ordenando conmutarlle a pena á de inferior grado. Parece ser que a tenacidade da súa avoa con súplicas nas portas dos despachos dalgúns militares serviu para salvarlle a vida.

Finalizada a guerra, Rueda foi trasladado ao Penal de Celanova. Revisada a liquidación de pena, foi conducido ao Destacamento das Minas de Fontao para traballar para a Sociedad de Estaños de Silleda en redención de pena. Nesta época coñeceu á que sería a súa muller, Laura Nicolás, irmá de Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro” da Bandeira. O 20 de decembro de 1943 pasou á situación de liberdade condicional, tendo que incorporarse ao exército, por pertencer á quinta de 1937. Rexeitou esta posibilidade porque en Oviedo sabían que fora condenado a morte e perigaba a súa vida.

Foi tamén nesta época cando entrou en contacto coa organización clandestina do Partido Comunista nas minas de volframio de Fontao. No mes de decembro de 1943 chegou ás minas Isidro Díaz, un militante procedente de Santiago, quen, xunto con outro camarada chamado Tino (Ourense), empezou a reconstruír o Comité Rexional, que quedou definitivamente formado entre abril e maio de 1944 coa aparición de Víctor García García O Brasileño como secretario xeral. No Comité integráronse Tino, Isidro Díaz, Belarmino Álvarez e José Cerveró.

Na guerrilla[editar | editar a fonte]

Eugenio Rueda, concluída pena imposta no Destacamento de Minas de Silleda en Fontao debe fuxir para non incorporarse ao exército. Por unha banda o seu cuñado Miguel Nicolás, acabado de poñer en liberdade, ante as malleiras da garda civil e a represión por parte dos membros da Falanxe na Bandeira, decidiu fuxir, farto destes abusos e torturas, estas circunstancias orixinan a creación da agrupación de guerrilleiros coñecidos popularmente como "Os Corcheiros" en 1943-44.

As primeiras actuacións consistiron en tratar de obstaculizar o traslado do mineral de volframio cara aos portos de Vigo e Coruña tan solicitados pola industria de guerra da Alemaña Nazi. A falla de medios e armas impediron conseguir as primeiras intencións. Sucedéronse asaltos coa fin de recadar diñeiro para a subsistencia dos guerrilleiros. A presión por parte das forzas franquistas aos familiares e amigos, administradores dos víveres aos guerrilleiros, obrigou a cambiar de táctica, decidindo cargar o peso económico sobre os mesmos responsables, aos que se desarmaba e obrigaba a entregar diñeiro para a subsistencia. Así se produciu o asalto ao ómnibus que ía á Feira dos Carballiños en Vilatuxe e a sabotaxe ao coche de liña na estrada do Monte da Rocha, en Silleda. O grupo realizaba o repartimento de propaganda clandestina en días sinalados, como os días de feira na comarca.

O 14 de xuño de 1944 produciuse a morte do garda civil José Salgueiro Rey nun enfrontamento no lugar de Ponte Retorta (Manduas), paso obrigado entre a Bandeira e as Minas da Brea. A Consecuencia disto foron detidos e máis tarde executados, Diego Valero González e Luis Blanco López. Ante este duro golpe, Víctor García trasladou o Comité Rexional do Partido Comunista de Fontao para Vigo nese mesmo mes. Na comarca do Deza produciuse un período de asentamento da estrutura guerrilleira, consistente en afianzar os enlaces e contribuír a divulgar a propaganda antifranquista, que traía Miguel Nicolás Esperante dende Vigo.

Na primavera de 1946 chegou a Galicia a nova dirección política formada por Antonio Seoane Sánchez, Antonio Sánchez Segovia e José Isasa Olaizola encabezando José Gómez Gayoso como novo secretario xeral do Comité Rexional. Unha das misións prioritarias que traian os novos dirixentes, á parte de estender o movemento guerrilleiro por toda Galicia, era a de desfacer o control de Víctor García sobre os comités provinciais do PCE en Galicia. Comeza a caza do Brasileño. Eugenio Rueda foi reclamado pola nova cúpula do Comité Rexional de José Gayoso e encargado de traer a orde e acabar co Brasileño, que foi asasinado na primavera de 1948 na parroquia de Moalde.

Ata ese momento a agrupación guerrilleira dos “Corcheiros” actuaba baixo a disciplina dos grupos volantes da IV Agrupación de Guerrilleiros de Galicia.

A garda civil na comarca contaba con postos nos concellos de Agolada, Rodeiro, Silleda, Lalín e Carbia ao mando do Comandante da Garda Civil, Xefe do Sector Interprovincial de Lalín, Manuel Montero Galvache. Unha das estratexias por parte da Garda civil foi a creación das contrapartidas, dependendo dos servizos de Información do 39 Tercio de Lalín; membros da garda civil que vestidos de paisano lograban conectar coa xente tratando de recadar información sobre os do monte.

No remate de 1947 creouse a V Agrupación de Guerrilleiros fundada por Seoane, integrando a Benigno Andrade Foucellas como xefe da agrupación que actuou no norte da provincia de Pontevedra. Foucellas xa era coñecedor da zona e empregaba a casa dos Corcheiros como lugar de parada. Pasaba dúas noites e logo desaparecía tamén pola noite.

Eugenio Rueda Perosanz, man dereita de Seoane, foi detido con este na Coruña, ao regreso dunha viaxe a Pamplona na procura de explosivos. Rueda foi executado (aplicóuselle a lei de fugas) logo de ser torturado (parece que lle faltaba un ollo) na parroquia de Ombre en Pontedeume ás 7 da mañá do 16 de agosto de 1948.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]