Estevo Uroš IV Dušan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estevo IX Uroš IV Dušan
Rei de Serbia
Emperador de Serbia e Grecia
Rei de Serbia
(8 de setembro de 133116 de abril de 1346)
Emperador de Serbia e Grecia
(16 de abril de 134620 de decembro de 1355)

Nome completoUroš Dušan Nemanjić
Falecemento20 de decembro de 1355
SucesorStefan Uroš V de Serbia
Cónxuxe/sHelena de Bulgaria
ProxenitoresStefan Uroš III Dečanski
Theodora Smilets de Bulgaria

Na rede
WikiTree: Nemanja-2 Find a Grave: 8363757 Editar o valor em Wikidata

Estevo Uroš IV Dušan[1] o Poderoso (en serbio latino Stjepan Uroš IV Dušan Silni, serbio cirílico Стефан Урош IV Душан Силни) nado aproximadamente en 1308 e finado o 20 de decembro de 1355, foi rei de Serbia desde o 8 de setembro de 1331 e emperador dos Serbios e os Gregos desde o 16 de abril de 1346 até a súa morte.

Dušan logrou conquistar gran parte do Europa, converténdose nun dos monarcas máis poderosos do seu tempo. Promulgou a Constitución do Imperio serbio no Código de Dušan, unha das obras máis importantes da Serbia medieval.

Promoveu a Igrexa Ortodoxa serbia dun arcebispado a un patriarcado, terminou a construción do mosteiro de Visoki Dečani e fundou o mosteiro dos Santos Arcanxos, así como outros.

Baixo o seu goberno Serbia chegou ao seu cénit territorial, económico, político e cultural, e a súa morte en 1355 está considerada como o fin da resistencia cristiá ao avance do Imperio Otomán, e da caída posterior da Igrexa Ortodoxa oriental na rexión.

A súa coroa gárdase actualmente no mosteiro de Cetinje, en Montenegro.

A vida súa como gobernante transcorreu nun panorama político complicado e turbulento. Os serbios vivían o avance dos turcos otománs por Anatolia cara aos restos do decadente imperio de Constantinopla, herdeiro do Imperio bizantino.

Ao mesmo tempo, no norte, os húngaros aparecían como unha nación emerxente en Europa, até o punto de competir, e mesturarse, co Sacro Imperio Romano Xermánico.

O resto dos Balcáns era un caos político, dividido en catro potencias principais: o Despotado de Epiro, os antigos ducados francos de Acaia e Atenas, o Imperio búlgaro e as posesións venecianas.

Morea e Tracia seguían pertencendo ao imperio grego, mentres que o norte de Macedonia disputábase entre os bizantinos, os búlgaros e os serbios.

Primeira etapa de goberno[editar | editar a fonte]

Antes de chegar ao trono Estevo Dušan mostrárase como un gran líder con moito talento no campo de batalla, como demostrou na guerra contra Bulgaria, onde Serbia logrou unha gran vitoria sobre o Imperio búlgaro.

Como o seu pai, Estevo VIII Uroš III Dečanski, que era o lexítimo rei de Serbia, estaba cego e, segundo parece, non tiña grandes ambicións de poder, Uroš Dušan, coa axuda dos nobres serbios, que era partidarios da guerra contra os bizantinos, desexosos de teren posesións en Tracia e Macedonia, mentres que Uroš III Dečanski era aliado dos gregos, Dušan, grazas a unha intriga palaciana, conseguiu o trono en 1331.

Dušan, segundo o pactado coa nobreza eslava, comezou o seu reinado atacando aos gregos en Macedonia, coa axuda dun militar bizantino renegado que o axudou a capturar Prilep, Ohrid, Vardar e Kastoriá, entre outras cidades de Macedonia.

A diplomacia bizantina, porén, conseguiu volver contra Serbia ao rei húngaro, desexoso de conquistar a rexión de Rascia para Hungría. Pechouse así a primeira etapa guerreira de Estevo Dušan contra Bizancio, concluída cunha paz moi custosa, aínda que logrou reter para si algunhas cidades do norte de Macedonia, e iniciou unha etapa de guerra no norte de Serbia.

A fronteira norte[editar | editar a fonte]

Posteriormente, os serbios lanzaron unha contraofensiva contra os húngaros (1335) expulsándoos de Rascia, e conquistando a rexión serbia baixo control húngaro (a Mesia medieval). Durante os anos seguintes, desenvolveuse un conflito por manter esta posesión, que finalizou cunha paz que supuxo unha derrota para os húngaros.

Porén, a raíz dunha guerra civil no Imperio bizantino na que Dušan tomou parte, desenvolveuse un novo conflito contra Lois I de Hungría, da dinastía francesa de Anjou, que culminou coa inesperada vitoria dos serbios. Máis tarde o conflito reaparecería, pero os húngaros non lograrían volver a controlar a rexión de Mesia durante o reinado de Dušan.

Guerra grega e expansión cara ao sur[editar | editar a fonte]

Serbia durante o reinado do Tsar Dšuan o Forte, ca. 1350.

Mediante unha audaz política exterior, aproveitando as discordias existentes no Imperio Bizantino, conquistou Macedonia, Albania, Epiro, Etolia e Tesalia, duplicando o tamaño do antigo reino, anexionando territorios ao sur, sueste e leste, a expensas de Bizancio. Estas conquistas permitíronlle atribuírse o título de Tsar dos serbios e dos gregos,[2] que se autoatribuíu en 1345 en Serres, sendo solemnemente coroado en Skopje o 16 de abril de 1346 polo creado pouco tempo antes Patriarca serbio Joanikie II, coa axuda do Patriarca búlgaro Simeón e o arcebispo de Ohrid, Nicolás (porque aproveitara tamén o seu poder para crear un patriarcado independente para a Igrexa serbia ese mesmo ano de 1346).

Dous conflitos máis sucederon en Grecia nos que Dušan estivo implicado: o primeiro foi a guerra civil bizantina, na que se aliou co pretendente ilexítimo ao trono, Xoán Cantacuzeno, que subiría ao trono imperial bizantino máis tarde como Xoán VI Cantacuzeno.

Porén, Cantacuzeno demostrou ser un pésimo militar. Non conseguindo éxitos cos soldados cedidos por Dušan (considerados os mellores dos Balcáns), decidiu subornar aos soldados da garda persoal do rei serbio, e mandounos atacar as cidades baixo control deste.

Dušan, de acordo cos seus aliados venecianos, empezou a negociar coa emperatriz Ana, antagonista de Xoán Cantacuzeno, acordando o cesamento das hostilidades. Xoán VI Cantacuzeno pediu axuda aos turcos, conseguindo vencer aos serbios.

Porén, a guerra finalizou coa coroación de Estevo Uroš IV Dušan como Tsar (César eslavo) en 1346.

A segunda guerra civil desatárona o emperador Xoán V Paleólogo (fillo da emperatriz Ana e aliado dos serbios) e Xoán Cantacuzeno. Ambos recorreron aos seus aliados: Paleólogo aos serbios e búlgaros, e Cantacuzeno aos turcos otománs, inimigos dos seleúcidas.

Ambos os exércitos enfrontáronse en 1350, coa derrota da alianza serbo-búlgara. Os efectos foron nefastos, os turcos otománs apoderáronse do estreito de Galípoli, establecendo unha base en Europa. Máis tarde, en 1354, formouse unha coalición cruzada que lideraría Dušan, pero morreu antes de poder loitar contra os turcos.

En 1349 fixo promulgar o Dušanov Zakonik, ou "Código de Dušan", código lexislativo baseado no dereito bizantino, logro xurídico único entre os estados occidentais europeos da época

O emperador Dušan tamén abriu novas rotas comerciais e fortaleceu a economía do estado.

O Imperio serbio floreceu tamén como un dos países de cultura máis evolucionada de Europa.[3] Algunhas das obras de arte máis importantes da Serbia medieval creáronse durante este período, como o Nomocanon de San Sava.

Morte[editar | editar a fonte]

Pero o ideal de Dušan, de ser emperador de serbios, gregos, búlgaros e albaneses, non o sobreviviu, aínda que permaneceu no recordo do seu pobo e renacería no século XIX. Estevo Uroš IV Dušan morreu en 1355, cando o seu poder e a súa fortuna estaban no punto álxido e, aínda que os acontecementos en Hungría deron un xiro no seu favor antes de morrer, entrando Hungría na guerra contra os seus antigos aliados venecianos, tras a morte de Dušan o imperio que creara Estevo Dušan entrou nunha rápida decadencia.

A Dušan sucedeuno o seu fillo Estevo Uroš V, chamado O Débil, un termo que podería tamén aplicarse á situación do Imperio, xa que pouco a pouco caeu na anarquía feudal. A combinación de conquistas súbitas, o caos da administración, e a falta de consolidación levou á fragmentación do Imperio. A nobreza serbia, os húngaros e os búlgaros repartiríanse o Imperio.

Foi un período marcado polo xurdimento dunha nova ameaza: o Sultanato otomán, que pouco a pouco foise estendendo desde Asia (Anatolia) a Europa, coa conquista de Bizancio primeiro, e despois dos demais estados dos Balcáns.[3] Demasiado incompetente para soster o grande imperio creado polo seu pai, Uroš non soubo repeler os ataques de inimigos estranxeiros, nin combater a independencia da súa nobreza. Así, o imperio serbio de Estavo Uroš fragmentouse nunha serie de pequenos principados feudais, perpetuamente enfrontados, algúns dos cales nin sequera recoñeceron nominalmente o seu goberno. Estevo Uroš V morreu sen fillos en decembro de 1371, despois de que gran parte da nobreza serbia fora destruída polos turcos na batalla de Maritza a principios do ano.

Os pequenos estados feudais foron incapaces de conter a invasión dos turcos otománs. Finalmente, na batalla de Kosovo Polje, o 15 de xuño de 1389, os otománs de Murat I venceron ás tropas serbias e búlgaras mandadas por Lázaro Hrebeljanović e Estevo de Bosnia, terminando así a independencia de Serbia, que pasou a formar parte do Imperio Otomán até finais do século XVIII.

Predecesor:
Estevo Uroš III Dečanski
Rei de Serbia
Rei de Serbia
13311344
Emperador dos Serbios e dos Gregos

13441355
Sucesor:
Estevo Uroš V
Emperador dos Serbios e dos Gregos

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Navarro, Francesc (1997). Enciclopedia Salvat. Salvat Editores. ISBN 84-345-9714-4. 
  2. Embaixada de Serbia en España. Historia de Serbia. Arquivado 25 de decembro de 2009 en Wayback Machine.
  3. 3,0 3,1 Globusz Publishing. The Rise and Fall of the Serbian Empire and the Extinction of Serbian Independence. Arquivado 21 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]