Saltar ao contido

Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1936

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1936
 Instancia de
Datas
 Data de publicación
1936 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País
Wikidata
Ikurriña adoptada polo Goberno Provisional do País Vasco, formado tras a aprobación de Estatuto de Autonomía de 1936 baixo a presidencia de José Antonio Aguirre

O Estatuto de Autonomía do País Vasco de 1936 foi unha lei aprobada polas Cortes da Segunda República Española o 1 de outubro de 1936 en Valencia, xa comezada a guerra civil e sen a participación de Navarra, e despois dun longo e complicado proceso iniciado en 1931. Tras a aprobación do Estatuto formouse o primeiro Goberno autónomo, do 7 de outubro de 1936 ao 30 de marzo de 1937. Este Goberno de Euzkadi, presidido por José Antonio Aguirre, do Partido Nacionalista Vasco, contou coa participación de representantes do PSOE, PCE, Acción Nacionalista Vasca, Izquierda Republicana e Unión Republicana.

O Estatuto de Estella

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estatuto de Estella.

Proclamada a República Española, o País Vasco e Navarra iniciaron o proceso para a consecución dun estatuto de autonomía conxunto moi pronto. A primeira proposta foi unha iniciativa dos alcaldes do PNV, quen a principios de maio de 1931 encargaron á Sociedade de Estudos Vascos (SEV) a redacción dun anteproxecto de Estatuto Xeral do Estado Vasco que incluiría Biscaia, Áraba, Guipúscoa e Navarra. O resultado foi un intento de síntese entre o foralismo tradicional e a estrutura dos modernos Estados federais que non contentou a ninguén. Mes e medio despois unha asemblea dos concellos vasconavarros, reunidos en Estella o 14 de xuño, aprobou un Proxecto de Estatuto Vasco-Navarro máis conservador e nacionalista que o da SEV. En esencia baseábase no restabelecemento dos foros vascos sometidos á Constitución pola Lei de Confirmación de Foros de 1839, xunto coa Lei Paccionada Navarra de 1841.

O Estatuto de Estella foi presentado o 22 de setembro de 1931 ás Cortes Constituíntes por unha delegación de alcaldes. Con todo, non foi tomado en consideración porque o proxecto situábase claramente á marxe de Constitución que se estaba a debater. Entre outras cousas, rexeitaban a súa concepción federalista e a declaración de confesionalidade do «Estado vasco», que podería negociar por iso un concordato particular co Vaticano. Ademais, non recoñecía dereitos políticos plenos aos inmigrantes españois con menos de 10 anos de residencia en Euskadi. Así, o Estatuto reservábase competencias sobre materias relixiosas.

O «Estatuto das Xestoras» e o referendo de 1933

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Estatuto de las Gestoras.

En decembro de 1931 as Cortes encargaron ás Comisións Xestoras provisionais das Deputacións que elaborasen un novo proxecto de estatuto. Estas, designadas polos gobernadores civís respectivos para substituír os equipos monárquicos, tiñan maioría de republicanos e socialistas. Ao final, o Estatuto foi acordado co PNV, que se distanciou da Comunión Tradicionalista carlista. Unha Asemblea de Concellos celebrada en Pamplona en xuño de 1932 aprobou o proxecto, pero o carlismo rexeitárono. Polo tanto, ao ter a maioría en Navarra deixaron este territorio fóra do ámbito da futura «rexión autónoma». Iso obrigou a unha nova redacción do proxecto e a un novo atraso, tamén debido a que o goberno de Azaña non situou o Estatuto vasco entre as súas prioridades. Os partidos republicanos de esquerda e o PSOE opúñanse ao nacionalismo vasco, como o demostraron os enfrontamentos na rúa entre mozos nacionalistas e socialistas.

Referendo autonómico do 5 de novembro de 1933 en Éibar para a aprobación dun novo texto de estatuto

Un novo obstáculo apareceu cando, ao realizarse o preceptivo referendo sobre o chamado «Estatuto de las Gestoras» o 5 de novembro de 1933, en plena campaña para as eleccións a Cortes, os votos favorábeis en Áraba non alcanzaron a maioría do censo, de novo pola oposición do carlismo. Áraba era unha provincia que, como Navarra, tiña unha menor identidade nacionalista vasca debido á forte implantación do carlismo.

O 23 de decembro de 1933 a prensa informaba da entrega dun exemplar do novo Estatuto vasco a Niceto Alcalá-Zamora, o presidente da República. A entrega realizouna o comité xestor do estatuto, acompañado dos presidentes das deputacións e dos deputados a Cortes das provincias vascas. Fixo entrega o alcalde de Donostia, pronunciando un breve discurso. Alcalá-Zamora dixo que recollía «con todo agarimo as aspiracións do País Vasco» e que sería «un valedor para convertelas en realidade».[1]

A paralización do proceso

[editar | editar a fonte]

O novo presidente do Goberno saído das eleccións de novembro, o radical Alejandro Lerroux, ofreceu o apoio ao Estatuto a cambio da colaboración dos deputados do PNV. Porén, a CEDA, o aliado principal de Lerroux, opúxose a esta iniciativa.

A paralización definitiva do proceso de aprobación do Estatuto do País Vasco produciuse en febreiro de 1934, cando un deputado tradicionalista vasco expuxo a exclusión de Áraba da autonomía vasca. Alegaba que alí non se alcanzara a maioría necesaria (o 50%) no referendo do 3 de novembro de 1933, precisamente pola oposición do carlismo ao estatuto. O 12 de xuño os deputados do PNV retiráronse das Cortes como protesta pola paralización dos trámites e en solidariedade con Esquerra Republicana de Cataluña (ERC), que tamén retirara os seus despois de que o Tribunal de Garantías Constitucionais anulase a Lei de Contratos de Cultivo aprobada polo Parlamento catalán.

A continuación do proceso en 1936

[editar | editar a fonte]

Nas eleccións de febreiro de 1936 o PNV rexeitou presentarse en coalición coa CEDA e as dereitas (a «unión dos católicos» proposta pola xerarquía eclesiástica) debido á súa oposición á autonomía vasca e á de calquera «rexión» española. O rexeitamento provocou duros ataques contra o PNV por parte da prensa conservadora e tradicionalista, que chegou a pór en cuestión o seu catolicismo. Os partidos do bloque contrarrevolucionario incluírono entre «os inimigos da Cruz e da Patria». Tampouco aceptou formar parte da Fronte Nacional Vasca pola independencia, proposta polo semanario Jagi-Jagi ao PNV e a Acción Nacionalista Vasca. Este último partido incorporouse á candidatura da Fronte Popular, cuxo lema no País Vasco foi «Amnistía, Estatuto, nin un desafiuzamento máis». O PNV presentouse en solitario co slogan «Pola civilización cristiá, pola liberdade da patria [vasca] e pola xustiza social!».

A diferenza da polarización que se produciu no resto de España, o centro político representado polo PNV non se afundiu nas eleccións, senón que mantivo os bos resultados das de 1933. Deste xeito, seguiu sendo a forza maioritaria no País Vasco con 9 deputados, fronte aos 7 da Fronte Popular e un, por Áraba, do bloque de dereitas encabezado pola Comunión Tradicionalista. Este último, en cambio, copou os 7 escanos que correspondían a Navarra. Así pois, das eleccións de febreiro de 1936 xurdiu un «triángulo político» formado polo PNV de José Antonio Aguirre, (maioritario nas provincias de Biscaia e Guipúscoa), a Fronte Popular (encabezada polo socialista Indalecio Prieto, maioritaria en Bilbao) e a Comunión Tradicionalista, (liderada por José Luis Oriol, maioritaria en Áraba, que anunciara que organizaría un levantamento armado se perdía as eleccións).

Tras a formación do Goberno da Fronte Popular, Prieto e Aguirre acordaron renovar o debate parlamentario do proxecto de estatuto (paralizado durante o Bienio Conservador) e resolver ao mesmo tempo a cuestión de Áraba, que fora utilizada polas dereitas para obstaculizar a súa tramitación nas Cortes. A Comisión de Estatutos, presidida por Prieto, propuxo un proxecto con poucos artigos, que o PNV aceptou. En xullo de 1936 estaba previsto que pasase ao pleno da Cámara, pero o día 18 produciuse a sublevación militar que daría inicio á guerra civil.

O PNV non se sumou ao alzamento e mantívose fiel á República, malia non formar parte da Fronte Popular e ser un partido confesional católico. Isto lembráronllo os bispos de Vitoria e de Pamplona, quen nunha pastoral do 6 de agosto declararon ilícita (Non licet) a unión dos nacionalistas vascos co PSOE e os partidos republicanos. Tras a entrada das tropas sublevadas en Donostia en setembro (o golpe triunfara tanto en Áraba como en Navarra), o PNV entrou a formar parte do goberno da Fronte Popular a cambio da inmediata promulgación do Estatuto. Así, Manuel Irujo, do PNV, foi nomeado ministro sen carteira do goberno do socialista Francisco Largo Caballero e as Cortes aprobaron o proxecto.

A referencia do Estatuto vasco de 1936 foi o Estatuto de Autonomía de Cataluña de 1932. Como no caso catalán creábase unha «rexión autónoma» formada polas provincias de Áraba, Biscaia e Guipúscoa. Porén, de feito, só estivo vixente en Biscaia e na metade occidental de Guipúscoa (en outubro de 1936 o resto do territorio vasco formaba parte da zona sublevada). Ademais, delimitaba as competencias que correspondían a aquela e as que correspondían ao Estado, respectando o réxime de concerto económico para a Facenda autónoma. A nova rexión autónoma contaba tamén cun Goberno e un Parlamento propios.

Respecto do Estatuto plebiscitado en novembro de 1933, era moito máis curto. Constaba de 14 artigos agrupados en 5 títulos: disposicións xerais, extensión da autonomía, organización do País Vasco. Presentaba dúas novidades importantes: nin se facía referencia á futura integración de Navarra nin á reintegración foral.

Aplicación: o Goberno de Aguirre e o «oasis vasco» (outubro de 1936-xuño de 1937)

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Goberno de Euzkadi.
José Antonio Aguirre, lehendakari

Ante a imposibilidade de celebrar eleccións ao Parlamento vasco, estabeleceuse nunha disposición transitoria do Estatuto que o primeiro presidente do Goberno vasco sería nomeado polos concelleiros dos concellos non ocupados polo bando franquista. Así, o 7 de outubro, na Casa de Xuntas de Gernika, resultou elixido lehendakari por unanimidade José Antonio Aguirre, o líder do PNV. Aguirre formou inmediatamente un Goberno no que o nacionalismo vasco ocupou as principais consellerías: Defensa (que ocupou o propio Aguirre), Xustiza e Cultura, Gobernación e Facenda. Das demais fixéronse cargo os partidos da Fronte Popular: o PSOE (Industria, Traballo e Asistencia Social), Izquierda Republicana (Comercio e Abastecementos), Unión Republicana (Sanidade), Acción Nacionalista Vasca (Agricultura) e o Partido Comunista de Euskadi (Obras Públicas). Quedou fóra a CNT polo veto do PNV. En realidade foi un Goberno presidencialista, xa que Aguirre concentrou moitos poderes, ao ser ao mesmo tempo lehendakari e conselleiro de Defensa, nun momento en que a prioridade era a guerra.

A moderación do Goberno vasco quedou patente no programa político que fixo público, que reflectía a hexemonía nacionalista vasca. Facía fincapé no respecto á liberdade de culto e na garantía da seguridade do clero, o que non estaba a suceder en absoluto no resto da zona republicana. Para o mantemento da orde pública creouse a policía foral (Ertzaña), os presos quedaban sometidos á xurisdición ordinaria e protexíase a pequena e mediana propiedade. Ademais, estabelecíase a cooficialidad do éuscaro e o fomento das «características nacionais do pobo vasco». Doutra banda, creouse o Euzko Gudarostea (Exército vasco), baixo o control directo de Aguirre e do PNV, que non se unificou co resto de milicias de partidos e de sindicatos. En consecuencia, a situación política e social do País Vasco republicano foi completamente diferente á do resto da zona republicana. Alí respectouse a Igrexa católica, existiu un pluralismo político moito maior e non houbo revolución social, nin «checas», nin tribunais actuando á marxe da lei. Por iso falouse do «oasis vasco».

No momento en que Aguirre foi nomeado lehendakari, a fronte estabilizouse e así permaneceu até marzo de 1937, cando as tropas franquistas renovaron a súa ofensiva. Neses seis meses, o goberno de Aguirre construíu unha administración propia que absorbeu case todas as competencias do Estado (e tamén das deputacións forais e dos municipios) grazas ao illamento do País Vasco da zona principal que permanecera fiel á República, pero tamén debido ao desexo do PNV de crear un Estado vasco. Así, como destacou o historiador José Luis de la Granja,

[…] de outubro de 1936 a xuño de 1937, o Goberno de Aguirre transformou o que era un Estatuto de mínimos nunha autonomía de máximos e converteu Euskadi, que naceu entón por primeira vez na historia como entidade xurídico-política, nun pequeno Estado semi-independente con todos os seus atributos: mantivo relacións exteriores a través das súas delegacións no estranxeiro, sobre todo en Francia e o Reino Unido; formou o exército regular de Euskadi, cuns 40 000 soldados encadrados en 90 batallóns de partidos e sindicatos, mandado politicamente (e mesmo militarmente en maio de 1937) por Aguirre como conselleiro de Defensa; cuñou moeda e expediu pasaportes; reorganizou a xustiza, coa Audiencia Territorial, o Tribunal Popular e o Tribunal Militar de Euskadi, e concedeu indultos; creou a Universidade vasca e numerosos organismos de todo tipo, segundo consta no voluminoso Diario Oficial do País Vasco (Bilbao, 1936-1937).

O 19 de xuño de 1937 as tropas franquistas tomaron Bilbao. Catro días máis tarde Franco derrogou os concertos económicos de Biscaia e de Guipúscoa como castigo por non se sumaren á sublevación, mentres confirmaba o de Áraba e o Convenio de Navarra. A finais de xuño caeron os últimos redutos vascos que aínda resistían o avance franquista, e a guerra en solo vasco finalizou o 1 de xullo. Os batallóns do PNV abandonaron a loita e rendéronse en Santoña en agosto. Os milicianos vascos socialistas e anarquistas continuaron a combater en Santander e en Asturias até a súa caída en outubro de 1937.

  1. "Entrega de un ejemplar del Estatuto Vasco al Presidente de la República". Diario de Córdoba (en castelán). 23 de decembro de 1933. p. 1. Consultado o 22 de xullo de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • De la Granja, José Luis (2002). "La II República y la Guerra Civil". En José Luis de la Granja y Santiago de Pablo (Coords.). Historia del País Vasco y Navarra en el siglo XX (en castelán). Madrid: Biblioteca Nueva. pp. 57–87. ISBN 8497420772. 
  • Fusi Aizpurúa, Juan Pablo (1985). "Nacionalismo y revolución: Octubre de 1934 en el País Vasco". En Gabriel Jackson y otros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 8432305154. 
  • Gil Pecharromán, Julio (1997). La Segunda República. Esperanzas y frustraciones (en castelán). Madrid: Historia 16. ISBN 8476793197. 
  • Tusell, Javier (1997). Historia de España. Vol. XII. La Segunda República. De la Segunda República a la Guerra Civil (en castelán). Madrid: Espasa Calpe. ISBN 8423989607. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]