Estatuto de Autonomía de Aragón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Monumento ao Xustiza na Praza de Aragón no día de San Xurxo (23 de abril), día do primeiro aniversario da entrada en vigor do estatuto de 2007. No pé do monumento representouse cunha alfombra de flores o Sinal Real de Aragón.

O Estatuto de Autonomía de Aragón é a norma básica de Aragón, lei orgánica aprobada en 1982 e que foi reformada en tres ocasións: 1994, 1996 e 2007.

Características[editar | editar a fonte]

O actual Estatuto de Autonomía entrou en vigor o 23 de abril de 2007, Día de Aragón, logo dunha reforma que concitou un amplo consenso nas Cortes de Aragón ao contar co apoio do PSOE, do PP, do PAR e de IU, mentres que a Chunta Aragonesista abstívose no trámite na Cámara autonómica ao entender que o texto non cubría ao cento por cento as aspiracións de autogoberno de Aragón e que tiña carencias en canto ao recoñecemento das linguas propias, ao sistema de financiamento, ás competencias que podería asumir a Comunidade ou que non blindaba o suficiente o Ebro ante unha ameaza de transvasamento.

Como principais premisas, o Estatuto de Autonomía de Aragón obriga aos poderes públicos a velar para evitar transvasamentos das cuncas hidrográficas das que Aragón forma parte, dentro do principio de "unidade de cunca". E nesta liña, ademais, establece que Aragón deberá emitir un "informe preceptivo" sobre calquera proposta de transferencia de augas, mentres que o Goberno de España deberá de propiciar "de forma efectiva" o acordo entre as Comunidades que poidan resultar afectadas por un transvasamento. Tamén respecto á auga, garante unha reserva de auga para "uso exclusivo dos aragoneses" de 6.550 hectómetros cúbicos, aínda que atribúe á planificación hidrolóxica do Estado "as asignacións e reservas" para o cumprimento do principio de prioridade no aproveitamento dos recursos hídricos da cunca do Ebro.

O texto recoñece que o Estado, para fixar os seus investimentos en Aragón, ponderará, "con carácter prioritario", a superficie do territorio, os custos de construción derivados da orografía e o carácter fronteirizo da Comunidade.

Mantense a redacción do artigo 48, que fala da subscrición dun acordo bilateral de cooperación para concretar a participación territorializada de Aragón nos tributos xerais, posibilidade que existe no Estatuto aragonés desde 1996 pero que non se puxo en práctica, xa que logo, nunha década.

O Estatuto regula a creación dunha comisión mixta de asuntos económico-financeiros Estado-Comunidade de Aragón como órgano bilateral de relación sobre financiamento específico aragonesa, dentro do marco establecido pola Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autonómicas (LOFCA), que deberá constituírse nun prazo de seis meses desde que o Estatuto entre en vigor, é dicir, antes do 23 de outubro de 2007, e que deberá resolver o litixio entre ambas administracións sobre a cesión do rendemento de determinados tributos.

En todo caso, recóllese expresamente o concepto de "lealdade institucional" como principio no que se asintan as relacións entre Aragón e o Estado e como compensación por parte deste último cando adopte decisións que supoñan un gasto inesperado para as arcas autonómicas. Ademais, posibilítase a creación dunha Axencia Tributaria propia que colaborará coa do Estado, de forma paritaria.

O texto recoñece a Aragón como "nacionalidade histórica", mantén a disposición adicional na que "non renuncia" a "os dereitos que como tal puidéronlle corresponder en virtude da súa historia" e inclúe un novo título sobre a Administración de Xustiza e outro sobre dereitos e deberes dos aragoneses e principios reitores das políticas públicas. Entre eles inclúese a obrigatoriedade de desenvolver as actuacións necesarias para o regreso a Aragón dos bens do seu patrimonio que están fóra do seu territorio.

No regulamento dunha posterior reforma, establécese que esta, unha vez aprobada polas Cortes aragonesas, será debatida de forma conxunta nunha comisión mixta paritaria no Congreso dos Deputados e, logo, poderá ser sometida a referendo en Aragón, e tamén se establece a potestade do Presidente de Aragón para disolver as Cortes e convocar eleccións que abran unha lexislatura enteira.

Increméntase o número de competencias exclusivas de 41 a 59 e inclúese un artigo específico sobre a Policía Autonómica, coa potestade para creala no marco do Estatuto.

O novo Estatuto pasa de seis títulos (cinco máis o preliminar) a dez e de tres disposicións adicionais a seis, inclúe 115 artigos (fronte a 61 do texto de 1996) e, por primeira vez na súa historia, inclúe un preámbulo que saíu das Cortes cun prolixo detalle histórico da traxectoria de Aragón e que foi drasticamente recortado no trámite parlamentario no Congreso.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]