Estatólito (botánica)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corte lonxitudinal do ápice dunha raíz visto ao microscopio con 10 aumentos.
1. Meristema apical.
2. Columela da caliptra, observándose estatocitos con estatólitos.
3. Parte lateral da raíz.
4. Células mortas da caliptra que se desprenden.
5. Zona de elongación da raíz.

En botánica, un estatólito é un corpúsculo sólido (por exemplo, un gran de area ou outra inclusión sólida) que se pode mover con facilidade no interior do fluído contido dun estatocisto que descansa na superficie inferior dunha célula, e que se cre que intervén na percepción da gravidade.[1][2]

A percepción da aceleración xeostática parece estar relacionada xeralmente (talvez sempre), coa sedimentación no citoplasma de partículas densas específicas (os estatólitos). Nas raíces, o destímulo gravitatorio percíbese polo ápice e, certamente, pola caliptra. Se esta se separa, o crecemento lonxitudinal da raíz non sofre alteración, ou mesmo pode aumentar, pero pérdese a capacidade de reacción gravitrópica. Sobre todo hai que tomar en consideración a este respecto os amiloplastos (o que se chama amidón estatolítico e que se encontra en células (estatocistos) da caliptra da raíz ou nas vaíñas amiláceas do caule. Ao cambiar de posición o órgano, os estatólitos deposítanse rapidamente no lado que queda fisicamente en posición inferior. A perda da capacidade de separarse a caliptra queda así explicada.[2]

Unha acción parecida resulta da desaparición do amidón nos amiloplastos estatolíticos a consecuencia de accións experimentais, como escurecemento, arrefriamento, etc. O decisivo para a función do non son, pois, os amiloplastos en si mesmos —que serían demasiado lixeiros— senón o seu contido en amidón.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo estatólito é unha voz do Vocabulario Científico Internacional que está formada polos elementos estato-, tirado do grego antigo στατός statós, 'estacionario', 'quieto', 'parado',[3] e ´-lito, derivado do grego antigo λίθος líthos, 'pedra', a través do latín científico -lĭthus.[4]

Tipos de estatólitos[editar | editar a fonte]

Os estatólitos poden seren moi variados; na alga Chara son vesículas con cristais de sulfato de bario, mentres que nas anxiospermas son amiloplastos. O mecanismo de acción do gravitropismo relaciónase con asimetrías da concentración de ións Ca2+ e auxinas. Os estatólitos causarían presión sobre o retículo endoplasmático das células que os conteñen, o cal liberaría Ca2+ que, en forma directa ou mediado a través da calmodulina, actuaría sobre o transporte das auxinas provocando un gradiente das mesmas que inducirían ao crecemento diferencial e ao curvamento do órgano.[5]

Estatólitos e xeotropismo[editar | editar a fonte]

O xeotropismo involucra catro pasos secuenciais: a percepción do estímulo gravitatorio, a produción de sinais en células sensoras da gravidade, a transdución de sinais tanto dentro de células sensoras como entre células e, finalmente, a resposta. De acordo con hipóteses vixentes, a gravidade é percibida polos estatólitos. A existencia de tales organelas foi suxerida polo científico austríaco Gottlieb Haberlandt e por B. Nemec, na antiga Checoslovaquia, a principios do século XX. Eles observaron que cando se curta a punta da raíz, esta perde a capacidade de responder á gravidade. Durante moito tempo pensouse que isto se debía á presenza de células especializadas do caule e da caliptra. As células internas —ou centrais— da caliptra parece que son análogas aos estatocistos que se encontran en moitos animais (como, por exemplo, nos moluscos). Ao igual que os estatocistos, estas células conteñen estatólitos, partículas que se moven en resposta á gravidade.[6] Nas medusas, os estatólitos consisten en grans de sales de calcio.

Na década de 1970 observouse que nas células centrais da caliptra, os estatólitos correspondíanse cos amiloplastos, plastos que conteñen amidón. Certos mutantes da planta dicotiledónea Arabidopsis thaliana, incapaces de sintetizaren normalmente amidón, son tamén incapaces de responderen ao estímulo gravitatorio. Isto suxire que a acumulación de amidón nestas estruturas é necesaria neste proceso. Cando unha raíz crece en forma vertical, os amiloplastos reúnense cerca das paredes inferiores das células centrais. Porén, se a raíz se coloca en posición horizontal, os amiloplastos esvaran cara a abaixo e dispóñense cerca das que previamente eran paredes orientadas en forma vertical. Aos poucos minutos, a raíz comeza a curvarse cara a abaixo e os amiloplastos retornan gradualmente á súa posición orixinal. As raíces ás que se lles eliminaron os amiloplastos son incapaces de responderen á gravidade, o que suxire que o movemento dos amiloplastos é, en realidade, fundamental. No caule, o endoderma parece ser o lugar onde se localizaría a percepción do estímulo.[6]

Tipos de plastos e as súas relacións[editar | editar a fonte]

Os diferents tipos de [plastos.
Interconversións plastidiais.

Proplasto

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Parker, Sybil P., Editor in Chief (1991): Diccionario McGraw-Hill de biología bilingüe Español-Inglés English-Spanish. México: McGraw-Hill/Interamericana de México, S.A. de C.V. ISBN 968-422-136-1.
  2. 2,0 2,1 2,2 Strasburger, E. et al. (1994), p. 473.
  3. stato- no Trésor de la langue française informatisé.
  4. Vocabulario ortográfico da lingua galega, p. 32.
  5. Valla, Juan J. (2007): Botánica. Morfología de las plantas superiores. Buenos Aires, Argentina: Hemisferio Sur. ISBN 950-504-378-3.
  6. 6,0 6,1 Cunis, H., A Schneck & G. Flores (2000): Biología. Sexta Edición. Editorial Médica Panamericana.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Strasburger, E. et al. (1994): Tratado de botánica, 8ª edición castellana. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]