O estado neoinca, coñecido tamén como imperio de Vilcabamba ou reino de Vilcabamba, foi a derradeira entidade política independente liderada pola nobreza inca tras a conquista do imperio inca no século XVI. Xurdiu coma un foco de resistencia indíxena fronte ó dominio español, e era un estado marcado polas tradicións relixiosas e militares do antigo Tahuantinsuyu.[1]
Foi fundado en 1537 por Manco Inca, fillo do emperador Huayna Cápac, quen colaborou inicialmente cos conquistadores españois. Porén, tras sufrir abusos e perder o seu poder, liderou unha gran rebelión contra eles. Tras o fracaso do cerco de Cuzco, Manco Inca retirouse á provincia de Vitcos, onde fundou o asento de Vilcabamba e estableceu un goberno independente.[2]
O reino colapsou en 1572, cando unha expedición española logrou tomar a súa capital. Túpac Amaru I foi capturado e trasladado a Cuzco, onde o executaron publicamente. Este feito marcou o remate da resistencia política organizada dos incas e a consolidación do dominio colonial español nos Andes.