Saltar ao contido

Estadio Nacional Vasil Levski

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estadio Nacional Vasil Levski
Datos
Coordenadas42°41′15″N 23°20′08″L / 42.687583, 23.335444
LocalizaciónSofía, Bulgaria
Construción
Inauguración5 de xullo de 1953
ArquitectoKano Dundakov
Estadio
SuperficieHerba
Dimensións105 x 68 m.
Capacidade43 230
PropietarioMinisterio de Educación Física e Deporte de Bulgaria
OperadoraMinisterio de Educación Física e Deporte de Bulgaria
LocalíaPFC Levski Sofia (1934–1950)
Selección de fútbol de Bulgaria (1950–))
CSKA 1948 Sofia (2016–2021)
Eventos
editar datos en Wikidata ]

O Estadio Nacional Vasil Levski (en búlgaro: Национален стадион „Васил Левски“) é un estadio situado en Sofía, capital de Bulgaria. Recibe o seu nome do revolucionario búlgaro e heroe nacional Vasil Levski, e é o segundo estadio máis grande do país. Conta con capacidade para 43 230 espectadores e atópase no centro da cidade, dentro do parque máis antigo e famoso da cidade, o Borisova gradina. Nel xoga como local a selección de fútbol de Bulrgaria e dispútanse nel as finais da Copa de Bulgaria de fútbol, así como competicións de atletismo. Tamén ten sido usado para partidos da Liga de Campións do Levski Sofía, e adoitan disputarse nel os derbis entre os grandes clubs de Sofía, en lugar dos seus propios estadios.

Antes da creación do actual estadio nacional, outros dous estadios estaban situados no terreo no que este se atopa. Un deles era o estadio do Levski Sofia, chamado Campo Levski (en búlgaro: Igrishte Levski) rematado en 1934, e o outro, o Estadio Yunak, construído en 1928. Este último contaba con capacidade para uns 15 000 espectadores e adoitaba albergar os partidos da selección de fútbol de Bulgaria. O Levski foi compensado pola súa perda cun terreo nos suburbios de Sofía onde se lles permitiu construír un novo estadio, o actual Georgi Asparuhov.

O estadio Vasil Levski completouse en 1953, cunha capacidade anunciada de 42 000 espectadores.[1] Orixinalmente só se construíu o nivel inferior de bancadas (aproximadamente a metade da altura das actuais) e, debido á irregularidade do terreo, o extremo oeste do campo e as bancadas estaban por debaixo do nivel do chan.[2] O anel superior foi construído aproximadamente unha década despois, e as actuais torres de iluminación instaláronse a finais dos anos 60.

Interior do estadio

O estadio Vasil Levski foi usado para competicións de atletismo inmediatamente despois da súa inauguración oficial o 5 de xullo de 1953. O primeiro partido de fútbol que albergou foi un amigable entre o Dinamo Sofía e o FC Wien e, un mes despois, tamén comezou a utilizarse para os partidos de liga. O primeiro encontro internacional foi un partido de clasificación para a Copa do Mundo o 6 de setembro de 1953 contra Checoslovaquia.[3] Foi ampliado en 1966 e renovado en 2002.

Conta tamén con salas de judo, ximnasia artística, baloncesto, boxeo, aeróbic, esgrima e tenis de mesa, así como unha sala de adestramento físico xeral, dúas salas de conferencias e tres restaurantes. Foi sede do Campionato Europeo de baloncesto de 1957, cuxa final entre a Unión Soviética e Bulgaria foi presenciada por 48 000 espectadores.[4] Tamén albergou a Universíada de 1977.

Foi o lugar proposto para as cerimonias de apertura e clausura na candidatura de Sofía para os Xogos Olímpicos de inverno de 2014, que finalmente gañou Sochi.

Concertos

[editar | editar a fonte]

O estadio ten acollido numerosos espectáculos musicais de varias estrelas rexionais e mundiais.

O maior concerto celebrado en Bulgaria e, polo tanto, no estadio Vasil Levski, foi o que ofreceu a estrela iugoslava do folk Lepa Brena o 24 de xullo de 1990 ante 100 000 persoas.[5] Este récord permanece intacto ata a data. A cantante chegou ao estadio aterrando desde o helicóptero directamente ao escenario cunha corda.

A banda estadounidense de thrash metal Metallica realizou un dos maiores concertos de Bulgaria neste estadio en 2008, congregando a 50 000 persoas.[6] A cantante Madonna actuou ante 54 000 persoas no estadio en agosto de 2009, como parte da xira Sticky & Sweet Tour.[7] O 14 de maio de 2010, a banda de rock australiana AC/DC tocou no estadio nacional, diante de case 60.000 fans como parte do Black Ice World Tour.[8]

Os chamados "Catro Grandes do Thrash Metal" (Metallica, Megadeth, Slayer e Anthrax) actuaron xuntos durante o Festival Sonisphere de 2010. A actuación foi retransmitida en máis de 450 salas de cine dos Estados Unidos, Europa, Canadá e América do Sur o 22 de xuño de 2010. O vídeo en directo foi publicado máis tarde en DVD e Blu-ray en outubro de 2010, co título The Big 4 Live from Sofia, Bulgaria.[9]

Actuaron tamén no estadio ante grandes multitudes outras bandas e artistas como Rammstein, Guns N' Roses, Bon Jovi ou Slavi Trifonov.

  1. Naroden Sport, número 964. 3 de xullo de 1953 (en búlgaro).
  2. "V. Levski and Druzhba stadiums (1960s)". lostbulgaria.com (en búlgaro). Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2013. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  3. Naroden Sport, Números 967 e 983, 13 de xullo e 7 de setembro de 1953 (en búlgaro).
  4. "EuroBasket History - The 50’s". Federación Internacional de Baloncesto (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  5. "Serbia's Pop Folk Legend Lepa Brena to Thrill Bulgarian Fans in April" (en búlgaro). 27 de marzo de 2008. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  6. "50,000 Await Metallica Concert in Sofia" (en inglés). 25 de xullo de 2008. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  7. "Madonna ‘Takes A Bow’ As Final Show Of Record-Smashing ‘Sticky & Sweet’ Tour Ends In Israel" (en inglés). 2 de setembro de 2009. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  8. "Fri. 14 May 2010 : Sofia, Bulgaria (Vasil Levsky National Stadium)". ac-dc.net (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  9. "The Big 4: Live From Sofia, Bulgaria". Discogs (en inglés). Consultado o 23 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]