Esquí nórdico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anna Haag no Campionato do Mundo de esquí nórdico 2011 en Oslo

O esquí nórdico engloba os distintos tipos de esquí en que a punta da bota está fixada de xeito que permite que o talón se eleve do esquí,[1] a diferenza do esquí alpino, en que a bota está unida ao esquí dende os dedos ao talón. As disciplinas recreativas inclúen o esquí de fondo e o telemark.

Os eventos olímpicos son o esquí de fondo competitivo, o salto de esquí e a combinación nórdica, un evento que combina o esquí de fondo e os saltos. Os Campionatos do Mundo de Esquí Nórdico da Federación Internacional de Esquí (FIS) acollen estes deportes cada ano impar,[2] mais tamén hai campionatos separados noutros eventos, como telemark[3] e saltos de esquí. O bíatlon combina o esquí de fondo e o tiro con rifle, mais non está incluído como disciplina nórdica segundo as regras da FIS, senón que está baixo a xurisdición da Unión Internacional de Bíatlon.[4]

A biomecánica do esquí de fondo competitivo e do salto de esquí foi obxecto de serios estudos. O esquí de fondo require forza e resistencia e o salto de esquí require eficiencia aerodinámica; os dous requisitos tradúcense en habilidades específicas[5] que se optimizan no adestramento e na competición.[6]

Orixe[editar | editar a fonte]

O esquí recreativo comezou con probas de esquí e carreiras organizadas polas infanterías norueguesa e sueca. As carreiras e os exercicios militares incluían descensos por terreos accidentados, prácticas de tiro mentres esquiaban costa abaixo e esquí de fondo de 3 km coa mochila militar chea.[7] Slálom (en noruegués: slalåm) é unha palabra de orixe norueguesa que entrou no vocabulario internacional do esquí. Na década de 1800 os esquiadores da rexión de Telemark desafiábanse mutuamente en "pendentes salvaxes" (ville låmir), mentres que as pendentes máis suaves tiñan o adxectivo "sla". Algunhas carreiras eran en "cursos accidentados" (kneikelåm) e ás veces incluían "saltos empinados" (sprøytehopp) por dificultade. Estas carreiras do século XIX en Telemark tiñan lugar en camiños particularmente difíciles, xeralmente dende unha montaña empinada, por tobogáns de madeira e remataban cun xiro pronunciado ("xiro de Telemark") nun campo ou lago xeado.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Crego, Robert (2003). Sports and Games of the 18th and 19th Centuries. Sports and games through history. Greenwood Publishing Group. pp. 274. ISBN 9780313316104. 
  2. "Rules for the Organization of FIS World Championships" (PDF). fis-ski.com. International Ski Federation. 2015. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de maio de 2017. Consultado o 2016-11-08. 
  3. "The International Ski Competition Rules (ICR)—Joint Regulations for Telemark" (PDF). fis-ski.com. International Ski Federation. 2016. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de maio de 2017. Consultado o 2016-11-08. 
  4. Müller, Erich, ed. (2012). Science and Nordic Skiing V (en inglés) 5. Meyer & Meyer Verlag. p. 700. ISBN 9781841263533. 
  5. Linnamo, Vesa, ed. (2007). Science and Nordic Skiing (en inglés). Meyer & Meyer Verlag. p. 304. ISBN 9781841262291. 
  6. Prokop, Dave, ed. (1975). Training for Nordic Skiing (en inglés). World Publications. p. 95. ISBN 9780890370520. 
  7. Bergsland, Einar (1946): På ski. Oslo: Aschehoug.
  8. Bø, Olav (1993). Skiing throughout history. Oslo: Samlaget. ISBN 8252138853.