Saltar ao contido

Espertar nacional estoniano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espertar nacional estoniano
Instancia deperíodo histórico Editar o valor en Wikidata
Localización
PaísEstonia e Imperio Ruso Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

O espertar nacional estoniano (en estoniano: Ärkamisaeg) foi un período histórico onde os estonianos comezaron a recoñecerse como unha nación que merece o dereito de gobernarse a si mesma. Considérase que este período comeza na década de 1850 con maiores dereitos concedidos aos plebeos e que remata coa declaración da República de Estonia en 1918. Ás veces, o termo tamén se aplica ao período ao redor de 1987 e 1988.[1]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]
Carl Robert Jakobson.

Ao longo da historia, a situación xeográfica e a pouca poboación impediron aos estonianos repeler as invasións estranxeiras. Por iso, a súa seguridade e existencia física estaban constantemente ameazadas. Polo tanto, a conciencia nacional dos estonianos estaba orientada cara á autoconservación da nación.[2] A abolición da servidume nas provincias bálticas entre 1816-1819,[3] seguida das reformas agrarias e do desenvolvemento do sistema educativo baixo o emperador Alexandre II na segunda metade do século contribuíron ao xurdimento do movemento nacional estonio.

Na década de 1860, se lles recoñeceu o dereito aos campesiños da compra de terras[4] e se lanzaron a comprar granxas en masas aos propietarios de terras en Estonia; de tal xeito que, a finais do século XIX, os campesiños posuían máis do 80% das terras agrícolas no sur de Estonia e o 50% das terras agrícolas no norte de Estonia. Como resultado deste proceso, os agricultores independentes convertéronse na principal forza económica e socialmente activa da sociedade estonia. A discriminación na toma de decisións políticas por parte dos grupos dominantes (o goberno ruso e a nobreza do Báltico) animou á intelectualidade nacional e á clase media emerxentes a formar a súa propia identidade nacional estonia.[5][6]

Aínda que a conciencia nacional de Estonia se estendeu no transcurso do século XIX,[7] certo grao de conciencia étnica na clase media alfabetizada precedeu a este desenvolvemento.[8] No século XVIII a autodenominación eestlane (estoniano) xunto coas antigas maarahvas (xente do campo) espallouse entre os estonianos nas daquela provincias de Estonia e Livonia do Imperio Ruso.[9] A Biblia traduciuse en 1739, e o número de libros e folletos publicados en estoniano aumentou de 18 na década de 1750 a 54 na década de 1790. A finais do século XVIII máis da metade da poboación masculina adulta rural do país era quen de ler, e a taxa de alfabetización nas zonas urbanas xa era significativamente máis alta. Os primeiros intelectuais con formación universitaria que se identificaron como estonianos, incluíndo Friedrich Robert Faehlmann (1798–1850), Kristjan Jaak Peterson (1801–1822) e Friedrich Reinhold Kreutzwald (1803–1882) acadaron prominencia na década de 1820. A elite gobernante seguiu a ser predominantemente alemá na lingua e na cultura dende a conquista de comezos do século XIII.

Espertar nacional

[editar | editar a fonte]

Principais figuras

[editar | editar a fonte]

Garlieb Merkel (1769–1850), un alemán do Báltico estoniófilo, foi o primeiro autor en tratar os estonianos explicitamente como unha nacionalidade igual ás demais; converteuse nunha fonte de inspiración para o movemento nacional estoniano, inspirado no mundo cultural alemán báltico antes de mediados do século XIX. Porén, a mediados do século, os estonianos, con líderes como Carl Robert Jakobson (1841–1882), Jakob Hurt (1839–1907) e Johann Voldemar Jannsen (1819–1890), fixéronse máis ambiciosos nas súas demandas políticas e comezaron a inclinarse máis cara aos fineses e o seu exitoso movemento nacional e, en certa medida, aos veciños letóns.

Adoita considerarse a Jakob Hurt (1839-1906), o fundador da ideoloxía nacionalista, quen defendía que a misión do movemento debía ser cultural e non política. A súa opinión quedou consensada deste xeito: "Postp que non podemos ser grandes en forza ou número, podemos chegar a sermos grandes en cultura". Así, o movemento axiña se dirixiu contra a estrutura estamental da sociedade, a xermanización e a rusificación dos estonianos.[10] En 1857, Johann Voldemar Jannsen, foi o primeiro en usar a expresión pobo estonio (Eesti rahvas), en troques do antigo nome propio xente da terra ou xente da aldea (Maarahvas). En 1863, mudouse de Parnü a Tartu e fundou a sociedade cultural Vanemuine e o primeiro xornal en estoniano Perno Postimees.[11]

Carl Robert Jakobson, cabeza da facción máis radical, editou o primeiro periódico político en lengua estoniana, Sakala (publicado en 1878-1882). Foi el quen formulou o programa económico e político do movemento nacionalista ao esixir que os estonianos tivesen os mesmos dereitos políticos cós alemáns nos órganos representativos e vía no goberno tsarista ruso un aliado fronte a estes.[10]

Movemento cultural

[editar | editar a fonte]

Algúns logros significativos foron a publicación da épica nacional, Kalevipoeg en 1862, e a organización do primeiro festival nacional de cancións en 1869, iniciativa esta de Jannsen. A finais da década de 1860, os estonianos non querían reconciliarse coa hexemonía cultural e política alemá. Antes dos intentos de rusificación entre os anos 1880 e 1890, a súa visión da Rusia Imperial seguía sendo positiva.[8]

Friedrich Reinhold Kreutzwald le o manuscrito de Kalevipoeg. Pintura de Johann Köler.

En 1881, dezasete sociedades estonianas, nun memorando inspirado por Carl Robert Jakobson, pediron ao emperador Alexandre III de Rusia a introdución de institucións "'zemstvo" (que xa existían na maioría das partes do Imperio), con representación igualitaria para os estonianos e os alemáns do Báltico e a unificación administrativa das áreas etnicamente estonianas. Postimees, o primeiro xornal estoniano, comezou a publicarse en 1891. Segundo o censo de 1897, os estonianos tiñan a segunda taxa de alfabetización máis alta no Imperio Ruso despois dos fineses no Gran Ducado de Finlandia (o 96,1% da poboación de fala estoniana das Gobernacións do Báltico de 10 anos ou máis, e aproximadamente a mesma proporción entre homes e mulleres).[8][12] As cidades se "estonizaron" axiña, e en 1897 os estonianos étnicos supoñían os dous terzos da poboación urbana total de Estonia.[8]

En resposta a un período de rusificación iniciado polo Imperio Ruso na década de 1880, o nacionalismo estoniano tomou aínda máis un ton político, cos intelectuais que reclamaban unha maior autonomía. Cando a Revolución Rusa de 1905 arrasou Estonia, os estonianos pediron liberdade de prensa e reunión, sufraxio e autonomía nacional.[13] Os logros estonianos foron mínimos, mais a tensa estabilidade que imperou entre 1905 e 1917 permitiu aos estonianos avanzar na aspiración de ser un país. Despois da Revolución de febreiro de 1917, as terras de Estonia uníronse por primeira vez nunha unidade administrativa, a Gobernación autónoma de Estonia. Despois da revolución bolxevique en 1917, e da seguinte exitosa invasión do alemá á Rusia Soviética, Estonia declarouse nación independente o 24 de febreiro de 1918.

  1. Kutsar, D. (1995). "Social change and stress in Estonia" . International Journal of Social Welfare 4.2, pp. 94–107.
  2. Карьяхярм (Karyaharm) (2008), pp. 9-10
  3. Misiunas, Romuald J.; Bater, James H. (15 de abril de 2025). "History of Estonia. Russian conquest". britannica.com (en inglés). Consultado o 18 de abril de 2025. 
  4. "ЭСТОНИЯ. Эстонское национальное движение.". krugosvet.ru (en ruso). 2025. Consultado o 18 de abril de 2025. 
  5. Misiunas, Romuald J.; Bater, James H. (15 de abril de 2025). "History of Estonia. Estonian national awakening". britannica.com (en inglés). Consultado o 18 de abril de 2025. 
  6. O'Connor (2010), p. 50
  7. Gellner, Ernest (1996). "Do nations have navels?" Nations and Nationalism 2.2, 365–370.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Raun, Toivo U. (2003). "Nineteenth- and early twentieth-century Estonian nationalism revisited" . Nations and Nationalism 9.1, 129–147.
  9. Ariste, Paul (1956). "Maakeel ja eesti keel". Eesti NSV Teaduste Akadeemia Toimetised 5: 117–124.
  10. 10,0 10,1 "Национальное пробуждение". estonica.org (en ruso). 11 de setembro de 2022. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2022. Consultado o 18 de abril de 2025. 
  11. Kraszewski (2005), p. 41
  12. Kappeler, Andreas. Rußland als Vielvölkerreich: Entstehung, Geschichte, Zerfall. Múnic: C.H. Beck, 1992. ISBN 3-406-47573-6
  13. Raun, Toivo U. (1984) The Revolution of 1905 in the Baltic Provinces and Finland. Slavic Review 43.3, 453–467.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]


Bibliografía

[editar | editar a fonte]