Esperanza e gloria (en inglés:Hope and Glory) é un filme británico-estadounidense de 1987 escrito, producido e dirixido por John Boorman e baseado na súa propia experiencia crecendo durante o Blitz no Londres da segunda guerra mundial.[1][2] O título derívase da canción patriótica tradicional británica "Land of Hope and Glory" e conta a historia da familia Rowan a través dos ollos do fillo, Billy.
Esperanza e gloria foi un éxito de crítica e público; gañou o Globo de Ouro ao mellor filme (comedia ou musical) e recibiu cinco candidaturas aos premios Óscar, incluídas as de mellor filme, mellor director e mellor guión orixinal. Tamén obtivo trece candidaturas aos premios da BAFTA, gañando o de mellor actriz secundaria (Susan Wooldridge).
Comezando xusto antes do inicio da segunda guerra mundial, o filme conta a historia da familia Rowan: Billy, as súas irmás Sue e Dawn, e os seus pais Grace e Clive, que viven nun suburbio de Londres. Despois do comezo da guerra, Clive únese ao exército, deixando a Grace soa para ocuparse dos nenos. Ela case envía a Billy e a Susie fóra de Londres, mais no último segundo na beiravía do tren dáse de conta que non pode soportar estar separada deles. Así é como Billy pasará o resto da guerra en Londres.
A ollos do neno de dez anos, os "fogos de artificio" do Blitz cada noite resultan tan excitantes como terroríficos. A súa familia non ve as cousas do mesmo xeito segundo as bombas continúan a caer, pero a súa ansia de supervivencia lévaos a achegarse.
O decorado principal do filme construíuse nunha pista en desuso do antigo aeródromo de Wisley en Surrey e outras escenas do río foron rodadas preto de Shepperton Lock.[4]
Esperanza e gloria recibiu críticas positivas no momento da súa estrea e foi considerado un dos mellores filmes de 1987 por máis de cincuenta críticos.[5] O filme foi recibido favorablemente por Pauline Kael na súa colección de artigos Hooked.[6]
↑Corliss, Richard (19 de outubro de 1987). "War Dreams: Hope and Glory". Time. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2013. Consultado o 24 de setembro de 2008.