Espelta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A espelta ou trigo vermello (Triticum spelta), é unha especie común de cereal do xénero Triticum. Pertence aos trigos hexaploides pola presenza na súa conformación de 21 cromosomas. É un cereal adaptado a climas duros, húmidos e fríos.

A espelta provén da escanda brava (Triticum dicoccoides Kór.): cruzamento natural (hibridación) entre Triticum boeticum Boiss e, posibelmente, Aegilops speltoides Tausch, presentes no próximo Oriente e documentado dende hai 7 milenios - en xacementos arqueolóxicos do Iraq, Israel e Turquía (Harlan, 1976)-. Espallouse axiña polo Mediterráneo e na Península Ibérica foi explotada dende os mesmos inicios da agricultura, hai uns 5 milenios (Hopf, 1987).

Dende a Idade Media cultívase en Galicia, Asturias, Suíza, o Tirol e no sur de Alemaña. A famosa abadesa St. Hildegarda de Bingen escribe sobre a espelta no seu libro Liber Simplicis Medicinae: "A espelta é o mellor gran. É nutritivo e mellor tolerado que calquera outro gran. A espelta fornece a quen a come de todos os nutrientes para ter unha óptima saúde e aporta unha mente feliz. Non importa como se tome, xa sexa como pan ou doutro xeito, porque é boa e doada de dixerir".

A colleita por hectárea é inferior á do trigo e o procesamento é máis difícil, mais atura un clima máis rudo e é máis resistente contra enfermidades. Con todo, no século XX diminuíu o seu cultivo, por ter un mao rendemento. No sur de Alemaña coléctase parte da produción de espelta crúa para despois torrala. Úsase para a preparación de pans, cervexas, vodkas,[1] potaxes e albóndegas vexetarianas.

Nos últimos anos a espelta aos poucos vai retomando o sona, en particular na sección biolóxica. Unha das razóns é que os alérxicos aprecian que conteña menos glute e tamén a presenza de ácidos graxos omega-3, omega-6 e omega-9, ademais de minerais.[2] Hai moitos cruzamentos da espelta co trigo común[3], mais para utilizar a espelta como substituto do trigo esta ten que ser pura. O seu consumo orixina menos alerxias ca o trigo, porén ao conter tamén glute, de ningunha maneira é apta para celíacos.

Contido nutritivo[editar | editar a fonte]

Valor enerxético: 1415 KJ/338 Kcal por 100 g

Substancia Cantidade
Auga 11,02 g
Proteína 14,57 g
Graxa 2,43 g
Glícido 70,19 g
Fibra 10,7 g
Sodio 3,0 mg
Potasio 447 mg
Calcio 22 mg
Fósforo 401 mg
Magnesio 136 mg
Ferro 4,44 mg
Cinc 3,28 mg
Flúor 0,06 mg
Vitamina E 0,79 mg
Vitamina B1 0,36 mg
Vitamina B2 0,11 mg
Vitamina B3 6,84 mg
Vitamina B6 0,23 mg
Vitamina B9 45 μg

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2017. Consultado o 06 de febreiro de 2013. 
  2. NUTRITIONAL VALUE AND BAKING APPLICATIONSOF SPELT WHEAT
  3. P. Bertin, D. Grégoire, S. Massart, D. de Froidmont: „High level of genetic diversity among spelt germplasm revealed by microsatellite markers“. En: Genome. 47, 2004, S. 1043–1054

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]