Éxodo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Moisés na escultura de Michelangelo Buonarrotti.

O Éxodo é o segundo libro tanto da Tanakh, que está nun conxunto chamado Torá, coma da Biblia, que está nun conxunto doutros catro libros chamado Pentateuco. Narra a fuxida de Exipto do pobo hebreo (neste libro chamado con moita frecuencia pobo de Israel ou fillos de Israel) para alcanzar A Terra Prometida. O libro acaba cando Moisés, o líder deste pobo, comeza a impoñer a lei que lle é revelada directamente por Deus. A viaxe dos hebreos continúa nos seguintes libros do Pentateuco, o Levítico, e Números, e non remata ata o final do último libro do Pentateuco, o Deuteronomio, que a partir de aquí comezan a establecerse na ansiada Terra Prometida.

Preludio do Éxodo[editar | editar a fonte]

Os fillos de Xacob e el mesmo establecéranse en Exipto fuxindo da seca que asolaba o seu país, e foron acollidos con hospitalidade grazas á influencia do fillo de Xacob Xosé. Os seus fillos asentáronse e tiveron moitos descendentes, tantos que chegaron a inquietar moitos exipcios.

Un novo monarca alcanzou o poder en Exipto e, temoroso de que os fillos de Israel chegasen a ser máis fortes e máis poderosos que o pobo exipcio, comezou a ditar leis co fin de debilitar a fortaleza do pobo de Israel. Fíxoos os seus escravos, e mandounos traballar en durísimos traballos.

Pero sendo escravos os hebreos seguían sendo perigosos para Exipto, así que o Faraón ditou ante o seu pobo: todo fillo que naza dos hebreos arroxarédelo ó río, en cambio, a toda filla deixarédela con vida.

A xuventude de Moisés[editar | editar a fonte]

Os servos do Faraón entraron en tódalas casas do pobo hebreo, matando a todo fillo home das familias dese pobo. Un só neno, que sería Moisés, sobreviviu a esa matanza, pois foi ocultado durante tres meses para impedir que fose exterminado coma os demais nenos da súa xeración. Como a súa nai non puido ocultalo máis tempo, calafateou unha cesta de papiro, meteu nela ó neno e colocouna nun xuncal do Nilo.

A corrente do río leva ó pequeno Moisés ata o lugar onde se estaba bañando a filla do Faraón en compaña das súas doncelas. A filla do Faraón atopa o neno, e tras comprobar que é hebreo, compadécese del e decide coidalo. A ama de cría que encontra é a propia nai do neno, á que lle da un salario a cambio de aleitalo. Cando Moisés medra, a súa nai dállo á filla do Faraón. É agora cando a Moisés lle é dado o seu nome, que significa chegado das augas.

Moisés vive na corte do Faraón, onde recibe a educación dun príncipe exipcio, aprendendo a escritura e tendo así acceso a toda a sabedoría do pobo exipcio. Moisés convértese nun mozo forte, de temperamento impulsivo e corazón apaixonado.

O Moisés de mozo viaxou ata onde o pobo hebreo traballaba nunha obra do faraón e observou as terribles condicións de vida nas que vivía o seu verdadeiro pobo. Moisés, coñecedor de cales eran as súas orixes, viuse apoderado pola tristeza. O príncipe de Exipto estalou de rabia cando veu un exipcio darlle azoutas a un hebreo, e matouno ao se afastar aquel da xente.

O éxodo particular de Moisés[editar | editar a fonte]

Tras cometer ese crime, Moisés fuxiu de Exipto, e refuxiouse nun país desértico chamado Madian. Moisés sentou nun pozo, e veu chegar a unhas mulleres, que viñan a sacar auga do pozo para o seu gando. Nese momento chegaron uns pastores que as botaron para ser eles os primeiros en sacar auga. Moisés levantouse para defendelas, e levou o gando das mulleres para darlle de beber. As mulleres eran as fillas de Xetró, o sacerdote de Madian.

Cando Xetró soubo o que Moisés fixera polas súas fillas, mandou chamalo para agradecerllo. Moisés foi levado á presenza de Xetró. Curiosamente, este home coñecía a Iavé, o que lle permitiu a Moisés coñecer e adoptar a relixión dos seus verdadeiros familiares.

Xetró ofreceu en matrimonio a Moisés unha das súas fillas, chamada Séfora, e tivo con ela un fillo ó que chamaron Xersom.

Deus maniféstase[editar | editar a fonte]

Un día en que Moisés apacentaba o rabaño de Xetró no pé do monte Horeb, a pouca distancia da fronteira exipcia, veu arder unha silva sen consumirse, e unha voz chamou por el. Moisés acercouse, e a voz, que resultaba ser de Deus, díxolle que tiña que liberar o pobo de Israel e que non temese ós perigos, pois El estaría da súa parte. Deus díxolle tamén que levase con el ó seu irmán Aarón.

Moisés leva consigo a Aarón ata o palacio do novo faraón (hoxe crese que este faraón puideron ser Ramsés II ou Thutmose III, pois o que gobernaba cando Moisés fuxira xa morrera, a quen lle é pedido a liberación de Israel, pero o faraón non o acepta. Moisés intenta demostrar o poder de Deus coa súa caxata, que coloca no chan e se transforma nunha serpe. Os sacerdotes exipcios tamén transforman en serpes as súas caxatas, mais a serpe de Moisés engole as outras dúas e volvese a transformar nunha caxata. A pesar de todo, os exipcios seguiron negando a liberación de Israel.

As dez pragas[editar | editar a fonte]

Deus foille dicindo a Moisés algunhas maldicións que debía recitar Aarón. Un total de dez maldicións transformáronse en pragas que asolaron Exipto co fin de forzar a liberar Israel ó Faraón. As primeiras pragas eran recitadas por Aarón, mais as seguintes viñan a Exipto ó levantar Moisés o seu brazo. As pragas foron as seguintes:

  • Transformación da auga do Nilo en sangue.
  • Praga de ras.
  • Praga de mosquitos.
  • Praga de tabáns (insectos parecidos ás moscas).
  • Morte do gando exipcio.
  • Aparición de chagas na xente e nos animais exipcios.
  • Tormentas de saraiba.
  • Praga de lagostas.
  • Escuridade que se estendeu en Exipto e que non permitiu ver nada en tres días.
  • Última praga.

A saída de Israel[editar | editar a fonte]

O Faraón foi avisado do terrible que sería a última praga: ... así di Iavé: cara media noite sairei a través de Exipto e morrerá en terra exipcia todo primoxénito, desde o primoxénito de Faraón que se senta no seu trono ata o primoxénito da escrava que se afana trala mula, e todos os primoxénitos do gando (...). Moisés abandona o palacio do Faraón e marcha xunta ós hebreos. Advertiulles que aproveitaran o sangue dos cordeiros recentemente sacrificados para pintar con el as portas, pois Deus pasaría por de largo das casas pintadas, mentres que entraría nas que non estiveran pintadas.

Tal como dixo Moisés, a media noite a última praga maldiciu a Exipto, e non houbo casa neste país na que o primoxénito non morrera. O Faraón fixo chamar a Moisés e a Aarón e díxolles que podían marchar: ¡Levantádevos, saíde de en medio do meu pobo, tanto vos como os fillos de Israel, e marchade a dar culto a Iavé como dixestes! Tomade así o voso gando menor como o voso gando maior, segundo indicastes, e bendicídeme a min tamén.

A saída de Exipto[editar | editar a fonte]

Os hebreos saíron das súas casas e dos seus traballos, e desde todo o país de Exipto reuníronse con Moisés. Os hebreos parten da cidade de Rameses e seguen o camiño polo deserto que hai máis aló da ribeira do Nilo, pero ó chegar á costa do Mar Vermello, vendo xa a costa da península do Sinaí na outra ribeira do mar, chega o Faraón e os mellores soldados do seu exército, dispostos a non deixar marchar ó pobo de Israel. Os hebreos collen medo e comezan a fuxir do lugar.

Pero Moisés manda calmarse ó seu pobo, convencido de que Deus volvería a prover. E así foi: baixou do ceo unha nube de tebras que separou a hebreos de exipcios e Iavé retirou o mar mediante un recio vento que soprou toda a noite tras apoiar Moisés a súa caxata sobre o mar. Ó amencer as augas estaban formando coma un muro á súa dereita e á súa esquerda, quedando entre elas un camiño seco. Moisés apresurouse a chamar ós hebreos para cruzalo, mais pouco despois as tebras que envolvían ós exipcios disipáronse e os exipcios lanzáronse nos seus carros sobre Israel. As rodas dos seus carros se afundiron no barro, así que tiveron que retirarse deles. Pouco despois, Moisés apoiou novamente a súa caxata na outra ribeira do mar, e as augas volvéronse a xuntar, e os exipcios, os seus carros e as súas monturas foron engulidas polas augas.

O sustento de Deus ó pobo de Israel[editar | editar a fonte]

A marcha dos hebreos polo deserto e lenta e penosa, debido a que a calor do deserto ven acompañada da diminución das reservas de auga. Nun lugar chamado Marah atopan un pozo, pero as súas augas son amargas e a gorxa da xente que bebe delas irrítase ó tomala. Non obstante, Deus converte esa auga en doce e a xente pode beber.

Pero a auga non pode saciar ó pobo de Israel, e a xente comeza a recordar a súa vida en Exipto, onde eran escravos, pero tiñan sempre de comer e tódolos días se saciaban. O pobo empeza a rebelarse contra Moisés, pero Deus fala de novo a Moisés para que diga á xente: ó atardecer comeredes carne e á mañá saciarédesvos de pan. ¡Coñeceredes entón que Eu son Iavé, Deus voso!.

Así foi: pola tarde, enormes bandadas de codornices cubriron os ceos, e Israel puido comer carne. E pola mañá, había unha capa de orballo arredor do campo. Evaporada a capa de orballo, apareceu sobre a superficie do deserto unha cousa delgada a modo de escamas, delgada coma a xeada sobre a terra. Ó vela os fillos de Israel, dixéronse uns ós outros: ¿que é? E Moisés dixo: É o pan que Iavé vos da para alimento.

Os hebreos chamaron maná a aquel pan. O maná deixaba un sabor doce coma o mel. Cada un puido coller canto necesitaba, acorde co seu apetito. Algúns desconfiaron de Deus e gardaron maná en vasillas, por se El non volvía a enviar maná. Moisés convenceunos de que Deus provería a diario, mais algúns non fixeron caso. Ó día seguinte, comprobaron que Moisés tiña razón en dicilo, pois o maná que gardaran criara vermes e ulía mal.

Os rebeldes a Moisés non estaban contentos co pan que Deus lles entregaba a diario, e agora queixábanse da falta de auga. Seguindo as indicacións de Deus, Moisés e algúns anciáns foron ata unha rocha en Horeb, e cando a golpeou coa súa caxata, comezou a manar auga dela. Por fin, as penalidades pararon de afectar ós hebreos.

Os triunfos de Israel sobre as tribos do deserto[editar | editar a fonte]

A presenza de Israel pola península do Sinaí incomodara ós pobos que vivían alí, e un dos reis dese pobo, Amaleq, levou ós seus servos onde estaban os campamentos hebreos, os cales rodearon. Moisés dixo a un xove chamado Xosué que reunira a uns homes e que saíse a combater as tropas de Amaleq.

Xosué e os homes que escolleu foron combater a mañá seguinte, e Moisés foi ó cume dun cerro coa súa caxata. Cando Moisés sostiña os seus brazos en alto, os hebreos gañaban terreo, pero cando os abaixaba, retrocedían. Moisés estaba xa alcanzado en anos e non puido seguir levantando máis os brazos, polo que Aarón e outro home chamado Hur o sentaron nunha pedra e sostivéronlle os brazos todo o tempo que durou o combate, que durou todo o día, do amencer ó atardecer. Grazas a isto, Xosué venceu ós amalequitas e os exterminou.

As fazañas de Israel son admiradas por tódalas tribos do deserto. Xetró, o sogro de Moisés, non sabía que o seu xenro acaudillaba ós hebreos, e cando o soubo, tomou o seu gado e foi ó Monte Sinaí, onde moraba Iavé, pois estaba seguro de que Moisés pasaría por este lugar.

A chegada ó Sinaí[editar | editar a fonte]

Moisés saíu ó encontro do seu sogro ó chegar ó monte Sinaí, e contoulle todo o que lle pasara desde que abandonara a súa casa. Xetró aconsellou a Moisés que crease un sistema de goberno para aplacar o seu caótico pobo. Moisés elixiu entón a algúns xuíces, os cales mandarían sobre as tribos hebreas ata que fose proclamada a monarquía entre eles, varios séculos despois.

Un día, Moisés escoitou a voz de Iavé, que lle mandaba reunirse con el no monte Sinaí. Moisés subiu a montaña, en medio dun conxunto de fenómenos naturais, mostra do poder de Iavé. Iavé dixo entón a Moisés os Dez Mandamentos, entre outras leis, cuxo ditado se prolongou corenta días e corenta noites.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazón externa[editar | editar a fonte]

Libro anterior:
Xénese
Éxodo
(Pentateuco)
Libro seguinte:
Levítico