Áster (bioloxía celular)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o xénero de plantas ver Aster.
O diagrama mostra a organización dun fuso mitótico típico dunha célula animal. Os cromosomas están unidos aos microtúbulos cinetocóricos por medio duns complexos multiproteicos chamados cinetocoros. Os microtúbulos polares interdixítanse coa zona central do fuso e empurran os polos do fuso separándoos por medio de proteínas motoras. Os microtúbulos astrais ancoran os polos do fuso á membrana celular. A polimerización de microtúbulos é nucleada polo centro organizador de microtúbulos (centrosoma).

O áster en bioloxía celular é unha estrutura formada por microtúbulos, chamados microtúbulos astrais, que se dispoñen radialmente lembrando a forma dunha estrela, que se orixina arredor do centrosoma durante a mitose das células animais.[1] Os raios astrais irradian da zona do material pericentriolar (centrosfera) do centrosoma. Son un dos tipos de microtúbulos, xunto cos microtúbulos cinetocóricos e os polares.

O áster ancora o fuso á membrana plasmática, e nalgunhas células a posición dos microtúbulos dos ásteres determina o punto da división celular[2]. Os microtúbulos do fuso ancoran e arrastran os cromosomas durante a mitose.

O centro organizador de microtúbulos da célula vexetal, equivalente ao centrosoma, non ten ásteres, polo que se di que a mitose vexetal é anastral.

Microtúbulos astrais[editar | editar a fonte]

O áster está formado por microtúbulos astrais, que son unha subpoboación de microtúbulos, que só existe durante e inmediatamente antes da mitose. Están definidos como microtúbulos que se orixinan no centrosoma e que non están conectados aos cinetocoros dos cromosomas.[2] Algúns deles son curtos e conectan coa membrana plasmática, e outros crecerán cara ao outro polo da célula orixinando os microtúbulos polares. Os microtúbulos astrais (feitos de tubulina) desenvólvense en medio do esqueleto de actina e interaccionan co córtex celular para axudar á orientación do fuso acromático. Están organizados en forma radial arredor dos centrosomas. O grao de reciclaxe desta poboación de microtúbulos é maior ca a de calquera outra poboación. Os microtúbulos do fuso son pois: os do áster, curtos que conectan coa zona cortical da célula, os polares longos, e os cinetocóricos, que conectan cos cromosomas.

A función dos microtúbulos astrais é axudada por proteínas dineínas específicas. Estas dineínas teñen as súas cadeas lixeiras (porción estática) unidas á membrana celular, e as súas partes globulares (porcións dinámicas) unidas aos microtúbulos. As cadeas globulares intentan moverse cara ao centrosoma, pero, como están unidas á membrana celular, isto ten como resultado que empurran os centrosomas cara á membrana, axudando así á citocinese.[2]

Os microtúbulos astrais non se requiren para a progresión da mitose, pero son necesarios para asegurar a fidelidade do proceso. A función dos microtúbulos astrais pode en xeral ser considerada como a determinación da xeometría celular. Requírense para o correcto posicionamento e orientación do aparato do fuso mitótico. Tamén están implicados na determinación do sitio da división celular baseado na xeometría e polaridade da célula.

O mantemento dos microtúbulos astrais depende da integridade do centrosoma. Tamén depende de varias proteínas asociadas aos microtúbulos como EB1 e APC.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Campbell, Neil A,; Reece, Jane B. (2005). Biology (7th ed.). San Francisco, CA: Benjamin Cummings. ISBN 0-8053-7171-0. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Alberts et al. Mitosis Citocinesis, Molecular Biology of the Cell, 4th Edition.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]