Xerundio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O xerundio é unha forma infinita do verbo, que ten un valor aspectual imperfectivo, isto é, presenta a acción na súa fase central, no seu desenvolvemento. Aínda que só presenta morfema de aspecto, dialectalmente (en dúas parroquias do concello de Rianxo) e na linguaxe literaria pode presentar morfema de persoa e número na 1ª e 2ª persoa de plural[1]

Valores[editar | editar a fonte]

Modalmente, a acción expresada pode ser real ou irreal:

  • Tendo esa sorte, eu estaría contentísima
  • Apurando moito, chegou á estación a tempo

Temporalmente a acción expresada pode ser:

  • Anterior ao do verbo principal: Pensándoo antes, agora non terías que lamentarte
  • Simultánea ao do verbo principal. É o máis frecuente: Chegaron cantando
  • Posterior ao do verbo principal: É o caso máis raro e nestes casos a acción é inmeditamente posterior e coincidirán o suxeito dos dous verbos: En chegando á casa, atopeime con Ana

Por outra banda, as construcións de participio poden expresar os seguintes valores:

Anteposto ao verbo principal:

  • Temporal: Chegando á casa, comezou a chover
  • Condicional: Contándollo nós antes, non se decataría por terceiras persoas
  • Causal: Nevando como neva, ninguén se vai arriscar a saír
  • Concesivo: Aínda sendo unha muller tan ocupada, ten tempo para as súas amizades

Posposto ao verbo principal:

  • Consecutivo: Houbo un accidente na entrada da cidade, provocando grandes retencións de tráfico

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ¿Hai tamén xerundio conxugado como sucede nalgún dialeuto portugués? Un amigo, Arturo Reguera, indícame o seguinte testo de Castelao: "Voltándomos ó cimeterio..." ("Un ollo de vidro"). ¿Haino en Rianxo, terra do gran prosista? A lebre queda levantada
    Alonso Montero, Xesús (1966). "Ensayo de bilingüística: Galego e castelán frente a frente". Grial (13): 330.