Voz en off

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A expresión voz en off denomina a técnica de produción onde se retransmite unha voz non pronunciada visualmente diante da cámara. A voz en off pode ser de alguén que tamén aparece en pantalla noutros segmentos ou pode ser interpretada por un actor de voz especialista. Un bo exemplo de voz en off sería a narración explicativa dun documental. É un elemento extradiexético, é dicir, que non se corresponde coa realidade, no sentido de que non escoitamos voces en off na vida diaria.

Alén do cinema e televisión, pódese aplicar tamén na radio, no teatro... O seu significa é moi relativo e depende do contexto, pero pódese tratar dun pensamento ou dunha explicación, para maior entendemento do espectador.

Tipos e usos da voz en off[editar | editar a fonte]

Como un recurso do personaxe[editar | editar a fonte]

Os directores poden pór unha voz en off na fase de produción porque o argumento ou a motivación do personaxe non é inmediatamente clara; por exemplo Francis Ford Coppola púxolle unha voz en off ao personaxe do Capitán Willard en Apocalypse Now para clarificar os pensamentos e intencións de Willard. Na versión da película Moby Dick de 1956 de Herman Melville, Richard Basehart, como Ishmael, narra a historia e ás veces comenta a acción en voz en off, igual que fai William Holden na película Sunset Boulevard.

A técnica de voz en off tamén se usa para dar voces e personalidades a personaxes de debuxos animados. Entre os actores de voz máis sobresaíntes e versátiles atópanse Mel Blanc, Don Messick e Daws Butler.

Como un recurso creativo[editar | editar a fonte]

No cine, o director pon o son dunha voz humana (ou varias voces) sobre imaxes mostradas na pantalla que poden estar ou non relacionadas coas imaxes mostradas. Por conseguinte, as voces en off úsanse ás veces para crear un contrapunto irónico. Tamén, de vez en cando poden ser voces aleatorias non directamente relacionadas coa xente que se ve na pantalla. En obras de ficción, a voz en off é usada normalmente por un personaxe para reflexionar sobre o seu pasado, ou por unha persoa externa á historia que normalmente ten un coñecemento máis completo dos acontecementos da película que os outros personaxes.

A voz en off é empregada normalmente para contar a historia mediante un narrador omnisciente/personaxe. Por exemplo, en The Usual Suspects, o personaxe de Roger "Verbal" Kint emprega ás veces a voz en off cando está contando detalles dos seus feitos. Voces en off neste sentido clásicas do mundo do cine poden ser oídas en Cidadán Kane e The Naked City, así como en Annie Hall, Gattaca, Fight Club, Megamind, Ratatouille, Spirit: Stallion of the Cimarron, Tangled, The Magic School Bus, The Emperor's New Groove, Kronk's New Groove, Blade Runner, The Rugrats Movie, Cadea perpetua, Big Fish, How to Train Your Dragon, Moulin Rouge!, The Postman Always Rings Twice, Young Winston, Rugrats, Raising Arizona, Un dos nosos, Furia de titáns, e Star Quest: The Odyssey.

O xénero do cine negro está especialmente asociado coa técnica de voz en off.

Como un recurso pedagóxico ou descritivo[editar | editar a fonte]

A voz en off ten moitas aplicacións fóra da ficción tamén. Os telexornais están normalmente presentados como unha serie de clips de vídeo de acontecementos de interese periodístico (pezas informativas), coa voz en off dos xornalista explicando o significado das imaxes presentadas; estes intercálanse con imaxes dos presentadores describindo as historias mentres non se ve o vídeo dos acontecementos.

As retransmisións deportivas en directo tamén empregan a miúdo voces en off feitas por locutores expertos, que narran as xogadas sobre o vídeo do evento deportivo.

Os concursos de televisión antigamente facían un amplo uso da voz en off para presentar concursantes e describir os premios dispoñibles ou concedidos, pero esta técnica non se leva moito agora debido a que os concursos ofrecen premios predominantemente de diñeiro en efectivo.

Os comentarios en voz en off por un destacado crítico ou polo propio persoal de produción son unha importante característica da publicación de películas de cine en DVD, dentro do seu making-of.

Tradución[editar | editar a fonte]

Nalgúns países, tales como Rusia ou Polonia, é empregada unha especie de voz en off como alternativa á dobraxe, onde se pode escoitar a versión orixinal e por riba unha voz traducindo os diálogos.