Ubi sunt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ubi sunt? é un tópico latino que significa literalmente "Onde están?" e fai referencia á fugacidade do tempo. Ten a súa orixe na frase "Ubi sunt qui ante nos in hoc mundo fuere?" ("Que foi dos que viviron antes ca nós?"), utilizada xa na literatura da Roma Clásica, pasando despois ás literaturas romances e á literatura europea.

Características[editar | editar a fonte]

Reflicte un tópico de orixe na Biblia, que aparece no Libro da sabedoría, en Isaías e en Baruc, e que rexorde na Idade Media: a concepción da vida coma un tránsito á vida despois da morte. Xa no século XV foi empregado por François Villon na obra Ballade des dames du temps jadis e por Jorge Manrique nas Coplas a la muerte de su padre.

Na literatura galega do século XX este tópico aparece no poemario Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro (1950) nos poemas "Rondeau das señoras donas pintadas no ouso do Vilar, no século XIV, cheirando unha frol" e "Rondeau da dona enterrada en San Xohán de Badón, con dous anxos aos pés", pezas ambas as dúas de certo carácter neotrobadoresco. Tamén aparece no poema "María Balteira" de Darío Xohán Cabana (1992)[1], así como no poema en castelán "Ayer" de María Mariño[2].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López, Teresa (1999): "María Balteira, señora do tempo pasado". En Cinguidos por unha arela común: homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero; pp 795-812.
  2. Novo, Olga (2007): "Pía o paxaro da paz. O Courel de María Mariño". Boletín da Real Academia Galega nº 368; pp. 85-102.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.