Twist (baile)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xente bailando twist en Berlín o 17 de maio de 1964.

O twist[1] é un baile baseado no rock and roll moi popular a comezos da década de 1960, chamado así a partir dunha canción que o orixinou: "The Twist". Foi o primeiro estilo internacional de baile baseado no rock and roll, onde as parellas non se tocaban mentres bailaban.

Este baile popularizouno Chubby Checker en 1960 coa súa versión do tema de "The Twist" composto por Hank Ballard en 1959. A versión de Checker chegou ao número un das listas dos Estados Unidos, e converteuse no posuidor dunha marca ao ser o primeiro sinxelo en alcanzar o primeiro lugar dúas veces en anos diferentes. A primeira vez en 1960 e logo en 1962.

A España o twist chegou en 1962, e foi entón cando grupos e solistas comezaron a versionar e crear novos twist. Algúns deles son "Lolita twist",[2] "El twist de la risa",[3] "Flamenco twist", "El twist del reloj" etc.

En América Latina, a tolemia polo twist desatouse tamén entre os anos 1960 e 1962 pero non polas versións de Checker ou Ballard, senón pola de Bill Haley & His Comets. En México, foron grandes éxitos os temas "The Spanish Twist", "Florida Twist" e "Twist-er", onde a banda conseguiu o recoñecemento de seren os iniciadores do baile de moda.

Notas[editar | editar a fonte]