Trypanosoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Trypanosoma

Trypanosoma sp. entre células sanguíneas
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Excavata
Filo: Euglenozoa
Clase: Kinetoplastida
Orde: Trypanosomatida
Xénero: Trypanosoma
Gruby, 1843

O Trypanosoma (tripanosoma) é un xénero de protistas cinetoplástidos (clase Kinetoplastida), un grupo monofilético[1] de protozoos unicelulares parasitos flaxelados. O nome deriva do grego trypano (broca) e soma (corpo) porque se moven cun movemento en espiral como un sacarrollas. Todos os tripanosomas requiren máis dun hóspede obrigatorio para completar o seu ciclo de vida e transmítense por medio dun animal vector. A maioría das especies son transmitidas por invertebrados hematófagos, pero utilizando diferentes mecanismos segundo as especies. No hóspede invertebrado atópanse xeralmente no intestino, e no hóspede vertebrado aparecen normalmente no sangue ou dentro das células.

Os tripanosomas infectan unha variedade de hóspedes e causan varias doenzas, entre as cales hai doenzas humanas importantes como a enfermidade do sono (ou tripanosomíase africana), causada polo Trypanosoma brucei, e a enfermidade de Chagas, causada polo Trypanosoma cruzi.

O xenoma mitocondrial do Trypanosoma, e a doutros cinetoplástidos, coñecido como cinetoplasto, está feito dunha serie complexa de círculos concatenados e minicírculos e require un conxunto de proteínas para a súa organización durante a división celular.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira especie do xénero Trypanosoma que froi identificada foi atopada na troita por Gabriel Valentin en 1841. Non foron identificadas nos mamíferos ata 25-30 anos máis tarde.

Principais especies[editar | editar a fonte]

Trypanosoma cruzi.

As dúas especies máis importantes por ser parasitos humanos relevantes son Trypanosoma brucei (enfermidade do sono) e Trypanosoma cruzi (enfermidade de Chagas), pero hai outras especies que parasitan a moitos vertebrados. As especies máis importantes de Trypanosoma son as seguintes:

Ciclos vitais e morfoloxías[editar | editar a fonte]

As seis morfoloxías principais dos tripanosomátidos.

Existen dous tipos de tripanosomas diferentes, con ciclos de vida difrerentes, as especies salivarias e as estercorarias.

Os tripanosomas estercorarios infectan insectos, xeralmente o Triatoma, desenvólvese na parte posterior do seu aparato dixestivo e os protozoos infectivos son liberados nas feces, que son depositadas na pel do hóspede. O organismo entón penetra e pode diseminarse polo corpo. Os insectos volven a infectarse cando se alimentan de sangue do hóspede. Destaca o T. cruzi.

Os tripanosomas salivarios desenvólvense na parte anterior do aparato dixestivo do insecto (probóscide, hipofarinxe), e o vector máis importante é a mosca tse-tse. Os organismos infectivos son inoculados no hóspede cando pica e segrega saliva antes de alimentarse. Destaca T. brucei.

A medida que os tripanosomas progresan no seu ciclo vital van sufrindo unha serie de cambios morfolóxicos como ocorre en todos os tripanosomátidos. O ciclo vital xeralmente presenta unha forma tripomastigota no hóspede vertebrado e unha forma tripomastigota ou promastigota no aparato dixestivo do hóspede invertebrado. Na fase intracelular do ciclo de vida o protozoo está normalmente na forma amastigota. Nos tripanosomátidos a morfoloxía tripomastigota é exclusiva das especies do xénero Trypanosoma, na que o flaxelo percorre toda a célula formando unha membrana ondulada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hamilton PB, Stevens JR, Gaunt MW, Gidley J, Gibson WC (2004). "Trypanosomes are monophyletic: evidence from genes for glyceraldehyde phosphate dehydrogenase and small subunit ribosomal RNA". Int. J. Parasitol. 34 (12): 1393–404. PMID 15542100. doi:10.1016/j.ijpara.2004.08.011. 
  2. World Health, Organization (2005). "A new form of human trypanosomiasis in India. Description of the first human case in the world caused by Trypanosoma evansi". Wkly. Epidemiol. Rec. 80 (7): 62–3. PMID 15771199. 
  3. Joshi PP, Chaudhari A, Shegokar VR; et al. (2006). "Treatment and follow-up of the first case of human trypanosomiasis caused by Trypanosoma evansi in India". Trans. R. Soc. Trop. Med. Hyg. 100 (10): 989–91. PMID 16455122. doi:10.1016/j.trstmh.2005.11.003. 
  4. Batista JS, Rodrigues CM, García HA, Bezerra FS, Olinda RG, Teixeira MM, Soto-Blanco B. (2011). "Association of Trypanosoma vivax in extracellular sites with central nervous system lesions and changes in cerebrospinal fluid in experimentally infected goats". Veterinary Research 42 (63): 1–7. PMC 3105954. PMID 21569364. doi:10.1186/1297-9716-42-63. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]