Transbordador espacial Discovery

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O transbordador Discovery na rampla de lanzamento.

O transbordador espacial Discovery, designación OV-103 (Orbital Vehicle 103) foi un transbordador espacial que pertenceu á frota de transbordadores espaciais da NASA. Foi o terceiro transbordador da frota e fixo 39 misións nos seus 27 anos de servizo. Fixo a súa primeira misión (STS-41-D) o 30 de agosto de 1984, e a última o 24 de febreiro de 2011 (STS-133).

Historia[editar | editar a fonte]

O transbordador recibiu o seu nome por un dos buques usados por James Cook durante a súa exploración do océano Pacífico durante a década de 1770. Durante a súa construción empregáronse as leccións aprendidas durante a montaxe dos seus predecesores, o transbordador de probas Enterprise e as naves operativas Columbia e Challenger. Á saída da liña de montaxe o Discovery era 3115 kg máis lixeiro que o Columbia. Xunto co Challenger, o Discovery tiña a particularidade de que foi reacondicionado para poder transportar foguetes Centaur na bodega de carga para o lanzamento de satélites. Despois do accidente do transbordador espacial Challenger decidiuse que, por seguridade, ningún transbordador levaría foguetes Centaur como carga.

O contrato para a fabricación do orbitador foi firmado o 29 de xaneiro de 1979. A nave quedou finalizada o 12 de agosto de 1983, co seu primeiro voo o 30 de agosto do ano seguinte. A primeira revisión en profundidade do Discovery tivo lugar en febreiro de 1992, inspeccionándose completamente a súa estrutura e realizándose 78 modificacións. A segunda tivo lugar entre setembro de 1995 e xuño de 1996, e nela instalouse o sistema de acoplamento coa Estación Espacial Internacional, mellorouse a iluminación da baía de carga e fixéronse varias decenas de melloras e arranxos.

Características[editar | editar a fonte]

  • Tripulación máxima: 8
  • Lonxitude: 37,24 m
  • Envergadura: 23,79 m
  • Carga útil: 24.990 kg
  • Pulo: 53,47 kN
  • Masa cheo: 116.884 kg
  • Masa baleiro: 104.472 kg
  • Impulso específico: 316 s
  • Tempo máxima en órbita: 30 días
  • Volume habitable: 71,5 m3

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]