Tiranía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase tiranía ao goberno exercido por un tirano. A orixe desta forma de goberno está na antiga Grecia, onde os tiranos realizaron reformas sociais en favor dos máis desfavorecidos e impulsaron as obras públicas.

Eurípides falaba da "tiranía que nos iguala aos deuses", pero nas Suplicantes sinalaba que

nunha cidade non hai peor inimigo que un tirano baixo o cal desaparecen todas as leis comúns e manda un só, que ten a lei na súa man

Con todo a longo prazo o sistema fracasou porque se baseaba no prestixio persoal dun individuo cuxos sucesores adoitaban recorrer á violencia para manterse no seu poder.

Na actualidade, a tiranía evoca un réxime de goberno no que se dan estes trazos:

  1. Non existe unha verdadeira orde xurídica.
  2. Existe unha servidume imposta aos servos.
  3. É un goberno que usa a forza porque non ten poder nin autoridade.
  4. Hoxe en día, mestúrase a ideoloxía e a demagoxia.

A tiranía implica un dominio directo de homes por homes onde as leis son utilizadas coma ordes pois non existe un auténtico ordenamento xurídico. Pode definirse coma unha situación política inestábel sostida polo temor, o goberno do tirano adoita estar rexido pola desmesura, a falta de medida, a subxectividade, e a ausencia de equidade. O seu piar principal é o medo que inspira o uso irracional e permanente da forza sen autoridade.

A tiranía caracterízase por ser unha seudoforma de goberno onde o tirano e os seus achegados obteñen beneficios económicos pola súa posición, carecendo de todo tipo de fundamentacións éticas e sen o consentimento popular, onde a xustiza non existe e o pobo obedece pasivamente, sométese podendo ser considerados case como servos e non como cidadáns.

Baixo a tiranía o Dereito só é unha aparencia nas mans do tirano, pois o recoñecemento ou privación dos dereitos está suxeito o arbitrio ou vontade do tirano. Porén, os usos e costumes tamén están suxeitos ao arbitrio do tirano que poden e acostuman ser suplantados pola forza chegando a facer desaparecer ata a opinión pública. Por iso se pode afirmar que coa tiranía non hai liberdades nin individuais nin colectivas (tanto civís como políticas).

A doutrina do tiranicidio e o dereito de resistencia[editar | editar a fonte]

  • Segundo os gregos e os romanos, o poder era un feito natural consecuencia da forza; e polo tanto, opoñíanse ao mando dun só porque doadamente dexeneraba na tiranía (rexeitada por ser un goberno contranatural incompatíbel coa liberdade do cidadán).
  • Na época medieval, o cristianismo entendeu que o poder tiña unha orixe divina e polo tanto, ten un carácter moral polo que o poder político pertence ao pobo no seu conxunto. O iniciador da doutrina da tiranía foi Santo Isidoro.
  • Segundo Hobbes "como toda insurrección vai en contra do Dereito establecido, é ilegal, e, polo tanto, ilexítima, pero si triunfa, implanta o seu propio dereito, e se lexitima".
  • Xoán de Salisbury no século XII consideraba ao tirano un gobernante contra a lei e xustificaba o tiranicidio pola "desorde que introduce o tirano na sociedade".
  • San Tomé de Aquino no século XIII, tamén recollía a posibilidade do tiranicidio pero apelando a paciencia dos súbditos ou á intervención dun poder superior.
  • Na Época Moderna, a Reforma de Lutero e as Guerras de Relixión reavivan o dereito de resistencia fronte a dous tipos de tiranía:
  1. Tiranía de dereito: Cando o tirano é un usurpador que se apodera do goberno sen título para iso.
  2. Tiranía de feito: Cando un gobernante lexítimo abusa do seu poder, e remata por converterse nun tirano. Dentro deste tipo, podemos diferenciar dous subtipos:
  • Tiranía por omisión: Cando o gobernante non procura o ben común.
  • Tiranía a través de leis inxustas contra as persoas e os bens.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]