Testamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Testamento ológrafo de Hector Berlioz.

Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se ha de dividir a súa herdanza e a quen se lle ha de entregar cada parte. No testamento, o testador debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do defunto, xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cotas, de tal forma que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales.

Clases[editar | editar a fonte]

En España o Dereito civil común establece (á marxe dos testamentos especiais) tres clases de testamentos:

  • O testamento ológrafo é o escrito do puño e letra do testador, non podendo estar escrito por ningún medio mecánico. Esta clase de testamento non debe ser presentado ante notario, aínda que posteriormente á morte debese constatar que está conforme a Dereito.
  • O testamento notarial pechado é o que o testador presenta ante notario xa elaborado, sen que este saiba o seu contido. Este tipo de testamento pode ser elaborado por medios mecánicos, aínda que en tal caso o testador debe asinar en todas e cada unha das páxinas. Así mesmo, o testador debe asinar tódalas páxinas cando, non sabendo escribir, encarga a outro que llo escriba.
  • O testamento notarial aberto é aquel redactado polo notario de acordo coa vontade do testador. É o máis habitual. Queda rexistrado nos arquivos da notaría.

Outros testamentos[editar | editar a fonte]

Outros testamentos, non recoñecidos polo dereito sucesorio común, son:

  • O testamento mancomunado propio do costume galego e incorporado á Lei de Dereito civil de Galicia, é o outorgado por varias persoas na mesma escritura ante notario, na mesma forma que o testamento aberto. O testamento mancomunado regulado en Galicia corresponde aos cónxuxes que testan conxuntamente. Neste caso pódense incluír disposicións correspectivas, que son aquelas nas que os testadores dispoñen dun ben común para o supervivente á morte do outro.
  • O testamento por comisario é aquel no que o testador delega a capacidade de testar noutra persoa, habitualmente o cónxuxe, mediante escritura pública na que ademais pode imporlle ó comisario algunhas condicións, tales como a duración da delegación, a disposición de certos bens, a institución obrigatoria de herdeiros etc.

Testamentos especiais[editar | editar a fonte]

O Código civil establece unha serie de testamentos que considera especiais debido ás circunstancias nas que se outorgan:[1]

  • O testamento militar é aquel outorgado en tempo de guerra polos militares en campaña, voluntarios, reféns, prisioneiros e demais individuos empregados no exército, ou que sigan a este.[1]
  • O testamento marítimo é aquel realizado en mar a fóra durante unha viaxe. Quedan baixo este tipo os realizados en buque mercante e os realizados en buque de guerra.[1]. Cando o buque, sexa de guerra ou mercante, arribe ao primeiro porto do Reino, o Comandante ou Capitán entregará o testamento orixinal, pechado e selado, á Autoridade marítima local, con copia da nota tomada no Diario; e, se houbese finado o testador, certificación que o acredite.[1]
  • O testamento feito en país estranxeiro son os realizados fora do territorio nacional do Estado ao que pertenza o testador. Estes testamentos haberán de realizarse conforme ás normas do estado no que se atope o testador no momento da súa redacción.[1] Non será válido en España o testamento mancomunado, prohibido polo artigo 669 do Código Civil, que os españois outorguen en país estranxeiro, aínda que o autoricen as leis da Nación onde se houbese outorgado.[1]

Estes tipos de testamento só poden ser utilizados cando concorran as circunstancias especiais para os que están previstos. Este tipo de testamento exixe ademais a mesma capacidade ao testador que nos comúns, así como a constancia dunha auténtica vontade testamentaria detrás dos actos constitutivos do seu outorgamento.[2]

Requisitos para testar[editar | editar a fonte]

Cando se outorga testamento notarial, deben acudir dúas testemuñas ó outorgamento cando:

  • O requiran o notario ou o testador.
  • O testador sexa cego ou demente en intervalo lúcido.

En España están impedidos para testar, entre outros, os menores de 14 anos e os que non están en pleno uso das súas facultades mentais. Non obstante, o feito de que os menores de idade poidan testar é bastante pouco común, sendo o límite máis común o da maioría de idade.

Executores do testamento[editar | editar a fonte]

Lectura do testamento, litografía de Louis Léopold Boilly.

Son aquelas persoas ás que o testador encarga na escritura testamentaria o feito de levar a cabo, tanto administrativa como realmente, as disposicións incluídas no testamento. Non tódalas figuras están recoñecidas por tódolos sistemas de dereito de sucesións, nin todas poder ter cabida en tódolos tipos de testamentos. Entre eles cóntase:

Os testamenteiros son persoas ás que o testador encarga no testamento que realicen determinadas funcións á súa morte, tales como paga-lo enterro e o funeral, se o houber, sufraga-los legados en metálico, contactar cos herdeiros etcétera.

O testador pode establecer con respecto ó cargo de testamenteiro:

  • Que quen o exerza reciba uns honorarios.
  • Que varias persoas o exerzan de maneira mancomunada.

Asemade, en previsión de que o testamenteiro abandone renuncie ó seu cargo, ou sexa cesado, pode determinar unhas persoas como substitutas. En todo caso, aínda sendo voluntario exercer de testamenteiro, o que renuncie perderá os seus dereitos na herdanza, excepto disposición en contrario do testador.

Caducidade do testamento[editar | editar a fonte]

A caducidade do testamento supón a súa ineficacia nos casos que prevé o art. 743 do Código civil de 1889.

Caducarán os testamentos, ou serán ineficaces en todo ou en parte as disposicións testamentarias, só nos casos expresamente previstos neste Código
Artigo 743[1]

Caducarán polo simple transcurso do tempo os testamentos outorgados en circunstancias especiais, e de xeito excepcional, cando unha vez desaparecidas estas circunstancias que xustifican a forma especial, non foran substituídos por forma ordinaria: o outorgado en inminente perigo de morte, o outorgado en epidemia, os testamentos militares e marítimos ordinarios e os extraordinarios.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Real Decreto de 24 de julio de 1889" (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2016. 
  2. Bercovitz, pp. 144.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bercovitz, Rodrigo (2015). Bercal, ed. Manual de Derecho Civil. Sucesiones (en castelán).