Teseo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teseo e o Minotauro.

Teseo (en grego Θησεύς Theseus) era fillo de Etra e de Exeo, rei de Atenas, aínda que tamén se dixo que o pai foi Poseidón, o deus do mar, de feito Etra uniuse na mesma noite aos dous.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Exeo, que non tivera descendencia e que recorrera ao oráculo de Delfos para acadala, ignoraba que da súa relación fugaz con Etra nacera Teseo. Así que a infancia de Teseo transcorreu na compaña da súa nai na cidade de Trecén. Cando cumpriu os dezaseis anos a súa nai desveloulle o segredo da súa paternidade e entregoulle unha espada e unhas sandalias de ouro que pertenceran a seu pai.

Viaxe a Atenas[editar | editar a fonte]

Teseo, que desde moi novo destacara pola súa forza e a súa valentía, decidiu dirixirse a Atenas en solitario para coñecer ao seu proxenitor, sen temer os perigos que podía entrañar a viaxe. Pola contra, desexaba emular as fazañas do seu admirado Heracles, co que tiña grande amizade.

O primeiro en experimentar o seu valor foi Perifetes, o salteador de camiños, que, a pesar de ser coxo, dominaba á perfección unha enorme maza de bronce coa que mataba os viaxeiros: a mesma maza que tan útil lle había ser a Teseo no futuro, pois quedou con ela tras darlle morte.

Outro dos bandidos aos que tivo que se enfrontar foi Sinis, o dobrador de pinos, que tiña un xeito peculiar de se desfacer dos seus inimigos: dobraba dous pinos próximos, ataba as copas entre si e un brazo da súa vítima a cada unha delas. Logo soltaba as árbores que, ao se enderezar violentamente, desgarraban o corpo do desgraciado. Teseo, tras acabar con Sinis, mantivo unha relación amorosa coa súa filla Perigune de quen tivo un fillo: Melanipo.

Teseo continuou a súa viaxe e chegou a Atenas, pero atopouse cun inconveniente: seu pai casara con Medea, a que fora esposa de Xasón, co fin de que esta lle dera un herdeiro, ignorante do nacemento de Teseo. Desta unión nacera un fillo ao que chamaron Medo.

Ante esta situación inesperada, Teseo decidiu agardar un pouco antes de darse a coñecer. Pero Medea, que era unha feiticeira, recoñeceuno e veu nel un perigo para que o seu fillo accedera ao trono de Atenas. Así que trazou un plano. Enganou a Exeo, dicíndolle que aquel home era un inimigo de Atenas e que debían acabar coa súa vida, e convenceuno para que o invitase a un banquete no seu palacio. Unha vez alí, Medea puxo veleno na copa do rapaz pero a casualidade salvou a súa vida. Teseo sacara a espada que lle deu a súa nai para cortar a carne. Entón Exeo recoñeceu a arma, comprendeu o que ocorría e quitoulle ao seu fillo a copa dos beizos. Tendo fracasado na súa empresa, Medea decidiu fuxir co seu fillo.

Teseo foi daquela recoñecido oficialmente como fillo e sucesor do rei. Este feito provocou a rebelión dos Palántidas, fillos de Palante que era irmán de Exeo, xa que un deles sería o sucesor de Exeo no caso de que este non tivese descendencia. Teseo, facendo alarde da súa astucia militar, conseguiu acurralar aos seus adversarios e dar morte a gran parte deles, fuxindo os restantes. Teseo foi entón aclamado por todos os atenienses e recoñecido como futuro rei.

Teseo e o Minotauro[editar | editar a fonte]

Desde había moito tempo, Atenas estaba obrigada a entregar cada ano un tributo a Creta, que consistía no sacrificio de sete mozos e sete doncelas para seren devorados polo monstro chamado Minotauro, que tiña cabeza de touro e corpo de home, e nacera dos amores de Pasífae, esposa de Minos, cun touro branco. Minos encerrárao no Labirinto, construción complicada do arquitecto Dédalo, na que era fácil entrar pero practicamente imposíbel saír. Teseo ofreceuse a ir. Unha vez alí, propuxo ao rei Minos que se daba acabado co monstro quedarían libres os catorce mozos e Atenas exenta do tributo. Minos aceptou a proposta.

A principal preocupación de Teseo era o modo de saír do Labirinto e nisto entrou en xogo Ariadna, filla de Minos, que se namorou del e o axudou a se librar da morte no Labirinto ofrecéndolle un novelo de fío para que non se perdese no interior daquel lugar. Teseo seguiu as instrucións de Ariadna, conseguiu matar o monstro e fuxir de Creta no seu barco xunto con Ariadna e o resto dos mozos que o acompañaran.

De regreso á súa patria, Teseo decidiu parar na illa de Naxos para recoller provisións e alí abandonou, sen explicación aparente, a Ariadna, que quedara durmida. Cando espertou e se decatou do sucedido, chorou amargamente. Porén, non moito tempo despois apareceu pola illa o deus Baco e namorouse dela. Ariadna correspondeu este amor e pouco despois casaron.

Volta a Atenas[editar | editar a fonte]

Teseo continuou a súa viaxe triunfal cara a Atenas, pero cometeu un tremendo erro. Dixéralle a seu pai que á volta da súa viaxe, se saía vencedor naquela empresa, había izar unha bandeira branca en sinal de vitoria; en caso contrario, se perecese, regresaría a embarcación coa súa acostumada bandeira negra. Teseo esqueceu cambiar a bandeira, e o seu pai, que veu desde unha torre como se acercaba o barco polo horizonte portando a bandeira negra, desconsolado, botouse ao mar e morreu. A ese mar que baña as costas de Grecia chámaselle desde entón mar Exeo.

Unha vez en Atenas e tras herdar o trono de seu pai, casou cunha das Amazonas (mulleres guerreiras que vivían cerca do Cáucaso), Antíope, que lle deu un fillo chamado Hipólito. Ao pouco tempo Teseo repudiou á súa esposa para casar con Fedra, filla tamén do rei Minos. Dise que Acamante foi fillo del. Fedra namorouse perdidamente do seu fillastro Hipólito e acosábao, pero só obtiña o desdén de Hipólito. Así que, véndose deshonrada pola vergoña e nun arrebato de rabia suicidouse, deixando como vinganza unha nota ao seu esposo Teseo na que dicía que Hipólito tentara violala. Teseo, enfurecido, desterrou ao seu fillo, que morreu vítima do ataque dun monstro mariño enviado polo deus Neptuno a instancias de Teseo.

Últimos días de Teseo[editar | editar a fonte]

Xa en idade avanzada, Teseo acompañou ao seu amigo Pirítoo ao Inferno, xa que este último quería raptar a Perséfone, a esposa de Hades, para casar con ela. Pero o deus do Hades lles tendeu unha trampa: invitounos a un banquete e unha vez que os tivo sentados á mesa, deixounos adheridos aos asentos. Teseo foi rescatado por Heracles, que coa súa forza logrou despegalo do asento; en cambio, Piritoo permaneceu condenado a quedar alí para toda a eternidade.

Á súa volta dos infernos, nos últimos anos da súa vida, Teseo encontrouse cun caos total no goberno da súa cidade e decidiuse a se desterrar voluntariamente á illa de Esciros onde foi asasinado polo seu rei Licomedes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Œdipe intérieur, Annick de Souzenelle, Albin Michel, 1999 ;
  • Thésée, novela de André Gide.