Tamoxifeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tamoxifeno.

O tamoxifeno é un medicamento que se emprega como terapia complementaria para o cancro de mama. Utilízase durante un período de 5 anos logo de rematar a cirurxía e a quimioterapia e demostrou en diferentes estudos que diminúe considerablemente a probabilidade de que se produza unha reincidencia do tumor.[1]

Comercialízase en forma de comprimidos de 10 e 20 mg. A dose diaria rolda entre 20 e 40 mg repartidos nunha ou dúas tomas.[2]

Tecnicamente clasifícase como modulador selectivo dos receptores estroxénicos. O seu mecanismo de acción baséase no seu efecto antiestroxénico, é dicir, bloquea a acción desta hormona que estimula o desenvolvemento das células tumorales. Non é útil en tódolos cancros de mama, senón só naqueles cuxas células presentan receptores específicos para estróxenos. Os tumores de mama son heteroxéneos a nivel celular e unicamente o 60% presentan receptores hormonais deste tipo.[1]

A súa acción non se limita á mama, pois diferentes órganos teñen receptores para estróxenos. No útero ten paradoxalmente un efecto agonista estroxénico e no óso mellora a asimilación de calcio, polo que é beneficioso na osteoporose, no caso das mulleres menopáusicas. Nas mulleres premenopausicas pode xerar o efecto contrario, aumentado a perda de densidade mineral ósea.[3]

Notas[editar | editar a fonte]