Salios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Selo de Khilderico I, rei dos salios entre o 457 e o 481, coa inscrición CHILDERICI REGIS, atopado na súa tumba en Tournai.

Os pobos salios eran a porción do pobo xermánico dos francos que habitaba, a mediados do século III a. C., na rexión do curso inferior do río Rin, nos actuais Países Baixos, Bélxica e noroeste de Alemaña. Como todos os pobos xermánicos, non tiveron rexistros históricos escritos (a escritura rúnica dos xermanos de Escandinavia usábase con fins exclusivamente relixiosos) ata a súa mestizaxe cos pobos románicos de Europa nos séculos seguintes. A súa historia previa á adquisición da escritura coñécese só a través da tradición oral (maioritariamente de carácter mítico e, polo tanto, de dubidosa credibilidade). A primeira historia escrita dos francos está no libro Historia francorum (Historia dos francos), escrito por Gregorio de Tours, bispo de Tours logo santificado, quen naceu e morreu no reino franco de Neustria, (Riom c. 538 - Tours c. 594). Segundo estas crónicas (que son parte dunha historia eclesiástica reproducida nun manuscrito do século VIII), o primeiro Duque ou Rei dos francos salios foi Faramundo.

Os francos salios recollen as súas primeiras leis por escrito no ano 511, xurdindo, entón, a coñecida expresión lei sálica, aínda que cun contido distinto do que ten hoxe día (é dicir, a exclusión das mulleres do goberno dun estado), pois eles trataban cuestións xurídicas civís e criminais no máis amplo sentido. Esta dexeneración connotativa deriva de que o rei francés Henrique IV, no século XVI, resucitou parte desta vella lexislación, para apartar da liña sucesoria á súa rival, Sabela Clara Uxía, neta de Henrique II de Francia, e filla de Filipe II de España. Desde entón, a lei sálica é sinónimo da discriminación feminina nas liñas sucesorias a un trono real en toda Europa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]