Rexeneracionismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Rexeneracionismo foi o movemento intelectual que entre os séculos XIX e XX pretendeu reflexionar obxectiva e cientificamente sobre as causas da decadencia de España como nación.

Características[editar | editar a fonte]

Convén diferencialo da Xeración do 98, coa cal adoita ser confundido, posto que, aínda que ambos os movementos expresan o mesmo xuízo pesimista sobre España, os rexeneracionistas fano dunha forma obxectiva, documentada e científica, mentres que a Xeración de 1898 faino de forma máis literaria, subxectiva e artística.

O autor máis importante deste movemento, e en certo xeito o seu líder, foi Joaquín Costa, que causou unha auténtica conmoción coas súas obras Colectivismo agrario en España (1898) e Oligarquía e caciquismo como a forma actual de goberno en España (1901), aínda que o seu camiño foi preparado anteriormente por Os males da patria e a futura revolución española (1890), de Lucas Mallada e O problema español, de Ricardo Macías Picavea, así como polas críticas que sobre o analfabetismo e a pedagoxía do estado fixeron os krausistas da Institución Libre de Enseñanza dirixida por Francisco Giner de los Ríos.

Os escritores do Rexeneracionismo reaccionan contra a descomposición do sistema canovista publicando estudos e ensaios que denuncian esta situación, que chega a facerse evidente coa derrota do tecnicamente obsoleto exército español na guerra contra os Estados Unidos en 1898 e a perda do pouco que restaba do imperio colonial español (Cuba, Porto Rico e as Illas Filipinas).